O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

21 de out. de 2026

Cangas del Narcea



Cangas del Narcea é o maior concello da Comunidade Autónoma do Principado de Asturias e un dos maiores de España. Está situado ao suroeste do Principado. A súa capital é Cangas del Narcea, que é atravesada polo río Narcea do que procede o seu nome (garganta do Narcea) e polo río Naviego.

Ten unha poboación de 13 710 habitantes, con capital na vila de Cangas del Narcea, e as súas poboacións con maior número de habitantes son por esta orde, a capital Cangas del Narcea, Corias, Limés, Moal, Llanos, Rengos e Gedrez.

Cangas del Narcea conta cunha rede de sendeiros de pequeno percorrido e unha senda de Gran Percorrido que atravesa os tres concellos que forman parte do Parque Natural de Fuentes del Narcea, Degaña e Ibias.

Pois ata ese lugar decidimos ir o grupo do Souto do Vello para facer unhas xornadas de convivencia e sendeiros neste mes de outubro.

Tiñamos reservado un hotel no lugar de Limés pero dous días antes de chegar nos comunican que por un erro informático non había cuartos para todos. Tiveron que resolver o problema aloxándonos en tres hoteis distintos.

Temos que agradecer a boa actitude de todos e todas ante esta situación pero sobre todo dámoslles as grazas a Kico e a Maribel que puxeron á nosa disposición os seus vehículos para poder facer os traslados todos os días, o que evitou que houbese problemas de horarios. Tamén agradecemos o traballo do noso conductor David que estivo atento en todo momento con todos e en especial co Grupo Alternativo.

Tal como tiñamos previsto fixemos a primeira ruta o xoves 15. De camiño a Cangas paramos no porto de Leitariegos para facer a subida ó Cueto de Arbás. O pico, que é o máis alto de Cangas con 2 002 m de altitude,  está integrado na Reserva Natural del Cueto de Arbás sendo un corredor natural utilizado pola poboación de osos, ademais doutras especies de animais e vexetais de grande interese.


Despois dun pequeno ascenso por pista chegamos á Laguna de Arbás a 1710 m de altitude. Continuamos o ascenso por sendeiro contemplando a cada paso unhas vistas impresionantes. Pasamos pola Collada Fanetina e o Alto da Ferradura. Tras un pequeno descanso fomos cresteando ata chegar ó alto do Cueto de Arbás.

No cume puidemos gozar das vistas, con Leitariegos alá no fondo. Paramos a repoñer forzas e comezamos a baixada pouco a pouco ata chegar ó autobús.

Repartímonos nos distintos hoteis para facer o check in e logo regresamos ó hotel La Casilla onde fariamos as ceas e os almorzos.

Para o venres tiñamos programada unha preciosa ruta polo bosque de Moal. Achegámonos ata ese precioso lugar que nalgún momento foi declarado “Pueblo bonito de España”. Está situado nas inmediacións da Reserva de Muniellos polo que é unha opción accesible para gozar da zona sen necesidade de autorización para entrar na Reserva Natural Integral de Muniellos.


Foi un percorrido precioso que incluíu miradoiros como o de Montecín e o collado de Moncó; bosques de faias, carballos e castiñeiros que amosaban o inicio das cores outonais. Aínda que no tempo no que andamos xa deberían estar máis, pero xa sabemos que este cambio climático, que dis que non hai, está a cambiar todo.

Algúns valentes subiron á Peña Moncó como uns montañeiros titulados.

A baixada dende o Montecín ata Moal foi preciosa facendo unha parte do percorrido xunto ó río.

Ó remate da ruta collemos o autobús que nos levou ata a vila de Cangas onde fixemos un pouco de turismo, puidemos tomar unhas sidrinas e facer as compras necesarias para o resto dos días.

O sábado presentábase un pouco complicado polas condicións meteorolóxicas anunciadas, xa que esperabamos bastante chuvia e frío. Non foi tanto, pero si que estragou un pouco a ruta a densa brétema que tivemos todo o día e que impediu gozar das vistas na subida ó alto do Acebo.


Partimos do mosteiro de Corias, hoxe en día Parador de Corias. Trátase dun histórico edificio relixioso situado na parroquia Courias, é coñecido como o “Escorial asturiano”. É un mosteiro benedictino do século XI e reconstruído varias veces tras varios incendios.

