O pasado domingo, 9 de xullo, fixemos a despedida da tempada de andainas, e como sempre, despois dunha pequena e bonita ruta houbo comida campestre e festa rachada.
Para a
ocasión desprazámonos ata a praia fluvial de Pozo Negro en Rebordelo no
concello de Cotobade.
A ruta pasa
en gran parte á beira do río Almofrei polo concello de Cotobade coas súas
pontellas, muíños, uns bosques máxicos e visitando a igrexa de San Martiño e a capela
do San Brais. Nas terras altas atopamos os restos dunha das trampas máis
antigas para a caza do lobo, o chamado Foxo do Lobo.
Tamén pasamos polas aldeas abandonadas de Arufe e Sabugueiro.
Á volta
pasamos polos muíños Da súa Veiga e dos Milagres antes de chegar de novo á
praia fluvial de onde partimos.
Alí
agardaban unhas mesas debaixo dunha carballeira que moi amablemente nos
preparou o propietario do bar O Muíño, ó que agradecemos a súa xentileza.
O tempo
axudou a que degustasemos tranquilamente unhas ricas viandas moi ben regadas e
na sobremesa aproveitamos para felicitar á nosa amiga Alicia polo seu aniversario
cunha riquísima torta de amorodos agasallo de Kico.
A tradicional actuación dos Soutiños puxo fin á tempada 2022-2023, na que celebramos o 20º aniversario do grupo.
Antes
de rematar esta crónica queremos salientar algúns momentos emotivos da xornada.
Dende a organización agradecemos sinceramente os agasallos recibidos e en especial o traballo da amiga Ángeles, que outro ano máis nos sorprendeu coas súas obras de arte.
Damos a
benvida a Ernesto, o novo aspirante a gaiteiro dos Soutiños, que nos acompañou
xunto coa súa familia.
E por
último, pero non menos importante, lamentamos a ausencia do amigo Carlos, que
xa se atopa no proceso de recuperación dun pequeno atranco que agardamos supere
o antes posible para que poidamos velo con nós, xunto coas demais persoas que
continúan recuperándose tamén e que botamos moito de menos.
Desexamos
que pasedes un bo verán sen deixar de adestrar, que o mes de setembro está aí e
a organización segue traballando para preparar a nova tempada. Saúdos.
Para ver as fotos fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario