O amigo Carlos Garrido levounos hai 10 anos a coñecer a serra do Courel nun outono marabilloso. Foi aquela
primeira fin de semana “dos callos”. Agora vólvenos levar, acompañado da súa xente, para percorrer os preciosos sendeiros desa serra. Desta volta imos na
primavera. Os que repiten lémbranse das cores
do outono pero non deixan de sorprenderse da gama de verdes, violetas,
amarelos…que nos aparecen por todos os recunchos. Os que veñen por primeira vez
quedan abraiados cos frondosos vales, altos cumes e serpenteantes sendeiros,
sen deixar de apreciar toda a variedade de flora que hai ao longo das subidas e
baixadas. Moitas grazas amigo Carlos (e acompañantes) por este agasallo de fin de semana!
Como se poden percorrer algo máis de 40 km sen tocar apenas asfalto!
Como se poden percorrer algo máis de 40 km sen tocar apenas asfalto!
O primeiro día fixemos a
ruta da Devesa da Rogueira. Partimos de Moreda para salvar un desnivel de aproximadamente
700 m. Trala
espectacular subida a través do bosque de acivros, acompañados de castiñeiros,
abeleiras, arandeiras, faias, teixos, bidueiros…chegamos ás famosas fontes do
Cervo. A uns 1400 m
de altitude atópanse estes dous canos manando, por unha banda augas
ferruxinosas e vermellas e por outro brancas e cristalinas augas calcáreas. Os
nosos devanceiros atribuíronlles poderes medicinais (a branca para curar
anemias e enfermidades do estómago e as vermellas para os pulmóns).
A partir de aí seguimos
ata facer cume no alto de Formigueiros. Logo fixemos a baixada pola Campa da
Lucenza pasando pola lagoa do mesmo nome, onde puidemos recrearnos co poder de
convocatoria de Raúl acompañado dunha preciosa ra de Santo Antón que foi
obxecto de mira dos reporteiros que se atopaban por alí, como se pode apreciar
nas fotos.
Chegamos á Seara onde
está o refuxio da Federación. Despois de visitar o muíño de Roi e a
espectacular fervenza de Vieiros fomos ao refuxio para dar conta do menú
servido por Roi (empandas, pizzas e pan) e a carne preparada por Kico. Doces,
queimada, gaiteiros, cantes…festa rachada. Logo toca durmir, ha! quen durmira!
No almorzo notábanse caras de todas as cores. Logo dos cafés, rosquillas,
biscoitos e roscas xa era outra cousa. Todos e todas preparados para a 2ª
xornada.
Saímos de Seoane, pasamos
pola ferrería e collemos o sendeiro do río Lor (segundo Lucho iamos ir ao pé do
río todo o tempo). Houbo alguén que non viu o río en todo o traxecto. Chegamos
á preciosa aldea de Vilar de Lor, co seu museo, o campazo… Alí fixemos un
auténtico xantar campestre con gaita incluída, pasarrúas e fogos artificiais.
Xa pola tarde quedaba un
pequeno tobogán para chegar a Vilamor, fin da ruta.
Despois dos obrigados
estiramentos e engraxamento con destilados de cebada, volta para a casa algo
cansos pero enchidos de ledicia pola espectacular fin de semana no Courel.
Para ver as fotos fai clic na imaxe.
Para ver as fotos fai clic na imaxe.
O Courel: do mellorciño de Galicia e do mundo enteiro!!!
ResponderEliminar