A última saída do ano 2025 para o Souto do Vello resume un pouco os nosos intereses: Galiza, Portugal, pequenos cumes, ríos, bosques autóctonos, muíños, ermidas, etc.
Para iso
xuntamos dúas pequenas rutas, por unha banda fixemos o PR-G-174 Ruta do Coto da
Cruz e xuntámola coa ruta polo río Troncoso na fronteira entre Galiza e
Portugal.
A saída foi dende a aldea de Freixo no concello de Crecente. Dende aquí un bonito sendeiro levaranos ata o alto do Coto da Cruz. A mágoa foi que nos tocou un día pechado de brétema o que nos impediu gozar das paisaxes, sobre todo dende o miradoiro onde se podería contemplar unha fabulosa panorámica de Portugal e o río Miño.
Pouco a pouco fomos chegando ata o lugar da Granxa, unha pequena aldea onde os veciños se enfrontaron heroicamente contra os franceses na Guerra da Independencia obrigando ao repregamento das tropas invasoras.
Continuamos a ascensión entre magníficos exemplares de sobreiras.
Dende aquí o
sendeiro descende pasando pola capela da Virxe do Camiño e, un pouco máis
abaixo, pola do Cristo dos Aflixidos. Continuamos sendeiro abaixo ata chegar de
novo ó punto de partida.
Continuamos descendendo ata a ponte que atravesa o río Miño e que nos levou ata o lugar de Cevide despois de cruzar a ponte fronteiriza que cruza o río Troncoso.
Cevide é a
aldea que está no punto máis ó norte de Portugal. Chegamos a través dunhas
pasarelas de madeira onde atopamos o marco que indica o punto máis ó norte. Ó entrar
en Cevide atopámonos cunha escultura dedicada ó contrabandista, xa que este
lugar estivo moi ligado sempre ó contrabando, tamén coñecido como estraperlo,
transportando todo tipo de mercadorías dun país ó outro.
Ó pouco tempo cruzamos collemos a senda do río Troncoso e fomos
subindo pouco a pouco e gozando dunhas espectaculares vistas do río, bosque, muíños, etc.
Ó chegar á
altura de Ponte Barxas, volvemos cruzar o río para a parte portuguesa. Alí
paramos a comer ó pé dos edificios da antiga alfándega. Xa logo baixamos pola
pequena estrada asfaltada ata Cevide onde nos agardaba un adegueiro para
ofrecernos os seus ricos caldos.
Volvemos
cruzar a ponte fronteiriza para chegar ó autobús que nos agardaba ó pé da ponte
de Frieira.
Volta para
casa despois de pasar unha xornada moi agradable, a pesar da brétema que apenas
nos deixou ver o Sol, sabendo que, facendo o chiste fácil, ata o ano que vén non volveremos camiñar en
grupo.
Dende aquí
desexamos a todos e todas que pasedes unhas felices festas coa esperanza dun
ventureiro e natural ano 2026.
Para ver as fotos fai clic aquí.





Estupendas fotos y estupendo el dia
ResponderEliminar