O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

17 jun 2012

A ruta da liberdade. “Tras os pasos do río Barbeira” A Lama


Hai un refrán moi español que di “Hasta el 40 de mayo no te quites el sayo”, e que razón ten. Os do Souto do vello non puidemos quitar o “sayo” de plástico para facer a “ruta da Liberdade” polo río Barbeira, no concello da Lama.
Tamén lle chaman “Tras os pasos do río Barbeira”.
Pois alá fomos o domingo 10 de xuño (ou era decembro?), para pechar a tempada do 10º aniversario. A verdade é que a ruta éche ben bonita, aínda que stivese un pouco deslucida polo mal tempo que tivemos.
Comezamos no bar Verdugo, e na mesma saída xa puidemos apreciar a exposición de espantallos. Houbo máis de un que pensaban que algúns deles eran de verdade, só lles faltaba falar.
A partir de aí fomos seguindo a ruta marcada a carón do río Verdugo ata chegar a aldea de Peso. Logo continuamos polo río Barbeira ata a aldea de Barbeira. Pasamos por varias pontes e muíños en non moi bo estado, un peto de ánimas, algunhas ermidas e cruceiros. Logo subimos ata a serra do Cando. Se chega a facer sol seguro que suabamos algo, xa que hai pouca sombra. Continuamos o descenso para pasar pola aldeíña de Covelo. Esta é unha poboación moi curiosa, con edificacións de pedra ben organizadas, e ata un canizo con gaiteiro. Continuamos a baixada pasando por A Vincurada para enfilar de novo cara o punto de partida, no bar Verdugo. Despois de cambiar a roupa mollada fomos comer á Lama, xa que nos deixaron utilizar o local da Comunidade de Montes, e alí puidemos comer ao abrigo e ata contamos cun palco para que Os Soutiños nos amenizaran a sobremesa. Foi un remate fantástico que compartimos con Nadal e a selección española de fútbol.
Ben, non se pode dicir que fose o remate de tempada xa que queda pendente a andaina nocturna do mes de xullo (se o tempo o permite).






6 jun 2012

Ruta "Tras os pasos do río Barbeira" (A Lama)


Se queres ver fotos desta ruta clica aquí

26 may 2012

Ruta da AQA e dos Carranos

A penúltima ruta deste 10º aniversario do Souto do Vello levounos ata o concello de Covelo para realizar uns tramos incluídos dentro da Rede Natura 2000, que son espazos naturais con gran valor ecolóxico creados pola Unión Europea para a súa conservación.
Comezamos na praia fluvial de Maceira para camiñar a carón do río Tea e gozar da paisaxe que nos ofrece, tanto natural como patrimonial, pontes, muíños, presas, fontes… A ruta tamén nos leva por varios núcleos de vivendas como Redondo e Barciademera onde visitamos o conxunto Abacial de San Martiño coa súa igrexa e a casa rectoral de estilo barroco na que chama a atención a súa espléndida fachada na que destacan unhas figuras precolombinas.
Baixamos cara ao río Tea, que atravesamos polos pasos de Lourido e, xa na outra beira, ascendemos por unha corredoira ata a aldea de Lourido, onde vemos a ermida da Nosa Señora da Escravitude. Continuamos atravesando carballeiras e soutos ata chegar de novo á praia de Maceira onde paramos a xantar.
Pola tarde fixemos o tramo dos Carranos. Comeza dende a reitoral de Fofe desde onde se contempla un precioso val. A partir de aí baixamos e camiñamos atravesando bosques caducifolios e acompañamos sempre a un río cunhas augas cristalinas que animaban a probalas. Na metade do camiño atópase un antigo aserradoiro (data do ano 1922) moi ben restaurado. Despois de asistir a unha demostración do seu funcionamento, continuamos camiño volvendo de novo ó punto de partida.
Antes de subir ó autobús puidemos degustar unhas riquísimas rosquillas da confitería Ancla.

13 may 2012

O Souto do Vello pola protección do Galiñeiro

Unha boa representación dos andaríns do Souto do Vello asistiron á III andaina pola protección da serra do Galiñeiro. 

Deste xeito sumámonos a toda a xente que se deu cita na Pasaxe, en Vincios, para comezar unha ruta moi bonita remontando o río Zamáns, visitando o muíño de maquía coa fermosa abeleda que o rodea, pasando polo encoro de Zamáns, subindo logo polo río de Vilaza rodeando a canteira e chegando á Fervenza, seguindo logo cara o parque forestal de Vincios onde rematou a andaina. Despois dun agradable refrixerio asistimos á lectura do manifesto a cargo do escritor Manuel Rivas, actuación do cantautor Tino Vaz, recital de poemas, cantareiras e Leo e Arremecaghona...



2 may 2012

Domingo 13 de maio: III Andaina pola protección da Serra do Galiñeiro



A orghanisasión do Souto do Vello anima a todos e a todas a participar na III Andaina Pola Protección da Serra do Galiñeiro. Nesta ocasión terá un novo percorrido chamado a Ruta da Auga. Ao final do percorrido haberá xantar popular, lectura do manifesto a cargo do escritor Manuel Rivas, lectura de poemas e actuacións musicais.


 Para máis información pinchar aquí.