A Asociación de Veciños de Moreiras, unha localidade do
concello de Toén en Ourense, organiza unha andaina para dar a coñecer os montes
da súa zona e marcaron un sendeiro, o PRG-186. A organización do Souto do Vello
aproveitándose deste excelente traballo levounos ata alí para facer esta bonita
ruta.
O día estivo fantástico e axudou a camiñar con gusto.
Comezamos no centro de Moreiras e logo dun paseo polas bonitas rúas interiores
chegamos ao alto onde se atopa a igrexa. Unha igrexa do s. XVIII con fachada barroca
rematada por dúas torres desiguais.
A partir de aí comeza unha ruta na que podemos salientar
os seus valores medioambientais cunhas zonas de bosque onde sobresae a
cantidade de sobreiras, algúns exemplares impresionantes, das que aproveitan a
cortiza. Sen esquecernos da presenza de érbedos (albedro, madroño..), aínda
puidemos aproveitarnos dos seus froitos. Pero tamán atopamos castiñeiros,
carballos, freixos, piñeiros...
Tamén é unha ruta chea de formacións rochosas
espectaculares como o Miradoiro Natural e Cova do Cima da Granxa, o Penedo
Fendido...etc.
Como valores arquitectónicos, ademais da igrexa e casco
antigo de Moreiras, atopámonos coa ermida das Angustias, onde paramos a tomar
un tentempé, unha fonte medieval, algún pombal...Sen esquecernos dos restos
castrexos de Coto Louredo, dende onde hai unhas vistas marabillosas sobre o río
Miño e a entrada a Ourense.
Chegamos a comer á área recreativa de Trellerma onde os
veciños moi amablemente nos abriron o bar para poder tomar unhas cervexiñas e
uns cafés e coller pulo para facer o remate da andaina ata Moreiras, onde xa
nos agardaba o autobús para coller camiño de volta a Vigo.
Para ver as fotos fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario