O Souto do Vello comezou esta Semana Santa co seu viacrucis
particular, e anual, visitando o noso Santuario do Bacallao en Castro Laboreiro.
Pero antes de dar conta do menú degustación había que facer sitio, por iso paramos
en Porto Ribeiro, na serra da Peneda, onde comezamos unha pequena andaina por
eses montes tan bonitos. Pronto descubrimos por que se chama Serra da Peneda.
Cando levantas a cabeza sénteste ridículo observando os penedos que te rodean. Pero
desta volta houbo outra sorpresa!! Agardando por nós estaba un gran manto branco
que facía aínda máis bonito o lugar. Vaia nevada!! Ben abrigados e pampos pola
paisaxe comezamos a subida cara os miradoiros do Alto do Marco e da Frincha.
Frincha significa “Abertura estreita, fenda, fisga, greta… e iso era o que
había entre dous grandes penedos ós que non puidemos subir polo perigo a
esvarar (si que subiron algunhas fracas figuras cando fomos preparar a ruta, como poderedes apreciar ó final da reportaxe de fotos). Pasando logo por un precioso bosque de faias chegamos ó Chan da
Matanza. De aí comezamos a baixar en busca do penedo do Lagarto. Houbo quen
pensou que non estaría polo frío que ía e por iso non o buscou como é debido.
Outros si que o atoparon como se pode apreciar nas fotos. El estaba alí porque
nesa zona xa non había neve. Tamén vimos a botella de viño que estaba a
arrefriar.
O sendeiro levounos despois ata as Almiñas da Portela do Lagarto e
collemos o camino que unía antigamente Lamas de Mouro coa Peneda. Á beira do
río Mouro fomos achegándonos ata o autobús. Cambio de roupa e camiño a Castro
Laboreiro. O amigo Fernando e os seus “funcionarios” xa nos tiñan as mesas
preparadas para comezar coa degustación.
O bacallao non estaba moi salgado e non tirou moito polo tinto, pero o cabrito
foi o mellor que levamos probado (segundo dicían algúns). Logo das sobremesas e
cafés, tocou baile amenizado como sempre polo afamado e exclusivo grupo dos
Soutiños. Un ano máis cumprimos con noso ritual. E que sigan moitos. Botamos en
falta á nosa amiga Estrella á que lle enviamos unha aperta e o desexo de que se
recupere moi pronto.
Para ver as fotos fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario