O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

25 mar 2012

La Palma - Paraíso para camiñar e para o xantar...

Xa falta menos para a visita do Souto do Vello a La Palma. Aquí tedes o enlace para o himno dos sendeiristas de La Palma do grupo El Trio Zapatista e que será a banda sonora da nosa estancia na illa. Todos a aprenderse a letra!!!!

http://www.youtube.com/watch?v=1TmQmUWaVds

Para máis información sobre "La Isla Bonita" deixámosvos o seguinte enlace:

http://www.senderosdelapalma.com/

--
Telmo

21 mar 2012

O Souto do Vello viaxa a Palma

O Souto do Vello celebra o seu 10º aniversario cunha saída á "illa bonita", á illa de La Palma.
Do 1 ao 8 de abril unha chea de aventureiros gozarán das paisaxes e andainas desa bonita illa canaria. Aquí deixamos o programa a realizar neses días.





15 mar 2012

Ruta dos santuarios (Peneda - Gerês)

Esperemos que esta foto de grupo non se volva repetir, porque a verdadeira imaxe debería ter este fondo





O certo é que o domingo 11 de marzo do 2012 ás 7 da mañá estaban os andaríns preparados para subir ao autobús cando tivemos a primeira das incidencias do día. O autobús que perde aghua! coa faltiña que fai nestes tempos! Pero tratándose da ruta dos santuarios, os do Souto do Vello non perdemos a fe e cunha hora e media de atraso conseguir saír de Matamá, iso si, noutro autobús que polo camiño recuperou media hora a costa dalgúns mareos.
Chegamos ao santuario da Peneda onde nos agardaba o resto do grupo para comezar a pateada que nos levaría ata o outro "santuario", o do bacalhau.
Debido ao atraso na saída, a organización tivo que improvisar unha nova ruta. Aí nos demostraron que están verdadeiramente preparados e sobre a marcha prepararon unha ruta circular que non desmereceu a que estaba prevista (unha vez máis parabéns para a organización!).
Comezamos a subida por detrás da Peneda ata chegar ao lago, pero xa vistes como estaba...seco!
Seguimos ruta polo alto de Meadinha e demos unha volta pola preciosa serra da Peneda ata chegar de novo ao santuario.
Polo camiño atopámonos cunhas vacas que querían acompañarnos, non sei se saberían algo do do bacalhau.
Despois de refrescarnos e cambiar de indumentaria, collemos o autobús cara a Castro Laboreiro.
No restaurante Miracastro xa nos agardaba o resto do persoal que se apunta ao xantar.
Coma sempre, os amigos do Miracastro non decepcionaron. Coas entradas (sobre todo o presunto) para facer boca, seguido do caldo, o bacalhau con broas e ramatando co año ben preparado, xa o persoal estaba preparado para o que fixese falta. E iso que aínda faltaban as tetiñas castrexas!
Logo dos "cafeses" e "chopitos" chegou a hora da festa rachada amenizada polos "Soutiños" que contaron coa estrea dun novo bombeiro pola ausencia do titular. Vimos tamén a un aprendiz de tamborileiro que non lle quitaba ollo a Manolo.
Despois dunhas cantas pezas volta para Matamá e a preparar a equipaxe para "La Palma".




15 feb 2012

Andaina do Miño - Concello de Cenlle


Na tempada das andainas de río non podía faltar a do pai Miño. Unha das que se podían facer era esta do concello de Cenlle. O domingo 12 de febreiro ás 9 da mañá e coas orellas tapadas polo frío, saíu o autobús de Matamá cheo de xente con ganas de andar.
Chegamos ao balneario de Laias e fumegaban as augas do río Miño. Alí comezamos a andar por un sendeiro moi bonito río arriba ata que nos metemos por un túnel para comezar a subir o monte. As capas de roupa xa ían sobrando. A media subida e coa bonita paisaxe do río ás nosas costas, fixemos unha paradiña para as once (xa o di o xefe, as once son as once e non se pode andar con díxome-díxome nin pataqueiradas).

Antes de chegar a Vilar de rei.por un bonito camiño, atopamos un muíño-casa onde houbo unha discusión sobre a utilidade dunha pedra. Ao chegar o arqueólogo sacounos da dúbida dicindo que primeiro era para lavar a cara e despois aproveitando o buratiño do desaugue, as partes baixas?!
Seguimos a ruta contemplando os espalleres, de onde sae o rico Ribeiro, a unha e outra beira do río. Polo camiño había bastantes érbedos e sobreiras, ademais das moitas e moitas acacias coa flor a punto de rebentar. Andando andando, chegamos a Pena onde fixemos a parada para xantar. Coma lagartos estarricámonos ao sol bocadillo en man (algúns algo máis que bocata). Xa case rematando chegou unha amiga para convidarnos a “visitar” a súa adega. Por certo ben grande e cunhas boas cubas, pero sen viño. Despois de comer fomos baixando en dirección a Laias. Antes pasamos pola capela de Santa Lucía desde onde se contempla unha preciosa paisaxe do Miño. Seguimos un anaco pola estrada nacional e xa nos metemos outra vez ata o balneario onde agardaba o autobús para volver de novo a Matamá con menos frío.


25 ene 2012

Ruta dos miradoiros

Di unha cantiga popular: “San Vicente de Marantes é un santo moi galanteiro, quere que lle fagan a festa o vinte e dous de xaneiro”. O Souto do Vello, que tamén é moi galanteiro, elixiu o vinte e dous de xaneiro para facer a ruta dos miradoiros e comer uns deliciosos callos no furancho MatamáFolc. Esta creo que foi a razón de que houbese tanta participación. Nada menos que 78 andaríns e mais Darko (un precioso e educado can labrador golden retriever). Mellor dito 79 porque temos que contar ao Çé, que case o sacamos da cama ao pasar pola súa casa, e moi contento, incorporouse á marcha. Demos algunhas voltas pasando polo castro de Beirán, polo petróglifo das Millaradas... para comezar a subida ao primeiro dos miradoiros, o monte dos Pozos (vista espectacular), de aí ao monte Alba, cunha subidiña xeitosa (escaleiras incluídas) para chegar a outra vista máis espectacular (o guía fíxonos ver New York). De alí ao Cepudo é un paso, e máis espectáculo! Despois da foto de familia, comezamos a baixada cara á Matamá pasando polos muíños da Aguieira. Desta volta acompañáronnos un grupo de Ribadetea (Ponteareas) e mais outro de Bembrive. Foi un pracer para o Souto do Vello contar con eles e convidámolos a que repitan. Ás dúas e media esperaban no furancho uns deliciosos produtos do país moi ben elaborados polas cociñeiras e cociñeiros amigos e moi ben servidos, por certo. Dámoslles as grazas a todas e todos os que participaron na elaboración e servizo, que o fixeron moi ben. Se a tortilla estaba boa, a orella non quedaba atrás. Se a empanada baixaba soa, non digamos nada dos callos. Ata houbo quen comeu catro pratos!!! E que dicir das sobremesas; os petits, a torta de mazá... e o roscón con ovos da casa! Mimadriña que fartura. Para que logo digan que o sendeirismo non é duro! Por certo, ao remate cantámoslle o parabéns a Gloria que estaba de aniversario! Felicidades e que sigas cumprindo máis! Xa despois dunha pequena festa e da visita á capela do santo milagreiro, rematamos esta andaina de xaneiro. Ata a próxima!