Alá polo mes de
maio trasladámonos ata Ribadeo para comezar o Camiño do Norte ou Camiño da
Costa coa intención de continuar co noso obxectivo de percorrer a costa galega.
Despois de realizar as dúas primeiras etapas, esta fin de semana demos conta
das dúas seguintes, dende o concello de Cervo ata o de Vicedo. A organización
tivo problemas de comunicación co encargado do tempo e tocounos unha fin de
semana propia de outono-inverno onde tivemos de todo: sol, chuvia, vento,
sarabia, tronos... así que non nos podemos queixar.
Despois da longa
viaxe en autobús chegamos a San Cibrao, concello de Cervo. Tomamos un cafeliño
para entrar en calor e comezamos a andar no portiño de Morás. Como dixemos
antes pasamos por todas as situacións climatolóxicas, e cando nos tocou sol
puidemos gozar coas paisaxes típicas da zona. Rematamos na praia do Esteiro onde
nos agardaba o autobús para levarnos ata Burela, ó hotel Nordés, onde quedamos
aloxados. Por certo un hotel recomendable, boas instalacións e trato moi amable.
Alí degustamos unha boa cea e logo de atrasar o reloxo fomos durmir. O domingo
despois do almorzo, e como estaba bastante mal tempo, achegámonos xa ata
Viveiro onde comezamos a segunda andaina. Fixemos un percorrido polas rúa desta
bonita vila e seguimos pola excelente praia de Covas. De alí xa comezamos a
subir para acadar o famoso Fociño do Porco.
Despois de contemplar as fermosas
vistas, continuamos viaxe pola costa ata a praia de san Román, xa no concello
do Vicedo. Alí estaba o autobús que agardou a que tomasemos un tentempé
abrigados no restaurante, ó que agradecemos o trato recibido. Ben sequiños
subimos ó autobús para coller camiño cara a Vigo. Sen embargo temos que
lamentar un pequeno incidente, xa que se avariou o autobús e tivemos que
esperar por outro que nos viñese rescatar. Hai que agradecer o comportamento
cívico e paciente dos andaríns do Souto do Vello soportando as horas de espera,
a pesar do mal tempo e das ganas que había de volver a casa. Con todo xa
estamos desexando que veña a próxima saída.Para ver as fotos fai clic aquí.
Unhas paisaxes espectaculares malia a enchenta de "arcolitos" que houbo que pasar...
ResponderEliminar