O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

7 mar 2024

Ruta do Arenteiro ( O Carballiño )

 

As celebracións das eleccións á Xunta e do Día da Cacheira no Carballiño obrigáronnos a pospoñer a saída do mes de febreiro para o primeiro domingo de marzo. A razón era que queriamos rematar a andaina cun cocidiño no restaurante “Esclavo”.

E así foi. O domingo 3 de marzo saímos de Matamá en dirección ó Carballiño para facer unha pequena ruta sen medo a que a chuvia nos estragase a mañá.

Comezamos a camiñar polo paseo fluvial do río Arenteiro, xusto debaixo do Gran Balneario, ata a ponte medieval chamada Ponte da Veiga.

Continuamos a ruta por cómodos sendeiros atravesando bosques de carballos e castiñeiros ata chegar á ermida da Virxe da Saleta, despois de pasar pola localidade de Vilar. Nesta ermida celébrase unha gran romaría o día 19 de setembro.

A partir de aquí imos desdendendo pasando polas localidades de Enfesta e Godás do Río ata chegar de novo ó sendeiro do Arenteiro.


Esta pode ser a parte máis bonita da ruta, xa que fomos camiñando ó pé do río que baixaba bravo debido ás últimas chuvias ofrecéndonos un espectáculo impresionante. Con algunha dificultade chegamos ata o Muíño das Lousas, unha zona espectacular con represas, muíños e un museo que non puidemos visitar por estar pechado.

Seguimos polo paseo baixo unha incómoda chuvia ata o punto de partida onde o amigo Rubén nos tiña o autobús preparado para poder cambiar a roupa mollada.

No restaurante “Esclavo” xa nos agardaban as compoñentes do grupo alternativo que pasaron unha boa mañá paseando polas rúas da vila.


Alí demos conta dun bo cocido ben servido por amables camareiras que deu paso á actuación dos Soutiños...memorable coma sempre a pesar do bombeiro becario.

Volta a Matamá quedando emprazados para dentro de quince días, o 17 deste mes, para a saída de marzo.


Para ver as fotos fai clic aquí.

1 comentario: