Cando estivemos
nas Azores, as nosas amigas Maribel, Olga, Ana e Ángeles propuxéronnos facer
unha escapada de fin de semana alá pola súa bonita terra leonesa…Fixérona boa
porque a nós non fai falta moito para poñernos en marcha. Así que alá fomos o
pasado venres día 20 (aínda co fume e a tristura nos ollos) cara a comarca de
Babia, máis concretamente á vila de San Emiliano. Ademais de axudar coa
preparación das andainas, Olga encargouse do grupo alternativo e preparou
algunha visita cultural e gastronómica que cremos que non foi nada mal.
Sobre as 10 da
noite chegamos a San Emiliano e aloxámonos no hotel Valle San Emiliano e mais
nun apartamento enfronte.
O sábado ás 8 da
mañá tocou diana para almorzar e coller o autobús ata a localidade de La Cueta,
a máis alta de León (1446 m).
Pasamos por sendeiros de alta montaña con vistas
espectaculares, vixiados constantemente por rebecos, voitres, aguias,
vacas,...nunha zona declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO.
A un lado e outro
vemos varios dousmiles como El Cuetalbo, Peña Chana e Torre Orniz. Subindo e
subindo chegamos ata o nacemento do río Sil a 2000 m de altitude, xusto na base
do Peña Orniz a onde ascenderemos enseguida. Este cume ofrece unhas vistas inesquecibles.
Comezamos o
descenso atravesando varias “majadas” para dirixirnos a Torre de Babia. Antes
pasamos, despois dun descenso algo complicado, á seca Laguna de las Verdes,
rodeada de grandes montañas como o Montiguero. Despois da Laguna baixamos por
unha pista que nos levou ata a bonita localidade de Torre de Babia onde nos
esperaban os alternativos co autobús.
Xa pola noite cea
no hotel e como non podía ser doutra maneira, actuación estelar do Soutiños, con
novos membros que se van incorporando ou substitúen aos ausentes.
O domingo os
andaríns saímos dende San Emiliano (os alternativos puideron durmir un pouco
máis) para facer un percorrido dentro do Macizo dos Ubiñas. Saímos cara a Pinos
e de alí subida por pista fácil ata o refuxio Casa Mieres. Pasamos polas
fermosas Vegas de Riotuerto e Candioches para ascender ata o Collado del Ronzón, onde temos unhas
impresionantes vistas da comarca babiana. Por aí pasamos entre as dúas Ubiñas,
Ubiña Pequeña con 2197 m e Ubiña La Grande con 2411 m, que é a máxima elevación
da Cordilleira Cantábrica se non contamos cos Picos de Europa.
Dende alí
comezamos unha prolongada e técnica baixada ata Torrebarrio. Despois de refrescarnos
no bebedeiro das ovellas, comemos ao soliño e preparámonos para coller o
autobús.
Aquí remataba a fin
de semana pola comarca de Babia da que nos imos encantados, agradecendo o
traballo das nosas amigas leonesas.
Para ver as fotos fai clic aquí.
QUE BONITO, ..QUE MARAVILLA..eu podo decir que foi a excursión mais bonita da miña vida.. a verda que disfrutei muito coas paixases mirar aqueles montes arredor tua que pouca cousa somos aqueles valles , gracias a todos que tuvestes a idea de ir a Babia gracias a nosas amigas de Leon e a esta orjanisasion que non deixa de sorprendernos moitos bicos para todos.. a o mirar e remirar as fotos ainda se me poñen os pelos de punta do bonito que e todo iso.
ResponderEliminar