Era alá polo 11 de
xaneiro do 2015 cando comezabamos un proxecto que consistía en percorrer o
Sendeiro das Greas saíndo de Soutomaior para chegar a Baiona e volta ó punto de
partida. Pois cinco anos e un día despois quedamos para percorrer a penúltima etapa dende Peinador ata
Redondela. Trátase dunha etapa moi interesante porque imos pasar por unha das
necrópoles máis importante de Galicia da época do Neolítico onde se atopan
nada menos que unhas 60 mámoas, 7 zonas
catalogadas con peróglifos e un castro, trátase do monte Penide ou monte Mirallo.
Iniciamos esta xeira
en Puxeiros, na rotonda dos bois, para acceder ó parque forestal de Becerreira,
onde se celebra a Romaría do Pan de Millo. Seguindo o camiño pasamos polo Ifevi
e polo Aeroporto de Peinador para cruzar o campo de golf. Aí puidemos
contemplar a lagoa de Mol e os seus regatos que son o nacemento do noso querido
e maltratado río Lagares. Ó saír do campo de golf comezamos unha pequena
subidiña ata o parque forestal do Bandeira no Carballal e con outra subida
chegamos ata o Vixiador. Protexidos polas raioliñas de sol tomamos as 11.
Continuamos a marcha cara a Mámoa do Rei, monte Penide, merendeiro e miradoiro
da Poza da Lagoa cos seus petróglifos para baixar ata o miradoiro da banco de
Cedeira. Aí, e grazas o bo tempo, puidemos contemplar a beleza da nosa ría,
dende as Cíes ata Arcade, coa regalía da ponte de Rande e a illa de San Simón entre
outras.
Volvemos á Senda das
Greas para coller cara ó Castro de Negros onde xantamos e escoitamos as bonitas
lendas da moura-serpe, ademais de buscar as camas da Moura (esnaquizada cando
colocaron a torres de alta tensión) e a cama dos Nenos. O que non atopamos foi
o río subterráneo que disque chega ata a illa de San Simón.
Dende o castro
baixamos ata a estrada que vai de Redondela a Porriño para rematar a etapa de
hoxe e que será o punto de partida para a última que nos levará a Soutomaior e
pechar así o sendeiro das Greas.
Para ver máis fotos fai clic aquí.
Para ver máis fotos fai clic aquí.
Unha ruta moi chula, e un día espectacular. As vistas da ría pagaron a pena!
ResponderEliminar