Cunha prolongada subida, pero levadeira, fomos chegando ó alto do santuario do Acebo a 1205 m. Pouco puidemos facer alí debido ás condicións climáticas. Comemos e comezamos a baixada ata Cangas onde nos recolleu o autobús e a furgoneta para levarnos a cadanseu hotel.

Domingo, último día. Ruta e regreso a Vigo. O tempo cambiou, vai fresquiño pero un sol espléndido. Despois do almorzo despedimos a nosa amiga Maribel que tiña que volver a León e non nos puido acompañar.

Hoxe a ruta prometía e non defraudou. Collemos a bonita estrada que nos levou ata a localidade de Degaña. Alí comezamos a última ruta destas xornadas.


Foi unha preciosa e fácil ruta de domingo por uns bosques case encantados. Comezamos polo sendeiro GR-203 en dirección a Zarreu case ata o final que nos desviamos polo “Camiño Primitivo de Zarreu”, paralelo á estrada.

Ó remate da ruta comemos uns bocatas tomando o sol de “outono asturiano”. En canto estivemos listos o amigo David co autobús e Kico coa furgoneta trouxéronnos ata Vigo.

Parabéns a todos os participantes, así como ás compañeiras do “grupo alternativo” que aproveitaron para visitar os bonito lugares da zona.






Para ver as fotos fai clic aquí:

30 de set. de 2026

Serra do Suído - Covelo

 


Estamos de aniversario. Estamos de aniversario porque comezamos a vixésimo quinta tempada de andainas, o que quere dicir que cumprimos as “vodas de prata”. Este aniversario é moi importante porque representa un cuarto de século de vida xuntos e o significado de vodas de prata vén de que a prata simboliza a resistencia, a pureza e o brillo dunha relación duradeira. Pois creo que se pode aplicar a este grupo si ou non?

Para comezar achegámonos ata a Serra do Suído. Comezamos a camiñar fronte ó cemiterio de Piñeiro, e fieis á nosa filosofía, fixemos unha boa subidiña. Chegamos ata o río do Pozo Piñeiro, ó pé da presa que foi realizada pola veciñanza para rego. A subida continuou ata o xeodésico do Coto Agudo a 892 m de altitude. Dende alí puidemos gozar dunhas fantásticas vistas da serra.

Chegamos ó punto máis alto desta ruta polo que a partir de agora só quedaba baixar, e foi o que fixemos. Nun continuo descenso chegamos a Fofe, unha parroquia onde se atopa a Rectoral de Fofe, hoxe convertida en casa de aloxamento rural.

A continuación fomos en busca do río Tea. Cando o atopamos cruzamos a bonita ponte medieval e dirixímonos cara o aserradoiro dos Carranos. Alí fixemos unha parada para comer antes de continuar camiño para rematar na praia fluvial de Maceira.

Subimos ó autobús para a volta a casa facendo unha pequena parada para repoñer líquidos nunha terraciña en Maceira.

Nesta primeira saída demostramos que se aproveitou o verán para adestrar xa que todo o mundo deu conta do recado sen ningún problema.

Despedímonos coa ilusión de que chegue o 15 de outubro onde iremos ata terras asturianas para unha convivencia de catro días. 

Para ver as fotos fai clic aquí.

16 de xuño de 2026

Polo Tea e o Furafollas (Mondariz)

 


Esta foi unha xornada lúdico-festiva-sendeirista para rematar a tempada 25-26 deste fantástico grupo como é O Souto do Vello.

Nunha xornada entre calorosa e calórica fixemos unha ruta que transcorreu na súa meirande parte pola beira dun río, ben do Furafollas ben do Tea, o que a fixo máis levadeira. O remate na praia fluvial do Val axudou a aliviar as calores acumuladas e deu paso a unha exhibición calórica das viandas que agardaban nas mesas de pedra. Empanadas, tortillas, filetes,...sen esquecernos dos doces caseiros, e un día máis das rosquillas Ancla agasallo e Kico.

Para axudar a "baixar" todo isto, actuación do afamado grupo "Os Soutiño" que animou a bailar durante un bo anaco.


Antes de todo isto, chegamos pola mañá á praia fluvial para dar comezo a ruta pasando pola ponte de Cernadela cruzando o río Tea, unha ponte do século XV. A continuación buscamos o regato Furafollas, e á beira del fixemos a que chaman "A Senda do Dragón", unha bonita senda inzada de pozas que chamaban a un mergullo.


Continuando a ruta chegamos ata Sabaxáns, onde atopamos no lugar de Ermelo as ruínas da antiga casa de baños e fonte de augas mineiro medicinais co seu característico cheiro a ovos podres.

Máis tarde cruzamos o río Tea polos famosos pasos de Tatín e camiñando pola outra beira pasamos pola praia fluvial do Foxaco.

Xa para rematar volvemos cruzar o Tea pola ponte metálica e accedemos a praia do Val onde iniciamos o percorrido.

A continuación baño, xantar e baile serviron para dar remate a unha bonita tempada.

A organización pídevos que gocedes dunhas merecidas vacacións de verán sen esquecer adestrar un pouco e quedades convocados para setembro, onde agardamos contar de novo coa presenza do amigo Telmo ó que desexamos unha pronta recuperación.

Bo verán!!



Para ver as fotos fai clic aquí.

13 de maio de 2026

Costa Ártabra

 

Xa van alá 8 anos cando comezamos este bonito proxecto chamado “O camiño do mar” que nos levaría a percorrer a costa norte galega. Esta fin de semana tocaba parte da Costa Ártabra, concretamente no concello de Valdoviño.

O sábado saímos de Vigo cara a localidade de Vieiteiro, moi preto da famosa praia de Pantín.

Tras un pequeno treito por estrada chegamos ó principio da praia da


Frouxeira. Poderíase cruzar a longa praia polo areal, pero optamos por virar á esquerda para rodear a bonita lagoa do mesmo nome. O camiño é un precioso paseo baixo a arboreda observando a fauna e flora da lagoa. Atravesando a aldea de Lago, dirixímonos á praia, continuación da praia da Frouxeira, completando así o paseo da lagoa.

Aproveitamos para repoñer forzas ó soliño e continuar logo coa ruta. Continuamos polo areal observando de fronte o novo e curioso faro da Frouxeira ou faro de Meira. Despois de rodealo tiñamos intención de achegarnos ata a ermida da Virxe do Porto, xa que nese momento poderíase ver ó estar a marea baixa. Pero o ceo ameazaba bronca e aceleramos o paso para chegar ó autobús antes de que descargase a treboada. Non deu tempo. Un pouco humedecidos collemos rumbo a Ferrol para chegar ó hotel e darnos unha reconfortante ducha.


O domingo pola mañá atopámonos coa sorpresa do fallo das predicións, que non daban chuvia ata a tarde e sen embargo non nos deixou en toda a mañá. Pouca pero molesta, non nos permitiu gozar como é debido dunha preciosa costa e unhas vistas ó val incribles.

O autobús achegounos ata o lugar onde nos recollera o día anterior, e dende alí comezamos o sendeiro que nos levou ata a aldea de Taraza. Despois de pasar pola praia de Meiras e logo dun tramo por estrada, comezamos a subida a Montefaro. Unha espectacular atalaia onde se atopan restos das baterías de costa que se colocaran no 1926 para a defensa da costa Ártabra.


Dende o alto hai unhas espléndidas vistas da punta Frouxeira para atrás e do cabo Prior para adiante.

No remate da etapa hai unha baixada cara a praia de Ponzos que é espectacular. Como ameazaba chuvia dirixímonos ata o centro de Covas onde nos agardaba o autobús para a volta a Vigo.

Mentres os andaríns gozaban dos sendeiros pola costa, o grupo alternativo fixo a súa ruta de turismo tamén pola zona. O sábado coincidiron con nós polos arredores de Valdoviño e o domingo paseo por Ferrol, Redes e Pontedeume, aínda que a chuvia impediulles aproveitar ben os paseos.


Agradecemos o traballo do persoal do hotel Silva unha vez máis, así como a xenerosidade do amigo Kico que puxo á nosa disposición a súa furgoneta.

Continuaremos co proxecto moi pronto porque nos agardan lugares tan bonitos como o cabo Prior.


Para ver as fotos fai clic aquí.

4 de maio de 2026

14 de abr. de 2026

Vale de Poldros - Branda da Aveleira

 


Continuamos coa nosa tradición por estas datas de visitar o que chamamos “Santuario do Bacallao”, porque para nós é un auténtico santuario. Proba diso é que este ano xuntámonos ata 80 persoas para degustar os afamados bacallao e cabrito do restaurante Miracastro en Castro Laboreiro. Acompañáronnos na andaina e mais na comida, un grupo de andaríns de Pedra Jaiada de Ribadetea, liderados polo amigo Kico e na degustación unha representación importante no noso “grupo alternativo”.

Para facer un pouco de boca tocou facer un paseíño dende a Branda de Vale de Poldros ata a Branda da Aveleira, no concello de Melgaço.

As brandas eran agrupación de cabanas, chamadas “cardenhas” que ocupaban os pastores na montaña durante a época estival, cando subían o gando ata os pastos máis altos. Como tamén eran agricultores, as xentes subían repetidas veces e por quendas á montaña para a recollida do gando e logo baixaban para seguir ocupándose dos labores agrícolas.

Desta volta comezamos a andaina na branda de Santo Antonio, que ben podería pasar por unha aldea dos Hobbit. O tempo frío e desapracible non permitiu que nos detivesemos moito tempo contemplando as bonitas construcións.

Fixemos unha preciosa subida a través do glaciar que forma o val do río Vez gozando dunhas bonitas vistas con esas ladeiras inzadas de chorimas primaverais.

Aproveitamos para visitar a mámoa do Batateiro como representación das múltiples que hai pola zona. Dende alí dirixímonos á branda da Aveleira onde rematamos a nosa ruta non sen antes ter que abrir os paraugas debido á fría chuvia que caeu por momentos.

Esquecemos todo iso en canto subimos ó autobús para dirixirnos cara a Castro Laboreiro. O persoal do Miracastro xa nos agardaba con todo preparado. Temos que agradecer o detalle que aprazasen o peche por reformas do local para que nós puidesemos cumprir co precepto do bacallao.

Unha vez máis non defraudaron nin as entradas, nin a sopa, nin o bacallao, nin tampouco o cabrito. E para rematar as obrigadas tetiñas castrexas. Unha opípara comida, coma sempre.

Na sobremesa os compañeiros e compañeiros sendeiristas quixeron agradecer o traballo de organización agasallando cunha bonita caricatura ós colaboradores. Moitas grazas de parte de todos eles.

E para rematar, fantástica actuación do grupo “Os Soutiños” acompañados dun animoso e numeroso grupo de baile que encheron o salón xa baleiro de comensais.

A media tarde, volta para Vigo e pensando xa na vindeira saída o 9 e 10 de maio ata a comarca de Ferrol para continuar co Camiño do Norte.


Para ver as fotos fai clic aquí.

19 de mar. de 2026

Rianxo - río Té

 


O pasado domingo 15 de marzo fixemos un dos percorridos máis completos que se poden facer nunha xornada xa que gozamos dunha ruta urbana, unha ruta fluvial, outra por monte, para rematar polas praias.

Para iso achegámonos ata o concello de Rianxo, na comarca do Barbanza. A meteoroloxía acompañounos unha vez máis cun día de sol marabilloso e unha temperatura ideal para camiñar.

Comezamos no peirao de Rianxo, ó pé da ermida de San Bertolomé. Dende alí fomos percorrendo as rúas desta bonita vila, berce de escritores e poetas como Castelao, Manuel Antonio ou Rafael Dieste, pasando por diante das casas onde moraron algúns deles.


Tamén tivemos tempo de escoitar as ofertas dos vendedores e vendedoras do mercado dominical.

Non faltou a parada e foto diante do famoso santuario da Virxe de Guadalupe.

Saímos da vila polo paseo marítimo pasando polo grupo escultórico da santa Compaña e mais polos restos do Castelo da Lúa.

Xa logo entramos no sendeiro fluvial do río Té, un sendeiro no que fomos acompañados en todo momento polo marmurio das augas, o verdor da natureza e un bosque formado por carballos, castiñeiros e amieiros. Nalgúns tramos hai unhas pozas de auga cristalina que animan ó baño e noutras os desniveis forman preciosas fervenzas.


Pero un dos atractivos importantes que ten este percorrido é a cantidade de grandes muíños, hoxe en día en ruínas, que fan pensar da importante economía da zona.

Tamén pasamos por importantes núcleos de poboación como poden ser Brión ou Asados.

Non faltou unha pequena subida cara ó miradoiro de Leiro, que non chegamos a coroar por falta de tempo.

Paramos a comer en Brión e continuamos a marcha pasando polo famoso petróglifo d’Os Mouchos.

Xa continuamos cara ó mar para pasear polas praias de Lodeiro, de Porrón, do Tronco e a de Tanxil onde se atopa a imaxe da Virxe de Guadalupe.


De aí xa continuamos ata o punto de partida onde nos esperaba un doce remate, xa que o amigo Kico nos agasallou cunhas ricas rosquillas Ancla, deliciosas coma sempre.

Despois desta preciosa xornada, quedamos emprazados para o vindeiro 12 de abril onde, puntualmente, cumpriremos coa anual visita ó noso santuario do bacalhau.


Para ver as fotos fai clic aquí.

9 de mar. de 2026

11 de feb. de 2026

Ruta por Guláns (Ponteareas)

 


Entre Kristin, Leonardo, Marta e Nils que non nos deixan ver o Sol, atopamos un día case perfecto para facer a nosa andaina de febreiro. Este domingo, día 8, achegámonos ata Guláns, en Ponteareas, para facer unha bonita ruta que o amigo Nisio nos amosou uns días antes.7

Nisio é o principal organizador da andaina AndaGuláns, a Ruta do Rancho, que se celebrará o vindeiro 22 de marzo e que tivo a xentileza de amosárnola hai uns días  para que puidesemos ir co grupo. Estamos moi agradecidos pola súa dedicación e agarimo.

Partimos das instalacións da Fundación Guláns, no parque da Avisoureira, para facer os 15 km que nos levaron por diversos barrios de Guláns e Couso. Así pasamos polo barrio da Costa, da Moxena, San Martiño e o parque de merendas de Couso, onde fixemos unha paradiña para repoñer forzas. Continuamos ata chegar ó miradoiro do Pé de Porras, espectacular vista ó val. A continuación
baixamos polo Camiño do Santo, por onde os romeiros levan o San Cibrán todos os anos dende a igrexa de Guláns ata o alto de San Cibrán para celebrar a festa.


Pasando por riba do camiño do barrio do Pereiro chegamos a Lameiro, lugar onde naceu e viviu o famoso músico e compositor Rogelio Groba.

Seguimos baixando ata o muíño de Gradouro e topámonos cunha fermosa fervenza no Cunco das Freixas. Dende alí xa puxemos rumbo de novo ó parque da Avisoureira, onde están as instalacións da Fundación Guláns.

Alí un fantástico equipo coordinado por Cruz xa nos tiñan preparado un suculento cocido do que demos boa conta.

A xornada rematou cunha festaza, como sempre amenizada polo grupo Os Soutiños que fixeron sacar os mellores pasos ás balidoras e bailadores máis animados.


Dende a organización reiteramos o noso agradecemento, tanto a Nisio por ofrecernos a ruta como o equipo da cafetería polo seu trato e atención en todo momento.

Volta a Vigo e convocatoria para o vindeiro 15 de marzo que faremos a seguinte ruta.

Para ver as fotos fai clic aquí.

14 de xan. de 2026

Ruta do río Xabriña

 


Chegou o 2026 e nós continuamos coas andainas mensuais para poder gozar da natureza. Como levamos varios días con tempo chuvioso pensamos que sería boa idea facer unha saída onde o río fose o protagonista. Así que sen darlle moitas voltas o elixido foi o río Xabriña, ben coñecido pola maioría dos andaríns do Souto do Vello pero non por iso menos atractivo.

Efectivamente non defraudou, o río está precioso, o que non foi tan celebrado foron as condicións climatolóxicas, xa que estivo un día chuvioso e frío. Sen haber grandes precipitacións, si que estivo chovendo case todo o día e impediu que puidesemos gozar da beleza da ruta en todo o seu esplendor.

Para comezar desprazámonos ata Paraños, no concello de Covelo.

