Hai catro días que
comezabamos a tempada ala polo mes de setembro nas terras de Allariz, gozamos
dunha fin de semana espectacular nas fragas do Eume, sufrimos un mal trago
cando iamos á Guarda, fixemos a obrigada visita ao santuario do bacalhau,
tripamos as fermosas terras do Courel… para rematar no primeiro Parque Nacional
de Galicia como é a illa de Ons.
Un bonito remate de
tempada onde os habituais estivemos acompañados dos ocasionais e mais dos
benxamíns, futuros andaríns do Souto do Vello. Esta espectacular illa dá pé a
gozar dela de distintas maneiras: rutas pequenas, medianas, completas…
miradoiros para perder o sentido, praias marabillosas e lugares onde poder
sobrevivir aqueles que queren ir a pasar unha fin de semana de supervivencia,
alimentándose só do que hai na illa (percebes, polbo, caldeiradas de peixe...).
Os que fixeron a ruta
completa pasaron polos miradoiros de Fedorento e do Centolo, polo Burato do
Inferno, o faro, o castelo dos Mouros e a Cova da Loba, percorrendo a illa de
Norte a Sur e de Leste a Oeste.
Despois do refrixerio
tocou sesión praia, baño, masaxe, paseo, sesta, etc., o tempo permitiu facer de
todo. Xa pola tardiña collemos o barco de volta a Bueu, despedindo así a
tempada 2013/14.
Unha pomba mensaxeira
deixounos a noticia dos progresos do noso amigo Poli, aínda que ás veces se
queixa da caña que lle mete o seu adestrador persoal. Ánimo, ti podes!
Botámoste de menos!
Bo verán para todos e
todas e ata setembro.
Para ver máis fotos fai clic nesta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario