O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

3 jun 2015

A Fonsagrada


Antes de comezar teño que confesar que algúns andaríns acusan a este humilde servidor de que a organización me paga para falar ben dela…abofé que si, e desta volta moito máis porque a fin de semana que pasamos na Fonsagrada foi fantástica. Pero tamén teño que dicirlle á organización que o porco ten dous xamóns, así que…tomade nota.
É certo, esta última fin de semana de maio achegámonos ata A Fonsagrada para facer un par de andainas. A primeira alegría levamos ao chegar xa que nos estaban esperando Mª José  e Carlos Miguel totalmente recuperado. Unha gozada velos de novo con nós. Lembrámonos de Mª Jesús e mais de Poli e mandamos forza para que pouco a pouco se vaian recuperando e poidan estar pronto con nós. Lamentamos as pequenas lesións e contratempos que se deron e que impediron a algunhas andarinas facer as rutas completas. Son cousas que pasan.
Despois de acomodarnos nas espléndidas instalacións do albergue Cantábrico, fomos recoñecer o lugar con algunha visita ás viñotecas para engraxar as articulacións.
O sábado ben cediño estabamos preparados para comezar a ruta do desfiladeiro de Bustelín, no concello asturiano de Ibias.
Está considerada unha das rutas máis espectaculares do Parque Natural de las Fuentes del Narcea, Degaña e Ibias. A ruta vai pasando polo chamado “Desfiladero de Bustelín”, un impresionante sendeiro aberto na roca desde o que se pode gozar de magníficas paisaxes, enormes bosques con vexetación variada como érbedos, castiñeiros, sobreiras, etc. Por unha ponte colgante accédese ao lugar de Río de porcos, logo pásase por outras aldeas semiabandoadas como Peneda, Bustelo e Bustelín onde se poden contemplar construcións típicas como os hórreos co teito de palla. Tamén atopamos cortines, que son as construcións que se facían para protexer as colmeas do ataque dos osos, ou as corripas que era onde se acumulaban os ourizos das castañas.
Seguindo o curso do río chegamos ata a Cova do Oso, que foi mina de ferro de Fornaza e Vilar de Cuíña. Pasamos tamén pola bonita capela de San Antonio. A ruta fainos pasar de novo por Río de porcos antes de coller o autobús para volver á Fonsagrada.
Cando chegamos, algúns foron visitar o museo etnográfico que paga moito a pena. Despois da ducha e alicatado, paseo e cea no restaurante Cantábrico.
O domingo tocaban dúas nunha. Queriamos percorrer o Espazo Natural de Carballido, incluído na Rede Natura e declarado Reserva da Biosfera pola UNESCO. Neste lugar están incluídas a ruta de Gallol e a ruta de Pena Guímara. Comezamos o percorrido por un dos máis grandes soutos de Galicia e chegamos ata o espectacular Castro do Castelo situado nun lugar case inaccesible pero dunha beleza singular. Na ruta de Pena Guímara atravesamos un precioso bosque atlántico con carballos, acivros, teixos, freixos, etc. No percorrido, case sempre por un sendeiro ao pé do río Veiga de Logares, pódense contemplar valiosos elementos naturais como as Foces da Pinguela ou as Covas de Vilardíaz.

Acabamos sobre as catro e media ao pé das escolas de Vilardíaz onde nos esperaba a degustación das suculentas rosquillas Ancla, obsequio do amigo Kico, e viño de Ponteareas agasallo da organización. Teño ou non teño razón a falar ben da organización despois deste relato?


Para ver as fotos fai clic aquí.

1 comentario:

  1. Ghrasias á orghanisasion por levarnos a un sitio donde no pudimos durmir, darnos pan duro para os bocatas, escarallarnos as pernas con tanto sube e baixa e reventarnos ca cena no Cantabria seguida da ronda musical polas literas.
    Pero o que non ten precio foron as cervezas, e viño e as roscas despois das andainas. Eso si que é unha orghanisasión perfectamente orghanisada
    Ghrasias polo voso traballo

    ResponderEliminar