Con todo a ruta non decepcionou porque se trata dun
sendeiro que pasa por soutos, carballeiras, aldeas, ríos, antigos mosteiros,
igrexas... que conforman o que chaman “Ruta dos Bosques Máxicos de Castro
Caldelas”.
Ten forma de oito con dous bucles, un de 16 km e outro de
5. Saímos da Praza do Prado de Castro Caldelas para facer a parte máis
longa. O primeiro que atopamos cando nos metemos no monte, é o impresionante
Souto de Poboeiros, precioso bosque de centenarias árbores autóctonas,
castiñeiros e carballos basicamente. Pasamos pola igrexa de Santa Tegra de
Abeleda que data do século XVIII. No seu interior ten unha imaxe da Virxe da
Luz á que honran en agosto cunha gran romaría onde fan a Danza das Cocas, de
orixe ancestral, na que oito Danzantes e unha parella de xigantes, as Cocas,
bailan ó son das gaitas (coma nós cos Soutiños). Logo pasamos por un monumento
medieval relevante como é o mosterio de San Paio de Abeleda, un dos máis
importantes da Ribeira Sacra no seu tempo. Tamén cabe salientar o
paso polas aldeíñas como Poboeiros, Soutelo e O Couto. Despois do mosteiro
demos volta cara a vila subindo de novo polo Souto de Poboeiros pero por outro
sendeiro. Ó pé desta fermosa vila como é Castro Caldelas demos conta das
viandas que levabamos preparadas para coller forza e afrontar o segundo bucle,
xa máis curto pero non menos fermoso.
A maior parte do camiño vai pola ribeira do río Edo, cos
seus muíños e pontellas, chegando ata o
mosteiro de San Xoán de Camba. Na súa igrexa apareceron moedas de Constantino O
Grande (Século IV).
Nun instantiño chegamos a Castro Caldelas, remate da
ruta, entrando polo alto da vila o que dá unha visión fantástica do castelo que
a domina e que dá idea da importancia desta localidade no seu tempo.
E como non, tivemos tempo para repoñer forzas cunha
birriña e facer algunha compra da famosa bica.
Para ver as fotos fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario