“Airoa é un lugar da parroquia de A Laxe no concello de Fornelos de Montes, asentada nas abas da serra do Suído. Está atravesada por varios ríos e regatos, destacando o río Parada e o seu afluente Valdohome, que van deitar as súas augas no río Oitavén.”
Isto é o que
escribimos neste blog alá por setembro do 2014 cando fixemos unha ruta que
denominamos “Airoa, paraíso natural”. Daquela diriximos os nosos pasos cara ó
pico Bidueiros. Hoxe, case dez anos máis tarde volvemos ó “paraíso” pero iremos
noutra dirección.
Saímos camiñando desde Airoa e, comezando cunha suave subida chegamos ata o miradoiro da fervenza de Casariños, tamén chamada fervenza de Fonte Uceira. É unha das fervenzas máis bonitas que temos por estas terras. Con xeito baixamos ata o pé dela para poder admirar a súa beleza.
Continuamos
camiño subindo por entre as xestas e toxos para chegar a un camiño despexado e
atravesando pequenos regatos incluíndo os pasos de pedra da Barranqueira de
Uceira, demos coa pasarela do río Valdohome que nos pasou a unha preciosa pradeira
(Chan do Porto) onde se atopan os famosos chozos de Casariños.
Deixamos os chozos
para a volta e continuamos a subida ata a Pedra de Abalar, unha formación
rochosa que anima a tentar descabalgala. Seguimos subindo e demos co Coto dos
Ladróns. Son unhas formacións rochosas con oquedades onde se di que se
escondían cuatreiros, asaltantes de camiños e a mesmísima Pepa A Loba. Estas formacións foron aproveitadas tamén como
refuxio de gandeiros.
Continuamos subindo na busca do foxo do lobo de Pigarzos onde puidemos observar a trampa formada por dous muros en forma de V que converxen nun vértice cunha profunda estrutura circular de pedra, que é o que se chama propiamente “foxo”, onde ía dar o lobo para poder ser “cazado”.
De alí comezamos
o descenso para volver á área de descanso de Chan do Porto onde paramos a
comer.
Ó pé desta área de descanso atópase o que chaman “O Curral do Porto”, un asentamento de chozos cos seus respectivos currais, onde se gardaban os gandeiros cos seus rabaños.
Volvemos á
pasarela para cruzar o río Valdohome e dirixíndonos cara o oeste facemos unha
preciosa baixada que nos levou ata a fervenza de Coto Grande.
Seguimos baixando por un empedrado camiño e atravesando un antigo pontón chegamos ó punto de partida na aldea de Airoa.
Alí agardaba a
sorpresa final, xa que o amigo Fernando celebrou con nós o seu tatantos
aniversario agasallándonos cunhas rosquillas da confitería Ancla e un rico viño
da Ribeira Sacra. Parabéns Fernando!!
Ben satisfeitos co
resultado da xornada de hoxe voltamos a Vigo, quedando emprazados para o
vindeiro 23 de abril para dar conta da peregrinación anual ó Santuario do
Bacalhau
Para ver as fotos fai clic aquí
Se queres coñecer a historia de Pepa a Loba cantada por A Banda da Loba fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario