Texto elaborado polo noso amigo
Antonio, que foi quen deseñou a ruta que fixemos o pasado domingo, 14 de maio,
pola bonita vila de Corrubedo.
“O sendeiro circular SR-1, percorre toda a costa da península de Corrubedo,
e aumentándoo ata o monte Tahume, sae unha ruta de dificultade baixa nos seus
18km, pasando incluso polos dous cumios-miradoiros da zona, monte do Facho de
138 m. e o Tahume de 240m.
O inicio da ruta é no recheo do porto onde está a praia da Robeira e o
monumento ós mariñeiros de Corrubedo falecidos no mar, e comezámola subindo ata
a igrexa da parroquia “Sta. María da Asunción-1907” onde se atopa o monumento
que conmemora o 50 aniversario do naufraxio e rescate por parte do pobo de
Corrubedo do iate inglés “O Debonair” 1960-2010.
Continuamos camiñando en dirección N polas pequenas rúas da vila na que se mesturan
as casas de labradores cos seus patios interiores, alboios, canastros e as
bufardas das cortes e as dos pescadores coas ménsulas para secar as redes e a
roupa e ata non hai moitos anos o rechamante cor da pintura das súas fachadas.
Facemos a primeira parada na praia da Robeiriña onde se atopan as ruínas
dunha das 3 factorías de salgado que houbo na vila, chamada a de Carraspello na
que se salgaba nas súas tinas bacallau, abadeixo e sardiñas e na finca secaban
o congro.
Seguimos pola rúa das Delicias e baixamos as pequenas praias das Furnas ata
chegar á praia da Ladeira onde se atopa a duna móbil máis grande do noroeste
español, este areal coa súa continuación coa do Vilar chegan ata os 5Km de
lonxitude.
Saimos da vila e entramos no monte polo merendoiro da “Laxe da Gata” de
Teira e que nos levará ata o cumio e miradoiro do monte Facho (138m) no que a
maleza esconde restos castrexos dun castro. En días claros divísanse as 3 Illas Atlánticas e os montes da Groba en
Baiona-Oia.
Comezamos a baixada ata o antigo camiño de pes de outeiro dos pobres, que era
usado polas xentes que viñan a traballar a Corrubedo dende Xuño, Queiruga,
Porto do Son… ata o ano 1945 que fixeron a estrada. Seguindo o camiño, hoxe
unha pista, chegamos á aldea de Espiñeirido co seu cruceiro, e dende aquí
camiñaremos por pistas e camiños ata a aldea rehabilitada de Olveira da Arriba.
Despois de tomar as 11, encaramos polo sombrío monte redondo a subida
tendida o monte Tahume (240m) onde se atopan as antenas e radares de salvamento
marítimo, así como restos do castro e da gran cruz de ferro que o coroa, e poderemos
gozar das fermosas vistas de 360º dende Fisterra á Groba e do val que discorre
entre a costa e os montes do Barbanza.
Iniciamos a baixada polas 12 reviravoltas e o tramo de escaleiras que nos
leva á capela de San Bieito de Seráns onde na súa campa e fonte milagreira deterémonos
a xantar.
Despois de recuperar forzas baixamos pola aldea de Seráns ata a praia da Recabeira onde iremos polo paseo de
madeira e senda da costa ata o faro de Corrubedo, pasando pola pequena praia do
Rial, co seu muíño na duna, a punta de Pardiñeiras, a punta da Laxe Brava ou
Teira, a cruz do naufraxio, a furna Brava, as brañas de Teira, a punta do
Corgo, o penedo miradoiro de Outeiro da Mina, as praias das Barreiras e de
Balieiros, a praia e furna do Portiño, a Punta do francés, as Covas e por
varias zonas de pedras de pelouros-coídos que o mar e o vento ó longo de
moitísimos anos as erosionaron e lle dan esas formas redondeadas.

Facendo un pouco de historia do faro de Corrubedo, comezou moito antes do século
XII, sendo un facho que estaba na ladeira N do monte Facho na aldea de Teira, e
alimentábase de carburo. Esa pouca luz que tiña, dende o mar pouco se podía
ver, e se había néboa xa non se vía nada de aí tantos naufraxios na zona. O
que estaba claro é que na aquela época
estaba mal situado, polo que no ano 1954 entrou en servizo o actual faro, e foi
durante moito tempo o único da costa galega coa súa luz vermella. Era coñecido
como o “faro comunista”. Hoxe é branca como os demais. Tamén tiña unha torre de
trompetas que rezumaban os días de néboa,
pero hoxe en día cos sistemas modernos de navegación dos barcos, hai anos que
deixou de soar e tanta modernidade
chegou, que o faro hoxe está totalmente automatizado e sen ningún persoal que o
dirixa, atopándose estes na vila de Vilagarcía de Arousa.
Abandonamos o faro en dirección SW pola senda da costa ata a fin da ruta
pasando pola punta Buraseira, a furna Brava, Punta outeiro dos corvos, furna
das Galletas, enseada da chan de Teira, punta do pozo Salgueiro, pedras de pelouros-coidos do Cantón, punta
paxariñas, punta Praxeiro, o Cantón,
casas dos pescadores e praia do Prado e remate no paseo marítimo da
Farola do murallón.
Despois da tan saudable, vistosa e cultural ruta, ben merece unha parada
nos numerosos bares da vila para degustar os produtos espectaculares que dá as
riquísimas augas deste mar.”
Pois nós fixémoslle caso a Antonio e rematamos cunha fresca cervexiña nunha das terrazas no porto.
Despois desta bonita ruta quedamos convocados para o vindeiro 4 de xuño para facer a penúltima andaina da tempada.
Para ver as fotos fai clic aquí.