O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

2 de feb. de 2015

Castelo de Vilasobroso - Picaraña - Castro de Troña


ATENCIÓN!   Nesta saída imos poñer en práctica un vello costume e que ultimamente está un pouco esquecido. Trátase dos PASTORES DE CAMIÑOS, que como di o amigo Manolo Gago no seu blog son as persoas que "mentres camiñan, van ronzando toxos, xestas, maleza que avanza devorando os antigos vieiros dos nosos devanceiros ata consumilos e desaparecer". Sabemos que algúns dos membros do Souto do Vello veñen facendo isto a miúdo pero non está mal espallalo e que participemos cantos máis mellor. Así que xa vos vexo armados e armadas de fouciño para darlle ás xestas ou ás silvas que vaiamos atopando. Se querede ler o artigo de Manuel Gago en Capítulo Cero facedes clic aquí.

14 de xan. de 2015

GR58 Sendeiro das Greas - (1ª etapa Soutomaior - Fornelos de Montes)






Cada vez que cambiamos de ano facemos unha chea de propósitos que moitas veces non levamos a cabo. Os andaríns do Souto do Vello, neste ano 2015, fixemos un propósito moi ambicioso que consiste en percorrer o Sendeiro das Greas, nada máis e nada menos que 247 km aproximadamente, e que estamos seguros que non imos fallar.
O GR58, chamado Sendeiro das Greas, é o máis longo dos sendeiros de Gran Percorrido en Galicia que pasa por todos os municipios da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. O nome de Greas fai referencia á cantidade de cabalos que podemos atopar nos montes polos que pasa (grea=conxunto de animais e catro patas que viven xuntos, especialmente cabalos). A riqueza e diversificación das paisaxes é o que mellor define a este sendeiro, pasando por zonas forestais, zonas baixas de paisaxe agraria ata tramos con vistas marítimas da Ría de Vigo. Sen esquecernos do patrimonio arquitectónico e etnográfico, así como os restos arqueolóxicos do neolítico. Pouco a pouco iremos debullando cada un destes apartados segundo vaiamos facendo as distintas etapas que nos teñen preparadas.
Para comezar, o pasado domingo, fixemos o tramo de Soutomaior a Fornelos de Montes. Un percorrido de gran beleza paisaxística de media montaña e de ribeira que puidemos gozar cun tempo realmente marabilloso.
Saímos da parte baixa do castelo de Soutomaior. Logo dunha pequena baixada cruzamos pola ponte medieval de Comboa, que atravesa o río Verduxo para logo volver cruzar pola ponte colgante, toda unha aventura... Continuamos ata o lugar de Carballa, unha aldea situada na aba do monte e chea de socalcos que conforman un precioso tapiz que remata nas ribeiras dos ríos Verduxo e Oitavén. A dura subidiña levounos ata un lugar onde puidemos contemplar o canón do río Oitavén, espazo fluvial único pola súa riqueza natural en especies de flora e fauna.
O percorrido continúa na parte alta do camiño por un sendeiro empedrado que nos leva ao lugar de Alén de Arriba e despois á parroquia de San Adrián de Calvos. Alí puxemos en práctica o experimento de “comer sen fame” e que resultou moi satisfactorio, xa que despois de facer a enquisa correspondente puidemos comprobar como a maioría levaba a metade do bocadillo sen comer e andaba máis lixeiro (aforramos e gañamos en saúde!).
Pouco despois de comer chegamos ao Monte da Cidade, o punto máis interesante desta etapa. Alí hai unhas ruínas dun poboado formado por pequenas casas de pedra cubertas de vexetación e un antigo acueducto, todo rodeado dun espléndido bosque de carballos que deitaron as follas no chan formando unha alfombra pola que dá gusto pisar.
Cruzamos o río Barragán, pasamos ao lugar de Oitavén e subimos por un monte desde onde se pode contemplar o encoro de Eiras. Continuando pola pista forestal chegamos ao centro de Fornelos de Montes. De aí continuamos ata a praia fluvial no río Oitavén onde rematamos esta primeira etapa degustando unhas riquísimas rosquillas da confitería ANCLA de Ponteareas, agasallo do noso amigo Kiko.
Volta para Matamá para marcar cun X a primeira das etapas deste GR que pensamos rematar onde comezamos.
Para ver máis fotos fai clic aquí.

25 de dec. de 2014

San Silvestre en Castrelos!


A organización do Souto do Vello anima a todos os andaríns a participar na San Silvestre Solidaria que convoca Marta Larralde. Estaremos en Castrelos para despedir o ano o día 31 ás 5 da tarde cun kilo de alimentos. Anímate!!!

Visita a páxina de Marta facendo clic aquí.  

22 de dec. de 2014

17 de dec. de 2014

Monte Aloia







Para rematar este ano 2014, a organización preparounos un percorrido, nada menos que, polo primeiro parque natural de Galicia, declarado en decembro de 1978. O monte Aloia, que está situado no extremo sur da serra do Galiñeiro, no concello de Tui, conta cunha chea de sendeiros onde se pode gozar da súa vexetación, caracterizada por especies autóctonas acompañadas por especies de repoboación forestal, ademais de restos da cultura castrexa e elementos de interese etnográfico.

A nosa ruta comezou nos muíños de Tripes, preciosa subida nesta época do ano coas augas do Tripes baixando lixeiras con ganas de seren aproveitadas polos rodicios dos moitos muíños que se van escalonando. Fomos atravesando a senda botánica para chegar ao alto e pasar cara a outra banda onde puidemos contemplar dende as terras de Prado e Vilas ata a enseada de Baiona. Continuamos rodeando o monte, pasando pola pedra do acordo. Subimos para facer a ruta dos miradoiros e gozar das extraordinarias vistas sobre o pai Miño despois de dominar un amplo tramo do río Louro. Non nos esquecemos de facer a visita á cama do San Xiao para logo facer a foto de familia diante da Gran Cruz.
Logo de xantar ao pé da capela de San Fins, comezamos a baixada pasando polos rests da gran muralla que rodeaba este alto.
Tras unha pracenteira baixada dun par de horiñas, chegamos ao punto final onde nos agardaba o autobús. Con isto remata este ano 2014 do que temos que lamentar algúns acontecementos dentro da familia do Souto do Vello e que desexamos con todas as forzas que se resolvan no vindeiro 2015.

Para ver máis fotos clica aquí.