A segunda saída de fin de semana do Souto do Vello foi cara á costa. A primeira fora polo interior. Podiamos chamarlle a ruta das pedras, xa que pasamos por algunhas das máis importantes da Costa da Morte, onde se practicaba algún tipo de culto pagán. Estas figuran nas lendas sobre o monte Pindo, o monte de San Guillerme en Fisterra e as pedras de Muxía.
O sábado 27 de outubro ás 7 da mañá, o autobús conducido por Rubén Darío puxo rumbo a Fisterra. Quedaba por facer o remate do Camiño de Santiago, a etapa de Fisterra a Muxía. Había que chegar ata o santuario da Virxe da Barca, onde segundo di a tradición, chegou a Virxe nun barco de pedra para animar ao apóstolo Santiago na súa prédica por estas terras.
Aproximadamente 35 km separan estas dúas bonitas localidades da Costa da Morte. Partindo do faro, e despois de facer a foto de grupo, comezamos a andar e pasamos polo monte de San Guillerme onde está a famosa cama de pedra con propiedades fertilizantes. Creo que ninguén se quixo deitar, será pola crise? O camiño vai entre aldeas, campos de cultivo, bosques e por veces, á beira do mar. Xa chegando a Muxía hai que pasar polo alto das Aferroas, con boas vistas, e pola praia de Lourido. Xa en Muxía, a maioría diríxese ata o santuario da Virxe da Barca para tentar pasar a pedra dos cadrís e contemplar a preciosa paisaxe. Volta ao autobús para ir ata Cee onde espera a ducha, cea (por certo moi boa) e a descansar. Menos mal que había unha hora máis.
O domingo ás 8 (pola nova) xa estaban todos os andaríns no restaurante para dar boa conta dun suculento almorzo. A continuación o autobús trasladounos ata a localidade de Pindo, no municipio de Carnota. Este é o inicio da ruta que nos levará ata o alto do monte Pindo, o Olimpo celta. Saíndo dende a igrexa parroquial, vaise por un camiño ao pé dun regato acompañado de piñeiros (algúns queimados), loureiros...
Máis arriba desaparece a vexetación e aparecen as pedras que sorprenden polas súas formas fantásticas. Pásase por uns restos que din que foron dun castelo (de San Xurxo), por unha zona chá (chan das Lamas), polo Outeiro do Narís... ata chegar ao val de San Lourenzo, onde houbo unha explotación mineira. Facemos a foto diante da pena denominada O Guerreiro e continuamos ata chegar ao alto da Moa. Este é un mirador marabilloso desde onde se pode contemplar a praia de Carnota, o cabo Fisterra, a ría de Corcubión, as illas Lobeiras, e ao pé as vilas de Pindo e Ézaro. Comezamos o descenso cara a parroquia de Fieiro para chegar ao mirador do depósito de auga. Despois de xantar fixemos o pronunciado descenso ata chegar á desembocadura do Xallas e gozar co fermosa fervenza, coñecida como a fervenza de Ézaro.
Despois dunha refrescante cervexa nas cafeterías de Pindo, volta a casa co baúl cheo de vistas e as cámaras ateigadas de bonitas fotos. Xa agardamos pola próxima saída.
Que ben o pasamos, e que ben escribe o que fai a cronica non coma eu que boto toda a tarde e con axuda, que bonitas fotos pero ainda e mais bonito miralo, xa estou deseando que chege o domingo a ver a onde nos van levar que de seguro que bonito sera.
ResponderEliminarSi señor, boísismas fotos!! E a ruta preciosa, como todo o que temos en Galicia!!
ResponderEliminarEu estou dacordo, a ruta moi bonita,pero tardaron moito en comer o bocadillo (as onse son as onse) e de noite non se puido durmir cos ruidos que fasian os do fondo...de todos xeitos eu estou apuntado para a próxima. Haiche moito que ver!
ResponderEliminarJosefa.A camiñata desta costoume,coxear,pero pagou a pena.Como sempre,vistas nunca vistas.Nonsei si,estarei recuperada para o domingo ,si non e asi sentireino
ResponderEliminarDe verdade que sodes un grupo que da moita envexa pois as rutas son preciosas xa que as fotos son espectaculares. O narrador tamén lle pon moita poesía axeitada pero.. que mellor se pode dicir cando xa vades cun chofer chamado Rubén Darío? Logo atoparedes a Rosalia de Castro e podedes inventar o premio Nobel das rutas de sendeirismo galego, que seguro que gañades. Aos actores, cando se agarda que teñan unha boa actuación, deséxanlles "moita merda" e por iso eu deséxovos "moita marcha" en tódolos sentidos.
ResponderEliminar