O pasado sábado, 16 de setembro, os anadaríns e andarinas do
Souto do Vello xuntáronse nos locais do Centro Cultural Atlántida de Matamá
para celebrar os seus primeiros 15 anos de andainas. A organización mándame
dicir que están orgullosos da boa acollida que tivo a convocatoria, xa que, ademáis
de xuntarse moita da xente que anda actualmente, tamén acudiron os que saíron
con nós algunha vez. Resultou moi agradable ver as emocións dos reencontros, os
recordos que ían saíndo nas conversas, etc.
Despois dos saúdos, entramos no salón de actos onde nos
puxeron unha montaxe que recollía fotos, vídeos e entrevistas dende a primeira
saída alá polo 2002. O traballo do realizador foi descomunal, pero creo que
pagou a pena ó ver as reaccións do público asistente (a pesar de atoparse un
pouco menos novo que daquela). Dende aquí queremos enviar os nosos parabéns
pola montaxe. Entre vídeo e vídeo, fíxose entrega duns diplomas ós sendeiristas
máis veteranos que subiron ó escenario para contarnos algunhas das memorias
máis entrañables. Tamén recibiu diploma a sendeirista que collerá o relevo
algún día. Noutro dos descansos tivemos ocasión de agradecerlle as ensinanzas
recibidas ó amigo Carlos Garrido que aproveitou para lembrar como naceu a súa
relación co Souto do Vello.
De seguido, e rematado o acto de lembranza, subimos a outro
local onde había unha exposición das mellores fotos por tempadas. Como non
podía ser doutra maneira, puidemos degustar uns exquisitos pinchos que acabaron
coa degustación das xa habituais rosquillas Ancla doadas polo amigo Kico
(alguén preguntaba por elas antes de comezar a picar).
E, como non, non podía faltar a actuación dos Soutiños que
puxeron o punto e seguido dun acto moi entrañable e do que desexamos repetir
moi pronto.






