O Souto do Vello no cume galego!
O Souto do Vello no cume galego!
22 de dec. de 2014
17 de dec. de 2014
Monte Aloia
Para rematar este ano 2014, a organización
preparounos un percorrido, nada menos que, polo primeiro parque natural de
Galicia, declarado en decembro de 1978. O monte Aloia, que está situado no
extremo sur da serra do Galiñeiro, no concello de Tui, conta cunha chea de
sendeiros onde se pode gozar da súa vexetación, caracterizada por especies
autóctonas acompañadas por especies de repoboación forestal, ademais de restos
da cultura castrexa e elementos de interese etnográfico.
A nosa ruta comezou nos muíños de Tripes, preciosa
subida nesta época do ano coas augas do Tripes baixando lixeiras con ganas de
seren aproveitadas polos rodicios dos moitos muíños que se van escalonando.
Fomos atravesando a senda botánica para chegar ao alto e pasar cara a outra
banda onde puidemos contemplar dende as terras de Prado e Vilas ata a enseada
de Baiona. Continuamos rodeando o monte, pasando pola pedra do acordo. Subimos
para facer a ruta dos miradoiros e gozar das extraordinarias vistas sobre o pai
Miño despois de dominar un amplo tramo do río Louro. Non nos esquecemos de
facer a visita á cama do San Xiao para logo facer a foto de familia diante da
Gran Cruz.
Logo de xantar ao pé da capela de San Fins,
comezamos a baixada pasando polos rests da gran muralla que rodeaba este alto.
Tras unha pracenteira baixada dun par de
horiñas, chegamos ao punto final onde nos agardaba o autobús. Con isto remata
este ano 2014 do que temos que lamentar algúns acontecementos dentro da familia
do Souto do Vello e que desexamos con todas as forzas que se resolvan no
vindeiro 2015.
Para ver máis fotos clica aquí.
Para ver máis fotos clica aquí.
5 de dec. de 2014
21 de nov. de 2014
A ruta dos Tres Ríos - Touro
A ruta dos Tres Ríos é unha ruta deseñada para percorrer tramos a carón dos ríos Lañas, Beseño e o gran Ulla, todos dentro do concello de Touro, na provincia da Coruña. Esta foi a ruta elixida pola organización do Souto do Vello para facer a saída correspondente ao mes de novembro. Unha elección acertada, xa que nesta época do ano xúntase a coloración de outono da vexetación co nivel de augas que baixan polos rápidos e que fan moito máis atractivo este sendeiro.
En realidade trátase de dúas rutas, o PRG 121 ou Ruta dos Tres Ríos co PRG 93 chamado Ruta Ribeira do Ulla, que se poden facer de distintos xeitos. Nós comezamos na Área recreativa de Santaia, para, río abaixo, pasar polos muíños da Carballa, pola fervenza do Salto das Pombas, a ponte da Laña e a ponte Basebe, entre outros lugares de gran beleza. No percorrido imos pasando por prados, montes con vexetación autóctona (carballos, loureiros, castiñeiros…), bosques de ribeira e algún que outro eucalipto. Nalgunhas zonas imos saltando da provincia da Coruña á de Pontevedra, xa que tamén pisamos o concello de Vila de Cruces, unido co de Touro pola ponte Basebe. Hai zonas no sendeiro que salvan a súa dificultade con escaleiras e pasarelas de madeira.
Xa pasamos ao segundo tramo onde o protagonista é o río Ulla. Preciosos camiños de carro, grandes bosques de loureiros, espléndidas extensións de sobreiras, carballos, castiñeiros, piñeiros…fan desta senda un percorrido realmente precioso. Ademais engadimos restos de construcións como as ouriceiras, muros de pedra en forma de círculo que facían antigamente para gardar as castañas cos seus ourizos e así salvalas do xabaril. Tamén hai muíños, o pazo de San Cristovo, etc, sen esquecernos do lugar chamado Pozo do Pego, onde seguro que no verán se pode dar un bo baño nas ricas augas do Ulla. Desta volta non o fixemos porque non apetecía moito.
Aínda tivemos tempo de parar na localidade de Touro para tomar a arrancadeira e coller camiño de volta a Matamá, nun día que prometía moita chuvia e sen embargo respectounos case todo o día deixando que gozaramos desta bonita ruta.
Dende esta páxina queremos enviar un afectuoso saúdo ao noso compañeiro Carlos Miguel e desexarlle unha pronta recuperación. Coa túa fortaleza e o apoio de amigos e familia estamos seguros que pronto estarás con nós. Moito ánimo Carlos, os andaríns do Souto do Vello enviámosche toda a enerxía positiva que che faga falta para superar este momento!!
Para ver as fotos da saída pincha aquí.
NOTA: Como xa sabedes a maioría, acordamos mercar unha prenda cortaventos térmica (soft-shell) na tenda de deportes Carlos Miguel á que se lle pode poñer o logo do Souto do Vello e mais personalizala co voso nome. Os que esteades interesados pasade pola tenda para encargala.
10 de nov. de 2014
31 de out. de 2014
Lobios - Entrimo
Desta volta tocou unha fin de semana polas
terras da Baixa Limia, así que alá nos fomos o sábado 25, cara a Lobios e
Entrimo. Sobre as 10 da mañá chegamos a Portela do Homem para facer unha ruta
que discorre por terreos do Parque Natural Serra do Xurés e BaixaLimia, remontando
o curso do río Homen (afluente do Cávado) ata os cumes da serra onde se atopa a
mina das Sombras. Trátase dunha ruta de gran interese xeolóxico, paisaxístico e
biolóxico, con vistas espectaculares e unha gran variedade de formacións
rochosas. Pronto atopamos a Cabaniña do Curro, un pequeño refuxio nas rochas
con herba no teito, que servía para gardarse os vellos pastores das famosas
cabuxas do Xurés. No percorrido podemos observar xestas, uces e carqueixas.
Continuamos cara a mina das Sombras. Son
uns restos dunhas minas de wolframio, que se explotaron durante a segunda
Guerra Mundial. Moita xente traballou alí en busca do prezado metal. Aínda se
poden ver os restos das casetas utilizadas así como os raíles das vías, antigos
carros e accesorios, maquinaria empregada na explotación das minas. Comemos á sombra e cos
pés nas frescas augas do río Vilameá e logo dunha reconfortante sesta,
comezamos a baixada por un espectacular sendeiro vixiando en todo momento as
cristalinas augas ademais da vexetación de ribeira asociada o leito do río de
Vilameá. Pasamos pola capela do Xurés e fixemos o viacrucis ao revés para
chegar aos baños no río Caldo. O lugar é o idóneo para recuperarse do esforzo
cun baño termal e algunha que outra cervexiña.
O aloxamento foi nos hoteis Entrimeña e
Barcelona. Despois da ducha fomos cear á Entrimeña. Entre pratos, viños, cantos
e demais tivo lugar a presentación do Cancioneiro do Souto do Vello coa
colaboración do Çé, Judith e Breixo.
Ao día seguinte
saímos de Entrimo ascendendo cara a serra de Queguas. Alá no alto podemos ver o
monumento megalítico coñecido como "Casa da Moura", da época do
Neolítico. Trátase dun monumento funerario composto por unhas grandes pedras
fincadas no chan e cubertas por unha grande lousa horizontal e cuberta con
terra. Dende alí temos unhas vistas da Serra de Queguas e das montañas
graníticas da Serra do Leboreiro inmellorables.
Logo vén a baixada ata As Cortes da Carballeira. Gran parte da ruta transcorre por un camiño empedrado entre terreos onde se aprecian os sucos deixados polas rodas dos carros que tantas veces pasaron por alí. O nome non é estraño xa que os carballos que ten arredor son espectaculares. Pagou a pena só para comer o bocata ao pé dun carballo centenario e da capela da Ascensión. Continúa a impresionante baixada pola carballeira ata chegar á área recreativa do río Pacín. Xantar e repouso para afrontar o tramo final que nos levará ata Entrimo, principio e remate da nosa ruta. Estiramento, engraxes e rumbo a Vigo.
Logo vén a baixada ata As Cortes da Carballeira. Gran parte da ruta transcorre por un camiño empedrado entre terreos onde se aprecian os sucos deixados polas rodas dos carros que tantas veces pasaron por alí. O nome non é estraño xa que os carballos que ten arredor son espectaculares. Pagou a pena só para comer o bocata ao pé dun carballo centenario e da capela da Ascensión. Continúa a impresionante baixada pola carballeira ata chegar á área recreativa do río Pacín. Xantar e repouso para afrontar o tramo final que nos levará ata Entrimo, principio e remate da nosa ruta. Estiramento, engraxes e rumbo a Vigo.
Non queremos acabar
esta crónica sen recoñecer as xestións e o bo trato de Esperanza, do hotel e
restaurante Entrimeña. Quedamos moi contentos e prometemos volver.
Aproveitamos tamén a
ocasión para facer público os nosos parabéns a Alicia e Telmo pola chegada do
novo membro da familia, Zaira. Que sexa benvida!
Para ver as fotos da fin de semana fai clic aquí.
13 de out. de 2014
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)






