Comezamos a 17ª tempada
de andainas con gana de coñecer novas rutas, gozar das impresionantes paisaxes
que temos pola nosa terra e de boa compañía para botar unhas risas.
Nesta primeira saída
achegámonos ata un concello pouco coñecido como é o de Padrenda, na provincia
de Ourense, situado entre as terras de Celanova e Portugal.
Puxémonos a andar na localidade
de Freáns e xa nos metemos á beira do río Gorgua atravesando bosques cheos de
carballos, castiñeiros, acivros, abeleiras, etc. Pouco máis adiante deixamos o
río para comezar unha prolongada subida pasando por pequenas parroquias ata
chegar a un outeiro cunha capela dende onde puidemos gozar dunhas espléndidas
vistas. Aí fixemos unha pequena parada para repoñer forzas.
Continuamos ruta ata
chegar a San Xoán de Monte Redondo, unha
das sete parroquias que conforman o municipio de Padrenda.
O camiño levounos logo
ata un miradoiro con banco, como vén sendo habitual. Logo de subir unhas poucas
escaleiras, contemplamos a paisaxe e atopámonos cun cartel que lembraba o
último exemplar de oso que se paseou por eses lares.
Cando chegas ó alto
comezas a baixar, e iso foi o que fixemos. Unha baixada chea de castiñeiros
centenarios e acivros vizosos levounos de novo ata o río. Aproveitamos que
había unha pequena zona de lecer con mesas para xantar escoitando o rumor da
auga que convidaba a moquear un chisco. Pero había que continuar camiño e
fixemos unha das partes máis bonitas da ruta, pasando por un bosque de conto. O
río, neste momento con escaso caudal, baixa formando pequenos saltos de auga
coñecidos como as corgas do Gorgua.
Cun moi bo sabor de boca
chegamos de novo ó punto de partida. Desta vez a organización permitiunos facer
unha pequena parada en Cortegada para apagar a sede. Un detalle que todos
agradecemos. Logo volta cara a Vigo onde xa nos anunciaron a vindeira saída de
fin de semana de outubro que se antolla fantástica.
Para ver as fotos fai clic aquí.
Para ver as fotos fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario