O Souto do Vello no cume galego!
22 de dec. de 2023
8 de dec. de 2023
Domaio: mar e monte
A última saída do ano
levounos ata o outro lado da ría para visitar a veciña Domaio e facer unha
bonita ruta que, como di o título, partindo da beira do mar chegamos ata o alto
do monte desde onde temos unhas preciosas vistas dese mar que deixamos á saída.
Comezamos no paseo marítimo
de Domaio unha mañá con bastante frío, pero logo o deixamos en canto comezamos
a subir para chegar á Poza da Moura. Unha pequena poza que se forma no curso do
río Miñouva e está rodeada dun conxunto etnográfico formado por catro muíños
que aproveitaban a forza deste pequeno río. Foi agradable gozar das fermosas
vistas sobre a Ría de Vigo, dende Cabo Silleiro ata a ermida da Guía ou o Monte
do Castro.
Coma case sempre esta poza
ten unha lenda que di que a este lugar chegou un moro coa súa fermosa filla.
Esta namorouse dun campesiño do lugar, pero o pai, que non consentía esta
relación, deulle morte ó mozo moi preto desta poza. A filla, chea de dor,
fundiuse na poza para sempre. Dende aquela disque polas noites se pode ver na
beira peiteando os longos cabelos.
Seguimos subindo ata chegar ós Miradoiros de Candóns e logo ó alto do monte Xaxán ou Freixo. Aquí gozamos das fermosas vistas do fondo da ría cara a Arcade.
Comezamos a baixada ata
chegar á Chan d’Arquiña, onde puidemos apreciar a mámoa e dolmen, ese monumento
megalítico declarado Ben de Interese Cultural e que foi excavado nos anos 50 do
pasado século.
Logo fixemos outra pequena
subida para chegar ata o Monte Faro. O aire frío botounos logo de alí para ir
ata o miradoiro das Mans onde fixemos as fotos de rigor.
Xa nun suave descenso achegámonos ata os muíños e pozas do río Freixa pasando pola plantación de camelias.
Pronto chegamos de novo ó
lugar de partida, no paseo marítimo, onde demos boa conta duns cafeíños ou
cervexas, asegún...despedindo así as andainas do ano.
En xaneiro, xa do 2024,
comezaremos ben o 21 ou o 28. Avisarase con tempo.
Aproveitamos para desexarvos
unhas boas festas e vémonos para o ano que vén. Saudiña para todas e todos os
andaríns.
Para ver as fotos fai clic aquí.
29 de nov. de 2023
22 de nov. de 2023
Paredes de Coura: Cascata das Lages Altas e bosque de Lawson
Despois deste período de
chuvias que tivemos ultimamente o normal era que as fervenzas estivesen no seu
máximo esplendor. Pensando niso, a organización levounos ata o país veciño para
achegarnos ata Paredes de Coura. Alí hai un trilho que ten como atractivos máis
interesantes a Cascata das Lajes Altas e o bosque de cipreses de Lawson. E non
defraudou.
Comezamos a andar en Valsa, na freguesía de Infesta, e ó pouco de empezar xa nos topamos coa cascata, que como era de esperar, resultou ser un espectáculo, unha imaxe fantástica. O Regato das Poldras baixaba furioso, facendo voar a auga que nos puxo a pingar.
Fomos subindo a
contracorrente por un sendeiro moi empinado ata a cima da cascata. Alí non
puidemos seguir polo sendeiro xa que había que atravesar unhas poldras e no se puido
pola cantidade de auga que levaba o regato. Seguimos unha ruta alternativa non
menos bonita, pasando por sendeiros inzados de follas, propio do outono, e por
bosques de piñeiros resineiros dos que obteñen trementina, colofonia e brea;
aínda que algúns estaban un pouco abandoados . Continuamos a ruta deseñada ata
cruzar polos Viveiros Forestais do Alto da Cortelha, que é unha plantación de
cipreses Lawson tamén chamados Cedro Branco ou Cedro de Oregón. Foron plantados
na época de Salazar e co paso dos anos formaron un fermoso bosque que hoxe se
atopaba atravesado por bastante auga.
Despois de xantar fixemos unha pequena subida ata un lugar coñecido como Penedo do Macaco. Dende alí pódese contemplar unha panorámica preciosa da zona.
Xa baixando suavemente chegamos ó punto final da nosa ruta, ó pé da ermida de São Sebastião en Roriz. Alí nos agardaba unha sorpresa coñecida por todos, as deliciosas rosquillas Ancla agasallo de Kico regadas cun bo tinto.
Volta cara a Vigo e
convocatoria para o vindeiro 3 de decembro para rematar o ano 23.
Para ver as fotos fai clic aquí.
11 de nov. de 2023
1 de nov. de 2023
Ruta por Trives e Manzaneda
Saída de fin de semana para facer un par de rutas pola comarca de Trives. As condicións meteorolóxicas non animaban moito pero os andaríns do Souto do Vello non se amedrentan ante nada, sobre todo pensando en pasar unha bonita fin de semana e gozar do outono ourensán. O resultado foi espectacular, xa que puidemos facer as dúas rutas case sen chuvia por uns sendeiros inzados de ourizos e castañas (algúns quilos delas viñeron para Vigo), cruzando preciosos soutos e fragas que, aínda que non lucían por completo as cores do outono, xa se intuían.
O sábado comezamos a
andaina dende o miradoiro das Penas de Rome despois de contemplar a
espectacular vista sobre o Val do Navea. O primeiro tramo levounos ata a aldea
de Pena Folenche o punto máis alto do val onde hai un penedo que ten toda a
pinta de ser unha atalaia de vixilancia do paso do río, xa que por alí pasaba a
Vía Romana XVIII. Hai un par de lendas sobre estes penedos, unha di que dentro
hai un pasadizo que leva ata unha cova con tesouros; outra conta que Santiago
saltou co seu cabalo deixando a pegada na rocha.
De alí baixamos por uns
sendeiros que nos levaron ata Sequeiros, onde están os restos dun grupo de
construcións, os sequeiros, que servían para secar as castañas recollidas polos
arredores. Estas construcións posuían un piso inferior onde habitaban os propietarios
e facían lume para ir secando as castañas colocadas na parte superior da
vivenda. O chan desta parte estaba feito de táboas separadas para favorecer o
paso do aire e do fume para o seu secado.
Seguimos sendeiro abaixo para chegar ata Ponte Navea, unha ponte medieval que substituíu á primitiva ponte romana máis grande cá actual.
Dende alí, por unha
pequena pendente no medio dunha preciosa fraga chegamos ata a localidade de San
Xoán de Río, onde paramos a xantar. Logo quedaba unha baixada pola que chegamos ó
remate desta xornada nunha zona one se atopan os miliarios de Cerdeiras o de Fonte das Guístolas.
O autobús levounos ata A Pobra de Trives para hospedarnos no hotel “La
Viuda”. Pola noite degustamos unha exquisita cea no restaurante do hotel. Moi
bo produto e moi ben atendidos.
O domingo 29, fixemos unha ruta circular que nos levou ata a vila medieval de Manzaneda e volver de novo a Trives. A pesar de que tivemos que dar volta nun par de ocasións por mor da cantidade de auga que levaban os regatos, foi unha ruta moi bonita xa que pasamos polo souto de Rozavales e démoslle unha aperta o castiñeiro milenario de Pumbariños, incluído no catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Despois de visitar Manzaneda, volvemos camiñar pola Vía XVIII ou Vía Nova e cruzamos a Ponte Cabalar.
Chegamos a Trives á hora de xantar e ó remate collemos o autobús que nos
trouxo de novo a casa, despois de pasar unha bonita fin de semana menos
chuviosa do que parecía en principio.
Temos que agradecer o bo facer do noso condutor Rubén, que acompañou en
todo momento ó grupo alternativo para que puidesen gozar da comarca.
Para ver as fotos fai clic aquí.














