O Souto do Vello no cume galego!
2 de maio de 2025
10 de abr. de 2025
Trilho do megalitismo - Castro Laboreiro
O Souto do Vello segue fiel ós seus costumes e por iso neste primaveral mes de abril fixemos a habitual visita ó noso Santuario do Bacalhau.
Esta mañá de domingo dirixímonos cara a
Castro Laboreiro para facer unha pequena ruta pola Serra do Gerés, pura
natureza chea de fervenzas, miradoiros, penedos, núcleos megalíticos e outras
marabillas que conforman este parque natural digno de conservar.
Tal como indicaba o cartaz publicado neste
blog, iniciamos o percorrido na branda de Outeiro para pasar pola branda de
Rodeiro. Continuamos o camiño cara o Planalto de Castro Laboreiro pasando por
varios núcleos megalíticos parándonos a observar algunhas das mámoas que
atopamos.
Camiñando por unhas boas pistas de montaña cun ollo posto nas ameazantes nubes negras que viñan do sur chegamos ó punto de partida sen necesidade de sacar o chuvasqueiro. Alí nos agardaba Rubén que nos achegou ata o restaurante Miracastro para gozar do habitual menú cos fumeiros, bacalhau e cabrito ben regados. Moitas grazas a todo o persoal do restaurante pola acollida.
Despois do xantar e antes da actuación
estelar dos Soutiños, fixeron entrega de diversos agasallos a varias persoas
que dun xeito ou doutro se encargan de organizar e dinamizar as saídas
mensuais, en especial Bacelos que dedica horas para que todo saia o mellor
posible.
Temos que agradecer a colaboración de todos
os asistentes durante todo o ano, salientando o traballo de Ángeles que
elaborou uns libros preciosos coas fotos da saída que fixemos a Riaño. Moitas
grazas de parte de todos os agasallados.
Rematada a actuación dos Soutiños, Rubén
tróuxonos ata Vigo pensando xa na seguinte saída que será a fin de semana do 10
e 11 de maio que visitaremos e coñeceremos a historia do Couto Mixto.
Para ver as fotos fai clic aquí.
31 de mar. de 2025
20 de mar. de 2025
Polas terras de Pantón (Frontón)
Por fin puidemos facer realidade o desexo de realizar esta ruta polas terras de Pantón, en concreto pola localidade de Frontón de onde é orixinaria a nosa compañeira Josefa. Despois de darnos a benvida agasallándonos cun cafeliño e mais unhas roscas da confitería Ancla, Josefa, moi emocionada tamén pola presenza das súas fillas e irmá, fixo de guía polas ruelas de Frontón amosándonos a súa casa, a vella escola onde asisitiu, e como non os preciosos miradoiros da
ruta. Un dos primeiros que visitamos foi o de Pena Pombeira, o lugar máis alto do concello de Ferreira de Pantón, a 707 m de altitude, contemplando dende alí o final do curso do río Sil antes de deitar as súas augas no Miño. Máis tarde chegamos ó miradoiro da Cruz, que como o nome indica está coroado por unha grande cruz dende a que se pode contemplar unha fermosa paisaxe salientando a igrexa de San Vicente de Pombeiro. Esta xoia do románico do século XII foi a seguinte parada da nosa ruta.
Como é habitual en moitas outras igrexas da zona, San Vicente de Pombeiro formou parte, alá polo século X, dun mosteiro do que hoxe non quedan máis que algunhas pegadas. A igrexa foi construída entre os séculos XII e XIII, aínda que en etapas posteriores sufriu diversas reformas. É de planta basilical, con tres naves e outras tantas ábsidas semicirculares. A particular entrada principal está disposta entre dous contrafortes.
Xa despois desta visita continuamos
sendeiro pasando pola aldea abandonada de Penaveada para chegar ata San
Cosmede.
Como remate desta preciosa e emocionante ruta puidemos degustar as ricas rosquillas Ancla agasallo do noso amigo Kico.
Moitas grazas a todos e todas. Xa estamos agardando que chegue o vindeiro 6 de abril para encamiñar os nosos pasos cara ó noso santuario do bacalhau.
Para ver as fotos fai clic aquí.
4 de mar. de 2025
11 de feb. de 2025
Pinzás
No mes de febreiro temos por costume facer unha pequena ruta e rematar cun cocido como é debido. Este ano volvemos a un lugar coñecido como é o restaurante Florentiña en Pinzás.
Chegamos co autobús nunha mañá gris con brétema e ameazando chuvia, chuvia que, aínda que non copiosa non deixou de molestar durante toda a mañá. Dende logo o día non era o axeitado para gozar dunha paisaxe ben bonita pero si que se prestaba para o remate que nos agardaba.Comezamos a camiñada en Pinzás, na Serra da Groba e dirixímonos cara á Alpuxarra e o Curro. Como non podía ser menos, saudaron o noso paso algunhas vacas que pacían tranquilamente a pesar do mal tempo.
Cun descenso prolongado
fomos cara a Fervenza do río Pequeno, un pequeno regato como o propio nome
indica que deita as súas augas no río Miñor. Nun determinado lugar forma unha
pequena fervenza nun recuncho con moito encanto. Lástima que non puidemos gozar
dela como é debido.
Continuando a marcha
pasamos pola aldea da Portavedra e arrodeamos o Chan do Cereixo. Aquí atópase
un xacemento arqueolóxico datado no Pleistoceno. Está localizado entre as
concas do río Miño e do río Miñor e foi ocupado en diversas ocasións por
diferentes comunidades de humanos ó longo de centos de miles de anos.
Baixo os paraugas chegamos de novo á Casa Florentiña onde puidemos cambiar as roupas un pouco molladas e pasar ó comedor para degustar unha reconfortante sopa e mais as talladas que viñeron a continuación acompañadas de boas patacas e verzas ben ricas.
E para rematar a xornada,
fantástica actuación dos Soutiños ó completo que fixeron as ledicias dos
bailaríns e non bailaríns.
Temos que rematar esta
crónica lamentando o falecemento do pai de Suso Montero (Vitrasa) e da nai de
Suso de Matamá. Dende O Souto do Vello enviamos as nosas máis sinceras
condolencias e unha forte aperta que axude a soportar estes dolorosos momentos.
Para ver as fotos fai clic aquí.

-22.jpg)
-12.jpg)
-29.jpg)
-39.jpg)

-16.jpg)
-26.jpg)
-54.jpg)
-59.jpg)
-75.jpg)
-74.jpg)