O río Xabriña nace na parroquia de A Lamosa, na Taberna da Canda e desemboca no río Tea, na villa de Mondariz-Balneario.


A ruta é circular, conformada por dous grandes aneis que teñen o seu punto de encontro na fermosa Ponte Folón. O primeiro anel, dende Paraños ata a ponte, ten como protagonista o río Xabriña, as fragas e a abondosa vexetación do bosque de ribeira. O segundo anel, pasa por Prado de Canda e A Lamosa, onde poderemos coñecer históricos camiños, unha boa arquitectura rural así como a actividade dos cereiros con algunha aira onde secaban a cera.


Na parroquia da Lamosa paramos a comer aproveitando a amabilidade dos propietarios do bar Cuartel que nos permitiron comer resgardados da chuvia. Ó rematar continuamos o camiño outra vez a carón do río para chegar ó punto de partida en Paraños.

Alí agardaba o autobús que nos trouxo de novo a Vigo.

Despois deste inicio de ano un chisco húmido, quedamos convocados para o vindeiro día 8 de febreiro onde aproveitaremos para degustar un bo cocido en Guláns.




Para ver as fotos fai clic aquí.

4 de xan. de 2026

22 de dec. de 2025

18 de dec. de 2025

Coto da Cruz - Cevide - Río Troncoso

 


A última saída do ano 2025 para o Souto do Vello resume un pouco os nosos intereses: Galiza, Portugal, pequenos cumes, ríos, bosques autóctonos, muíños, ermidas, etc.

Para iso xuntamos dúas pequenas rutas, por unha banda fixemos o PR-G-174 Ruta do Coto da Cruz e xuntámola coa ruta polo río Troncoso na fronteira entre Galiza e Portugal.

A saída foi dende a aldea de Freixo no concello de Crecente. Dende aquí un bonito sendeiro levaranos ata o alto do Coto da Cruz. A mágoa foi que nos tocou un día pechado de brétema o que nos impediu gozar das paisaxes, sobre todo dende o miradoiro onde se podería contemplar unha fabulosa panorámica de Portugal e o río Miño.


Pouco a pouco fomos chegando ata o lugar da Granxa, unha pequena aldea onde os veciños se enfrontaron heroicamente contra os franceses na Guerra da Independencia obrigando ao repregamento das tropas invasoras.

Continuamos a ascensión entre magníficos exemplares de sobreiras.

Dende aquí o sendeiro descende pasando pola capela da Virxe do Camiño e, un pouco máis abaixo, pola do Cristo dos Aflixidos. Continuamos sendeiro abaixo ata chegar de novo ó punto de partida.

Continuamos descendendo ata a ponte que atravesa o río Miño e que nos levou ata o lugar de Cevide despois de cruzar a ponte fronteiriza que cruza o río Troncoso.

Cevide é a aldea que está no punto máis ó norte de Portugal. Chegamos a través dunhas pasarelas de madeira onde atopamos o marco que indica o punto máis ó norte. Ó entrar en Cevide atopámonos cunha escultura dedicada ó contrabandista, xa que este lugar estivo moi ligado sempre ó contrabando, tamén coñecido como estraperlo, transportando todo tipo de mercadorías dun país ó outro.

Ó pouco tempo cruzamos collemos a senda do río Troncoso e fomos
subindo pouco a pouco e gozando dunhas espectaculares vistas do río, bosque, muíños, etc.

Ó chegar á altura de Ponte Barxas, volvemos cruzar o río para a parte portuguesa. Alí paramos a comer ó pé dos edificios da antiga alfándega. Xa logo baixamos pola pequena estrada asfaltada ata Cevide onde nos agardaba un adegueiro para ofrecernos os seus ricos caldos.

Volvemos cruzar a ponte fronteiriza para chegar ó autobús que nos agardaba ó pé da ponte de Frieira.

Volta para casa despois de pasar unha xornada moi agradable, a pesar da brétema que apenas nos deixou ver o Sol, sabendo que, facendo o chiste fácil,  ata o ano que vén non volveremos camiñar en grupo.

Dende aquí desexamos a todos e todas que pasedes unhas felices festas coa esperanza dun ventureiro e natural ano 2026.

Para ver as fotos fai clic aquí.