Continuando co plan de
facer o Sendeiro das Greas, o pasado domingo 8 de marzo, fixemos a nosa segunda
etapa que comezou en Fornelos de Montes e rematou en Xunqueiras pasando por
Traspielas. Para esta etapa a organización reservou un día de primavera
marabilloso, se a isto lle engadimos que se trataba dunha das máis bonitas
etapas do Sendeiro, pois…como dicía o meu avó: “mel nas filloas”.
A etapa transcorre pola
Serra do Suído, onde están os puntos de maior altitude da provincia de
Pontevedra. Comezamos a andar ao pé do eucalipto do Ceo, un bo exemplar de
eucalipto. De aí fomos ata o muíño do Ceo, un muíño moi bonito e que ten unha
levada de gran lonxitude e moi ben conservada. Un sendeiro polo medio do monte
levounos ata o camiño empedrado que sobe ata Ventín e despois a Bustelos. Aí ao
pé da capela de San Caetano tomamos o bocadillo que nos daría forza para
seguir. A partir de aquí pasamos pola fraga de Oredo cruzada polo río Couñago,
afluente do Oitavén. Trátase dun bosque caducifolio de gran beleza pola
diversidade de especies vexetais que reúne. Sáese da fraga no Alto do Foxo. A
través dunha pista forestal chegamos ata o Couto do Corgo, onde se atopan os
restos dun foxo do lobo dobre. O camiño continúa por unha zona case sempre chea
de auga chamada Chan dos Prados. Dende aquí tomamos un desvío para subir ao
Coto de Eiras de 885 m,
un espléndido miradoiro dende onde puidemos contemplar a Ría de Vigo e máis
alá. Para subir a este Coto, a organización preparounos un “atallo” que nos
levou unha hora máis chegar ao alto. Aí puidemos aprender para que serven as
mans cando fas sendeirismo, ou mellor dito “alpinismo”. Pero que ben o
pasamos…sobre todo despois de chegar ao alto. Despois de baixar do Coto
aproveitamos para tomar un pequeño refrixerio. Sen poder durmir sesta tomamos
camiño a Traspielas. Ao saír de Traspielas coincidimos co sendeiro do río
Barragán e visitamos o muíño e a fervenza do río Pielas. Despois xa nos quedaba
o tramo final que nos levaría ata Xunqueiras onde nos esperaba o autobús para
volver a Vigo.
Dende aquí queremos
aproveitar para enviar un saco cheo de ánimos e forzas para Mª Jesús e Antonio
para axudalos a superar estes malos momentos agardando que máis pronto que
tarde volvan estar con nós. Ánimo!
Para ver máis fotos fai clic
aquí.