A última saída do ano
levounos ata o outro lado da ría para visitar a veciña Domaio e facer unha
bonita ruta que, como di o título, partindo da beira do mar chegamos ata o alto
do monte desde onde temos unhas preciosas vistas dese mar que deixamos á saída.
Comezamos no paseo marítimo
de Domaio unha mañá con bastante frío, pero logo o deixamos en canto comezamos
a subir para chegar á Poza da Moura. Unha pequena poza que se forma no curso do
río Miñouva e está rodeada dun conxunto etnográfico formado por catro muíños
que aproveitaban a forza deste pequeno río. Foi agradable gozar das fermosas
vistas sobre a Ría de Vigo, dende Cabo Silleiro ata a ermida da Guía ou o Monte
do Castro.
Coma case sempre esta poza
ten unha lenda que di que a este lugar chegou un moro coa súa fermosa filla.
Esta namorouse dun campesiño do lugar, pero o pai, que non consentía esta
relación, deulle morte ó mozo moi preto desta poza. A filla, chea de dor,
fundiuse na poza para sempre. Dende aquela disque polas noites se pode ver na
beira peiteando os longos cabelos.
Seguimos subindo ata chegar ós Miradoiros de Candóns e logo ó alto do monte Xaxán ou Freixo. Aquí gozamos das fermosas vistas do fondo da ría cara a Arcade.
Comezamos a baixada ata
chegar á Chan d’Arquiña, onde puidemos apreciar a mámoa e dolmen, ese monumento
megalítico declarado Ben de Interese Cultural e que foi excavado nos anos 50 do
pasado século.
Logo fixemos outra pequena
subida para chegar ata o Monte Faro. O aire frío botounos logo de alí para ir
ata o miradoiro das Mans onde fixemos as fotos de rigor.
Xa nun suave descenso achegámonos ata os muíños e pozas do río Freixa pasando pola plantación de camelias.
Pronto chegamos de novo ó
lugar de partida, no paseo marítimo, onde demos boa conta duns cafeíños ou
cervexas, asegún...despedindo así as andainas do ano.
En xaneiro, xa do 2024,
comezaremos ben o 21 ou o 28. Avisarase con tempo.
Aproveitamos para desexarvos
unhas boas festas e vémonos para o ano que vén. Saudiña para todas e todos os
andaríns.
Para ver as fotos fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario