O pasado domingo,
16 de xuño puxemos fin á 17ª tempada de andainas e fixémolo preto da casa.
Subimos ata o parque forestal de Saiáns para facer unha pequena ruta por algúns
dos miradoiros que nos ofrecen os montes de Vigo e rematar cun xantar
campestre.
A xornada
resultou fantástica, lástima das baixas de última hora que non puideron
acompañarnos no remate deste curso. Dende aquí un saúdo para todos e todas.
O paseo comezou
no parque de Saiáns para adentrarnos na zona arqueolóxica onde se atopan unha
serie de muíños que aproveitaban as augas do Rego de Estea grazas a unhas
presas que represaban a auga para que puidesen mover os rodicios. Logo pasamos
polo castro do Alto da Medoña, protexido por un profundo foxo. Preto de alí
tamén se atopa algún dos diferentes muíños naviculares que hai pola zona
De alí comezamos
unha prolongada ascensión que nos levou ó Maúxo Grande, un dos miradoiros desde
o cal se pode contemplar toda a ría de Vigo, e con bo tempo máis alá. Continuamos
camiño e fomos dar a outro dos altos con espléndidas vistas como é o Alto da
Bandeira, tamén chamado Cabezo de Saiáns.
Dende o alto podemos divisar dende Cabo Silleiro ata Cabo Home e a ponte
de Rande. Segundo o cartel, a historia do nome deste alto débese a que
tradicionalmente os mozos tiñan que colocar unha bandeira no burato que hai na
rocha máis alta para que os familiares que estaban nas terras baixas soubesen
que o gando estaba a pastar no lugar axeitado.
Despois de gozar
das vistas comezamos o descenso ata o parque de Saiáns para o xantar. Alí nos
esperaban as compañeiras que pacientemente nos gardaron as mesas, ás que lle
agradecemos o traballo, e ben organizados demos conta das viandas que cadaquén
trouxo. Non faltou o intercambio de sobremesas e as doces rosquillas Ancla que
moi amablemente nos agasallou o amigo Kico.
E como non, os
Soutiños remataron a festa cun repertorio digno dos mellores grupos de música
do país.
Rematada a 17ª
tempada xa quedamos convocados en setembro para a primeira saída da 18ª.
Bo verán!!!
Para ver máis fotos fai clic aquí
Xornada moi especial. Pasámolo xenial . Fantástica actuación dos Soutiños e, coma sempre, as rosquillas Ancla.
ResponderEliminar