Rematando o mes de xaneiro fixemos a primeira ruta do ano 2022, ano do vixésimo aniversario do Souto do Vello. Esta ruta polos Montes e Praias de Marín estaba prevista para o pasado 9 de xaneiro pero a situación que se vivía nese momento por mor do COVID obrigounos a adiala á espera de que mellorase a situación. A situación non mellorou moito pero pensamos que sendo rigorosos coas normas poderiamos gozar deste día fantástico.
E así foi. O tempo axudou moito e, a pesar do frío das primeiras horas da
mañá, enseguida se impuxo o sol e puidemos camiñar en manga curta no mes de xaneiro.
Nos primeiros quilómetros fomos seguindo o curso do río Loira a contracorrente, contemplando a fermosura dos recunchos que nos ofrecía. Abeleiras, presas, levadas, muíños,...vanse turnando ó longo do percorrido.
Logo comezamos unha importante subida que nos levou ata o banco da
Pastoriza ou ó monte Castelo de Ardán, lugares dende onde contemplamos as
espléndidas vistas sobre a ría de Marín coa Illa de Ons case en primeiro plano.
A continuación baixamos con dirección ás praias. Fomos comer na
desembocadura do Loira, na praia do mesmo nome.
Logo fixemos a última parte da andaina seguindo as praias de Aguete, dos Namorados, Mogor e Portocelo ata chegar á entrada da Escola Naval Militar, en Marín, onde demos por rematada a xornada despois de 24 km.
Quedamos convocados para o vindeiro 13 de febreiro onde agardamos contar con todos os que non nos puideron acompañar nesta por diversos motivos.
Para ver as fotos fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario