O pasado venres 21 de
outubro saíu o autobús do Souto doVello cara a Burbia, localidade pertencente
ao concello de Vega de Espinareda, coa intención de facer a subida ao pico
Mostallar, tamén Mustallar ou Mostayal, (Mustallar : Monte máis alto da provincia de Lugo situado na Serra dos Ancares, ao oeste da
Cordilleira Cantábrica, cunha altitude de 1924 m., a 42° 49' N; 6° 50'
W)
Despois dunhas boas
voltas e reviravoltas (menos mal que xa era noite e non apreciamos ben por onde
pasabamos) chegamos ao camping de Burbia. Alí fixemos noite e ao día seguinte,
un día precioso por certo, saímos cara ao Mostallar.
Ao principio vas
camiñando por unha pista entre soutos preciosos que deitaron as súas castañas
para que algúns soutiños e soutiñas se abaixasen a collelas. Pouco a pouco imos
meténdonos nun precioso bosque con rebolos, algún teixo, acivros…

Despois dunha agradable
“sobremesa” ao sol, cruzamos os arames para comezar un duro descenso cara a
Burbia. Con coidado de non caer nas pedras soltas baixamos observados polas
imponentes paredes do Mustallar e Penalonga. Máis abaixo cruzamos as pedras que
deberon caer das Peñas dos Bodegois.

Á volta esperaba unha
suculenta cea á que lle seguiu unha queimada (con lectura do conxuro por dous
especialistas na materia) e festa amenizada polos Soutiños.
A media tarde collemos o
autobús para vir de volta a Vigo en busca da chuvia. Por certo, vaia se a
atopamos!
Unha fin de semana moi agradable que debemos agradecer a todos os que
participaron na organización.