A organización do
Souto do Vello convocounos para continuar co sendeiro das Greas. Así o pasado
domingo fixemos a saída número 156 desde que comezamos a camiñar xuntos. Desta
volta saímos de Couso, en Gondomar, para chegar a Chan da Lagoa en Baiona.
Co fresco da mañá,
pero cun día que anunciaba unha bonita luminosidade, comezamos a andar camiño
da Torre. A pequena subida que había na saída xa nos fixo entrar en calor e
empezar a soltar as primeiras capas da “cebola” nas que estabamos envoltos. De
aí continuamos ata o Chan do Cereixo, un dos xacementos arqueolóxicos do
Paleolítico máis destacados de Galicia. Nas distintas escavacións que se
realizaron na zona atopáronse máis de 200 útiles de cuarcita tallada de entre
250.000 e 300.000 anos de antigüidade. foi descuberto hai vintecinco anos polo
arquitecto vigués Xaime Garrido.
Continuamos polas
instalacións do curro e paramos no parque forestal a tomar as 11. Despois de
repoñer forzas tiramos cara O Meixón e a aldea de Abrollido, onde xa nos
metemos de cheo na senda do río Groba e na fraga de Oliveira, un
precioso
bosque autóctono de gran valor ecolóxico. Temos que cruzar o río por unhas
pedras, que aventura!, e de aí imos cara a Granxa co seu lavadorio-castelo.
Curiosamente estivemos por eses lugares nunha andaina que fixemos outro 8 de
xaneiro, no 2006, e tamén tivemos que cruzar o río. Cruzamos a aldea de
Belesar, collemos auga na fonte e comezamos unha tendida subida para chegar ao
Cortelliño. Polo camiño de subida comprobamos as pegadas dos carros gravadas
nas pedras e tivemos que parar varias veces para gozar das vistas sobre as
Cíes, a baía de Baiona e a marisma do Val Miñor. Espectacular!!!
Chegamos para comer á
sombra no Cortelliño. Despois de alimentar de novo a vista, collemos campo a
través ata unha pista que nos levou á aldea medieval de San Cosme, onde todos
os indicios din que alí estivo o mosteiro que agora está en Santa María de Oia.
Nesta aldea xa estivemos o 23 de setembro do 2007 no inicio da 6ª tempada e
onde despois do xantar campestre tivo lugar a estrea mundial do afamado grupo “Os
Soutiños de Matamá”. De aquí, e acompañados por Breixo e mailos seus pais, irmá
e avós, (hai canteira!) chegamos a Chan da Lagoa, remate desta nova etapa, para
nós, do sendeiro das Greas. Un día fantástico porque despois gañou o Celta.
Xa no autobús de volta
a casa iamos pensando na vindeira saída, que será o 19 de febreiro ás 8 da mañá
pola serra de Avión.
Para ver as fotos fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario