O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

21 mar 2024

Monte Seixo - Porta do Alén

 


O pasado domingo 17 de marzo, fixemos unha ruta moi interesante chea de maxia, natureza e tradición, con dúas partes ben diferenciadas.

Achegámonos ata o concello de A Lama, na localidade de O Pelete para ascender ata o monte Seixo, en pleno corazón da Serra do Cando, que é un espazo natural dentro da Rede Natura 2000 e catalogado como LIC (lugar de interese comunitario). No alto non tivemos


moita sorte coas condicións meteorolóxicas, xa que a brétema impediunos gozar das vistas dende o miradoiro chamado Das Tres Rías. Puidemos adiviñar a ponte de Rande e mais a illa de Tambo... e pouco máis. Pero o que si fixemos foi atravesar a Porta do Alén. Trátase dun conxunto de rochas con formas caprichosas. Chámanlle a Porta do Alén ou Portalén porque semella unha porta, a porta do máis alá, a porta ó mundo dos mortos. Moi preto dela está o Marco do Vento, un maxestoso e monumental menhir de 3 metros de altura e que segundo a tradición é o punto onde conflúen as forzas do universo.


A partir de aí comezamos a segunda parte da ruta cunha baixada constante pasando pola aldea de Barcia do Seixo coas ruínas da Rectoral, a igrexa de Santa Ana e a Eira dos Vidas, recentemente rehabilitada, cos seus hórreos e un cabazo da época.

Pasamos por un muíño co tellado de pedra, pontellas, corredoiras con muros cubertos dun espectacular musgo e unha levada que nos levou ata a aldea da Saleta onde paramos a xantar.

Xa só nos quedaba chegar ata o río Verdugo, no lugar de Fírveda onde hai unha espectacular fervenza e volta ó Pelete.


De volta para Vigo fixemos unha pequena parada en Casa Florencio na praia fluvial de A Lama, onde nos atenderon tan ben coma sempre, para tomar unha refrescante cervexiña.

Remate dunha bonita xornada e convocatoria para o vindeiro 21 de abril no noso “Santuario do Bacalhau”.


Para ver as fotos fai clic aquí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario