Aínda estamos
gozando do bo sabor de boca que nos deixou a visita a Pireneos cando preparamos
a saída correspondente ó mes de outubro. Consultando as predicións
meteorolóxicas animámonos a fuxir da costa e ir cara ó interior xa que tiñamos
máis probabilidades de escapar da chuvia. E así foi, achegámonos ata Xunqueira
de Ambía, na provincia de Ourense, e a chuvia deixounos camiñar tranquilamente.
Iso si, non nos libramos da sorpresa final. Cando nos estabamos a cambiar caeu
toda xunta a auga que tiña que caer durante a mañá.
Chegamos a
Xunqueira de Ambía e aparcamos ó pé da “Colexiata de Santa María La Real”, un Monumento
Nacional de importante valor histórico e artístico, e de gran beleza arquitectónica.
Iniciamos o percorrido polo PR-G 194 descendendo ata o río Arnoia por frondosos bosques de carballos e castiñeiros e pasando por camiños preciosos, algunhas congostras impresionantes e sendeiros de pescadores ó pé do río. Atopamos algún antigo pelamio, que son construcións onde curtían as peles do gando, unha fonte termal e algunha pontella.
Pasamos por San
Xillao, onde vimos uns bolos graníticos espectaculares. Continuamos camiño ata o lugar de A Pousa, coa capela da Virxe do
Camiño, por onde pasa a Vía da Prata. A continuación pasamos por Vilanova e
Vilariño do Río e cruzando pola Ponte das Poldras atopámonos no eco-espazo de ”O
Rexo” cheo de esculturas e pinturas sobre as árbores de Agustín Ibarrola.
Dende aí en constante pero moi suave ascenso chegamos de volta a Xunqueira onde aguantamos a forte chaparrada que nos estaba agardando.
Despois de tomar
uns reparadores cafeciños voltamos para Vigo pensando xa na celebración da cea
aniversario o vindeiro sábado 5 de novembro.
Para ver as fotos fai clic aquí
No hay comentarios:
Publicar un comentario