O pasado domingo fixemos a primeira andaina primaveral do ano aínda que
ameazada con frío invernal. Non foi para tanto, a verdade é que puidemos gozar
dun día espléndido de sol cun pouquiño de norte.
Desprazámonos ata o concello ourensán de Coles, máis concretamente á súa
capital, a Vilarchao. Alí, xusto fronte á Casa do Concello comezou a ruta que
discorrería polas distintas parroquias do Concello como Figueiredo, Mira de
Cima, Quintás, O Fontaíño, Barra de Miño, Sobrado...etc.
A ruta é moi variada e preciosa porque, ademais de pasar por todas estas localidades apreciando a arquitectura popular, tamén pasa por algún bosque autóctono como é a impresionante carballeira que atopamos enseguida ou todo o tramo que compartimos co río Miño, á altura do encoro de Velle, a senda ambiental de Ribela ou os muíños que traballaron coas augas do regato Lusín.
Parte do camiño vai por preciosas corredoiras entre muros de pedra, como o
chamado “Camiño dos Mortos”.
Aproveitamos as mesas que hai no embarcadoiro de Ribela para repoñer forzas
e coller con ganas a pequena subida que nos agardaba antes de chegar de novo a
Vilarchao.
Despois de refrescarnos cunhas saborosas cervexiñas collemos o autobús de
volta cara a Vigo.
Botamos de menos a algúns compañeiros e compañeiras que por distintos
motivos non puideron acompañarnos. Enviamos unha mensaxe de ánimo a aqueles que
tiveran algún problemiña de saúde para que melloren e nos poidan acompañar na
seguinte saída, o vindeiro 8 de maio, onde peregrinaremos ó noso Santuario do
Bacalhau.
Para ver máis fotos fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario