O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

6 de xuño de 2012

Ruta "Tras os pasos do río Barbeira" (A Lama)


Se queres ver fotos desta ruta clica aquí

26 de maio de 2012

Ruta da AQA e dos Carranos

A penúltima ruta deste 10º aniversario do Souto do Vello levounos ata o concello de Covelo para realizar uns tramos incluídos dentro da Rede Natura 2000, que son espazos naturais con gran valor ecolóxico creados pola Unión Europea para a súa conservación.
Comezamos na praia fluvial de Maceira para camiñar a carón do río Tea e gozar da paisaxe que nos ofrece, tanto natural como patrimonial, pontes, muíños, presas, fontes… A ruta tamén nos leva por varios núcleos de vivendas como Redondo e Barciademera onde visitamos o conxunto Abacial de San Martiño coa súa igrexa e a casa rectoral de estilo barroco na que chama a atención a súa espléndida fachada na que destacan unhas figuras precolombinas.
Baixamos cara ao río Tea, que atravesamos polos pasos de Lourido e, xa na outra beira, ascendemos por unha corredoira ata a aldea de Lourido, onde vemos a ermida da Nosa Señora da Escravitude. Continuamos atravesando carballeiras e soutos ata chegar de novo á praia de Maceira onde paramos a xantar.
Pola tarde fixemos o tramo dos Carranos. Comeza dende a reitoral de Fofe desde onde se contempla un precioso val. A partir de aí baixamos e camiñamos atravesando bosques caducifolios e acompañamos sempre a un río cunhas augas cristalinas que animaban a probalas. Na metade do camiño atópase un antigo aserradoiro (data do ano 1922) moi ben restaurado. Despois de asistir a unha demostración do seu funcionamento, continuamos camiño volvendo de novo ó punto de partida.
Antes de subir ó autobús puidemos degustar unhas riquísimas rosquillas da confitería Ancla.

13 de maio de 2012

O Souto do Vello pola protección do Galiñeiro

Unha boa representación dos andaríns do Souto do Vello asistiron á III andaina pola protección da serra do Galiñeiro. 

Deste xeito sumámonos a toda a xente que se deu cita na Pasaxe, en Vincios, para comezar unha ruta moi bonita remontando o río Zamáns, visitando o muíño de maquía coa fermosa abeleda que o rodea, pasando polo encoro de Zamáns, subindo logo polo río de Vilaza rodeando a canteira e chegando á Fervenza, seguindo logo cara o parque forestal de Vincios onde rematou a andaina. Despois dun agradable refrixerio asistimos á lectura do manifesto a cargo do escritor Manuel Rivas, actuación do cantautor Tino Vaz, recital de poemas, cantareiras e Leo e Arremecaghona...



2 de maio de 2012

Domingo 13 de maio: III Andaina pola protección da Serra do Galiñeiro



A orghanisasión do Souto do Vello anima a todos e a todas a participar na III Andaina Pola Protección da Serra do Galiñeiro. Nesta ocasión terá un novo percorrido chamado a Ruta da Auga. Ao final do percorrido haberá xantar popular, lectura do manifesto a cargo do escritor Manuel Rivas, lectura de poemas e actuacións musicais.


 Para máis información pinchar aquí.

25 de abr. de 2012

Cambio de data próxima saída

A saída que estaba prevista para o vindeiro domingo 13 de maio cambiouse para o seguinte domingo, 20 de maio. O motivo é que está convocada a III ANDAINA POLA PROTECCIÓN DA SERRA DO GALIÑEIRO para ese domingo 13.
Daremos máis información en próximas entradas.
 

11 de abr. de 2012

Viaxe a “La Palma” - Semana do 1 ao 8 de abril de 2012


Que tal..? 
 Estupendo, marabilloso, fíxoseme curto, a mellor de todas as saídas do Souto do Vello, pasoume moi rápido, que ben o pasei!, eu quedaba máis, impresionante, sen palabras...
Isto é o que se escoitaba cando tocaba coller o avión de volta en La Palma o domingo 8 de abril despois de pasar unha semana polos sendeiros desta preciosa illa.

Antes de nada, o que subscribe (e supoño que os demais tamén) quere deixar constancia do seu agradecemento aos organizadores, incluíndo, como non, a Alicia, Telmo, Isa e Bacelos, que pasaron o traballo para que nós puideramos gozar destas marabillosas vacacións. Tamén agradecer o traballo de Jose, o condutor da guagua, que fixo de excelente guía, ademais dun gran profesional do volante.

Os 29 aventureiros chegamos a La Palma o domingo día 1 de abril e dedicamos a tarde a familiarizarnos coa zona onde estaban os apartamentos (Los Cancajos). Xa se notaba un certo formiguiño e ganas de empezar a andar, algúns non agardaron ao día seguinte, outros foron probar a temperatura da auga do mar.

O luns fixemos a primeira das xornadas, houbo que cambiar de ruta polo mal tempo que había na que estaba prevista. Fixemos a ruta dos volcáns, desde “El refugio de El Pilar” ata “Los Canarios” en Fuencaliente. Impresionante paisaxe subindo e baixando polos distintos volcáns (Hoyo Negro, La Deseada – 1932 m., El Martín...) cara o sur da illa. Pasamos por bosques de piñeiros canarios, por certo queimados por fóra pero vivos por dentro, cráteres que semellaban a boca do inferno, o chan con distintas cores e texturas e en todo momento acompañados por unha brétema que ía e viña sen parar dándolle un aspecto fantasmagórico en certos momentos do día. Rematamos a ruta no bar Parada, en Los Canarios, atendido por unha moza de Santa Uxía de Riveira que nos ofreceu unha Dorada e uns “almendrados” que axudaron a repoñer forzas.
Ao chegar aos apartamentos, algúns e algunhas valentes probaron a piscina para relaxar os músculos.
O martes tocou unha ruta espectacular, emocionante e divertida; “Nacientes de Marcos y Cordero – Los Tiles”. É un percorrido onde a auga é a protagonista xunto cos bosques de laurisilva procedentes da era terciaria.
Para chegar ata o punto de partida foi necesaria unha “guagua” especial, xa que a subida por unha pista forestal é de coidado. Foi moi divertido. Chegados ao punto de partida, preparámonos cos chuvasqueiros e lanternas, xa que houbo que pasar por uns túneles polos que se filtraba auga, sobre todo no túnel nº 12. Emocionante. A paisaxe que se ve entre túnel e túnel presenta impresionantes ladeiras do barranco cunha vexetación exuberante. Ao saír do túnel 12 aparece o primeiro nacente, o de Marcos. É unha visión espectacular o ver nacer a auga entre as rochas. Subindo un pouco máis estaba o nacente de Cordero e desde aí comeza o descenso polo Barranco da Auga con grandes penedos e fentas enormes. Chegamos ata o bosque de laurisilvas con exemplares fascinantes. Tivemos tempo de subir ata o miradoiro de “El espigón atravesado” non apto para persoas con vertixe. Non se pode describir con palabras as sensacións que provocan as vistas dende aí arriba. Xa nos metemos de cheo no “Bosque de los Tiles”, reserva da biosfera, onde hai lugares que non entra o sol. De volta para os apartamentos, o noso chofer-guía fixo unha parada nunha plantación de plátanos para darnos unha verdadeira conferencia sobre esta planta tan importante na illa. Logo visita ao miradoiro de San Bartolo con vistas espectaculares sobre os plataneiros. Aínda tivemos tempo de visitar unha típica casa canaria moi ben montada.
O mércores foi unha xornada mixta cunha pequena ruta e excursión guiada pola metade sur da illa. A primeira parada foi no centro de interpretación de la Caldera de Taburiente, o lugar máis emblemático da illa da Palma e que foi declarado parque nacional no ano 1954. Alí puidemos ver un vídeo onde explicaba a formación da illa en xeral e da Caldeira en particular.
Esta Caldeira é unha das maiores do mundo. Ten un diámetro de oito km, cunhas paredes de máis de mil metros de desnivel. Aquí ten o punto máis elevado a illa con 2426 m de altura, onde está o observatorio de “El Roque de los Muchachos”.
Trasladámonos ao parque nacional para facer unha pequena ruta circular pasando polo miradoiro de “La Cumbrecita”.
Baixamos en guagua ata a vila de El Paso. Visitamos o museo da seda que resultou moi interesante. Logo continuamos ata Tazacorte para xantar. Despois do xantar e sen posibilidade de sesta comezamos unha interesante excursión con parada en Las Manchas para ver a preciosa praza de La Glorieta, realizada por un arquitecto local imitando en certo xeito a Gaudí. Alí fixemos centos de fotografías e continuamos ruta contemplando as distintas formacións resultado das erupcións volcánicas e atendendo as interesantísimas explicacións de Jose, o noso guía particular. Chegamos ata o faro de Fuencaliente, a punta máis ao sur da illa, onde hai unha salina. Visitamos as instalacións vendo todo o proceso da formación do sal, e como non, mercamos sal de La Palma. Voltamos aos apartamentos máis cansos que se foramos de andaina, pero moi satisfeitos e agradecidos.
O xoves volvemos retomar as andainas coa que estaba programada para o martes, Pico de la Nieve – Roque de los Muchachos. Foi unha ruta onde se vai cresteando, subindo e baixando e con vistas ao parque da Caldera cos seus roques e barrancos. Mágoa que a brétema non nos deixou gozar destas vistas, pero si gozamos do camiño. Comezamos no Pico de la Nieve a 2239 m de altitude. Pasamos polo pico de Piedrallana, 2321 m. Tomamos o bocata camiño do Pico de la Cruz a 2351 m. Seguimos sendeiro pasando polos distintos barrancos que dan ao interior da Caldera; barranco del Diablo, barranco de Gallegos e miradoiro de La Degollada de los Franceses. Chama a atención a variedade de cores que presenta o chan: vermello, amarelo, marrón... Continuamos ata atravesar a parede de Roberto (vaia traballo que debeu pasar Roberto para facer esta parede); en realidade trátase dun dique natural que é moi famoso no parque. Despois de xantar acometemos a subida ata o cume da illa, “El Roque de los Muchachos” a 2426 m. Xa desde o autobús recibimos atentos as explicacións de Jose sobre todos os observatorios que hai espallados pola zona. De volta para os apartamentos pasamos polo barranco de Garome, unhas vistas espectaculares. Paramos no miradoiro de El Time con impresionantes vistas sobre Los Llanos de Aridane, Tazacorte e a desembocadura dea Caldera de Taburiente. Logo dun refrixerio cruzamos o “túnel do tempo” para pasar ao leste da illa. É curiosísimo como cambia o clima dun lado a outro do túnel. Subimos ao miradoiro de Santa Concepción desde onde se divisaba Santa Cruz e varias localidades cercanas na Breña Baja. Vistas espectaculares.
O venres fixemos a última ruta da semana, miradoiro de Los Brezitos – Barranco de las Angustias. A subida en microguagua 4x4 por estrada superestreita e chea de curvas deixando os precipicios a dereita ou esquerda foi cando menos emocionante. As paisaxes e as vistas espectaculares coma os outros días pagaron a pena. A partir do miradoiro fixemos unha suave baixada por entre os piñeiros e pasando por varios barrancos (del Ciempiés, de las Cañeras, de las Traves...), polo miradoiro del Lomo de Tagasaste... ata chegar á zona de acampada do barranco das Angustias. Aquí decidimos subir ata a cascada de la Fondada, unha subida que nos fixo suar de verdade. Arriba a espectacularidade da fervenza animounos novamente. De volta, xuntámonos cos que quedaran abaixo e iniciamos a baixada polo barranco das Angustias, que realmente fai honor ao seu nome.
Trátase dun descenso abrupto e complicado porque non hai sendeiro, hai que ir polo medio das pedras e cruzando constantemente o “regato” (cando leva auga debe ser espectacular). Con todo é unha “pasada”, xa que para calquera lado que dirixiras a vista sempre atopabas algo espectacular, incluíndo o roque de Idafe, que moitaaaaas se empeñaron en atopar parecido non sei a qué.
Aquí demos por concluídas as rutas (por esta vez) e volvemos aos apartamentos.
Non debemos esquecer que todos os días pola noite había ganas de festa e as caipirinhas, mojitos e ronçitos do Alavasca facían milagres. Que ben o pasamos!
O sábado foi día libre para coñecer a capital, visita ao museo, ao mercado, degustación de zume de cana de azucre e compras varias. Pola noite cea de grupo degustando os peixes da zona acompañados polo xa noso amigo Jose e os que viaxaran con nós dende Vigo.

Xa o domingo últimos baños na praia e na piscina, recollida de maletas e para o aeroporto. Como diciamos ao principio as opinións eran todas parecidas. O que máis e o que menos quería quedar unha semaniña máis.
A preparar a seguinte!
De momento deixamos este aperitivo de fotos. O menú completo estase a preparar, e como bos cociñeiros facémolo a lume lento. Non desesperar!





Aquí vai o primeiro prato


Este é o segundo...


Vai outro prato



E outro máis



la palma4 - presentacion imagenes

E rematamos... Non queriades fotos?