O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

27 de feb. de 2018

Circular por Celeiros (Chandrexa de Queixa)

"As bruxas de Vozqueimado
deixan as vasoiras fóra,
para tomar enmeigado
ao que camiña a deshora.
Lobo na sombra enfoulado
que cando aos vultos ouveas
pos o silencio esgazado,
feito farrapos de tea."

Así reza o poema que escribiu V. Paz Andrade dedicado ás bruxas que dis que había na localidade de Vozqueimado, en Chandrexa de Queixa.

Pois alá fomos os andaríns do Souto do Vello para comprobalo. Efectivamente alí estaban as vasoiras, pero como nós non camiñamos a deshora non fomos enmeigados. Quizás algo enmeigados quedamos despois de comer o cocido, e demais viandas, que nos puxo Gerardo cando rematamos a nosa andaina.
Moi cedo saímos de Vigo cara ó concello de Chandrexa de Queixa, o domingo fresco pero soleado, para facer unha pequena ruta que nos levaría por varias localidades do concello. Pasamos por Vozqueimado, como dixemos antes; de aí fomos ata Casteligo, onde puidemos contemplar a súa igrexa parroquial, así como a rectoral e demais casas que están abandonadas. Seguindo polo regato de Casteligo, achegámonos ata a súa bonita fervenza. Despois de recrearnos escoitando as cantarinas augas, fixemos unha pequena subida que nos levou ata Parafita, co seu cruceiro e igrexa dedicada a S. Bartolomeu. Xa de regreso a Chandrexa imos por unhas bonitas pistas contemplando ó lonxe o encoro, que esta vez si, ten auga.



Xa na vila, Gerardo agardábanos co seu “lixeiro” menú (callos, fabada, cocido, carne asada...e sobremesas) do que demos boa conta “sen miseria”, como di un amigo. E como non, despois deste suculento xantar non podía faltar a actuación dos mundialmente renomeados “Os Soutiños”, que como sempre non defraudaron. 





Entre peza e peza  a nosa amiga Ángeles, en nome de todos e todas, fíxolle entrega dun precioso agasallo ó noso querido guía, para agradecerlle o seu traballo para que este grupo veña gozando de xornadas tan bonitas coma esta. Moitas grazas Pepiño!!






Para ver as fotos fai clic aquí ...tamén poderás ver as fotos do día que fomos preparar a ruta e había bastante neve 😉

30 de xan. de 2018

Sendeiro polo concello de Cerdedo



Ano novo, andaina nova…xa van alá os turróns e o cava das festas do Nadal cando o Souto do Vello se bota a andar. Aínda que non debemos esquecer que os máis valentes xa baixaron os turróns, tanto o día 25 como o primeiro de ano, polos arredores de Matamá.
E para comezar o ano fomos percorrer as terras do concello de Cerdedo, en parte polo Roteiro Frai Martín Sarmiento. Como sempre acontece cando o noso guía pon os cinco sentidos, o tempo foi marabilloso para poder gozar dun día de monte. Polos camiños puidemos comprobar a cantidade de auga que leva caído nos últimos días…pero xa se sabe, estamos no inverno!
O sendeiro elixido conta con todos os compoñentes para gozar: calzadas medievais, ermidas dos séculos XVI e XVIII, pontes, aldeas con construcións impresionantes aínda que abandonadas na súa maioría...sen esquecernos da natureza, xa que pasamos por soutos, carballeiras con carballos centenarios, fragas,... e moi boas vistas.

A última parte do sendeiro, no sentido no que o fixemos nós, é un precioso paseo ó pé do río Seixo pasando por unha chea de muíños que deberían ser recuperados.
Tamén temos que dicir que o sendeiro está un pouco abandonado no que respecta ás marcas e ós carteis explicativos, totalmente descoloridos e ilexibles. É unha mágoa que non se bote man del xa que é un sendeiro moi bonito.

Xa nos foron adiantando os plans para os vindeiros meses e a cousa promete. Para abrir boca en febreiro teremos o cocido en Casa Gerardo en Chandrexa de Queixa...mimadriña!




Para ver as fotos fai clic aquí.

8 de xan. de 2018

Sendeiro polo concello de Cerdedo (Pontevedra)


A organización pídenos que vos digamos que os camiños deste sendeiro están como deben estar no inverno, é dicir, con auga. Para que tomedes nota!

25 de dec. de 2017

Día de Nadal 2017

Fiel á tradición, o Souto do Vello ascende ata a ermida do Alba para baixar o turrón no día de Nadal. Aquí tedes a reportaxe gráfica.








21 de dec. de 2017

Boas festas!!


Os andaríns do "Souto do Vello" deséxanvos unhas BOAS FESTAS e un NATURAL e ventureiro ANINOVO.
Nadal 2017

14 de dec. de 2017

Sendeiro das Greas (Chan da Lagoa- A Ramallosa)





Aínda que un pouco tarde chega a crónica da última andaina do Souto do Vello e a derradeira do 2017.
Seguindo o sendeiro GR 58, desta vez tocou saír de Chan da Lagoa para chegar á Xunqueira do Val Miñor na Ramallosa.
Nun día fresquiño pero soleado, moi apropiado para andar, iniciamos a ruta na preciosa Área Recreativa de Chan da Lagoa. Contemplando as Cíes fomos percorrendo a costa dende o alto e no Outeiro do Home divisamos xa a batería militar de Cabo Silleiro. Cruzamos Baredo e chegamos ata a Virxe da Rocha, onde puidemos ver os restos dos desgraciados incendios que aínda temos na memoria. Cun pracenteiro paseo polo centro histórico de Baiona chegamos ata o cruceiro da Santísima Trindade é un cruceiro do século XV,  un dos poucos de Galicia que está cuberto por un baldaquín.
Seguimos cara a Baíña para chegar á estación rupestre de Outeiro dos Lameiros, un dos conxuntos rupestres con representacións de petróglifos máis importantes do noroeste peninsular. 

Chegamos para xantar no campo de bolos Celtas de San  Cibrán. e de alí camiño de Belesar onde nos agardaba o autobús para tarernos de volta nesta última andaina do 2017, ano importante para os andaríns e as andarinas do Souto do Vello. Agardamos que o 2018 veña con moitas forzas para camiñar e gozar destas bonitas paisaxe que nos ofrece a nosa terra...se a deixan.
Bo Nadal e Feliz Aninovo!!

Para ver as fotos fai clic aquí.