O pasado domingo 15 de
marzo fixemos un dos percorridos máis completos que se poden facer nunha
xornada xa que gozamos dunha ruta urbana, unha ruta fluvial, outra por monte,
para rematar polas praias.
Para iso achegámonos ata
o concello de Rianxo, na comarca do Barbanza. A meteoroloxía acompañounos unha
vez máis cun día de sol marabilloso e unha temperatura ideal para camiñar.
Comezamos no peirao de Rianxo, ó pé da ermida de San Bertolomé. Dende alí fomos percorrendo as rúas desta bonita vila, berce de escritores e poetas como Castelao, Manuel Antonio ou Rafael Dieste, pasando por diante das casas onde moraron algúns deles.
Tamén tivemos tempo de
escoitar as ofertas dos vendedores e vendedoras do mercado dominical.
Non faltou a parada e
foto diante do famoso santuario da Virxe de Guadalupe.
Saímos da vila polo
paseo marítimo pasando polo grupo escultórico da santa Compaña e mais polos
restos do Castelo da Lúa.
Xa logo entramos no sendeiro fluvial do río Té, un sendeiro no que fomos acompañados en todo momento polo marmurio das augas, o verdor da natureza e un bosque formado por carballos, castiñeiros e amieiros. Nalgúns tramos hai unhas pozas de auga cristalina que animan ó baño e noutras os desniveis forman preciosas fervenzas.
Pero un dos atractivos
importantes que ten este percorrido é a cantidade de grandes muíños, hoxe en
día en ruínas, que fan pensar da importante economía da zona.
Tamén pasamos por
importantes núcleos de poboación como poden ser Brión ou Asados.
Non faltou unha pequena
subida cara ó miradoiro de Leiro, que non chegamos a coroar por falta de tempo.
Paramos a comer en Brión
e continuamos a marcha pasando polo famoso petróglifo d’Os Mouchos.
Xa continuamos cara ó mar para pasear polas praias de Lodeiro, de Porrón, do Tronco e a de Tanxil onde se atopa a imaxe da Virxe de Guadalupe.
De aí xa continuamos ata
o punto de partida onde nos esperaba un doce remate, xa que o amigo Kico nos agasallou
cunhas ricas rosquillas Ancla, deliciosas coma sempre.
Despois desta preciosa
xornada, quedamos emprazados para o vindeiro 12 de abril onde, puntualmente,
cumpriremos coa anual visita ó noso santuario do bacalhau.
Para ver as fotos fai clic aquí.




No hay comentarios:
Publicar un comentario