O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

23 de feb. de 2017

Circular por Avión (Ourense)

Os bugallos dos carballos, que tamén se chaman carrabouxos, cocas ou de calquera outro nome
segundo sexas dun lugar ou doutro, son unha reacción de defensa da árbore fronte a determinados insectos que deixan os seus ovos debaixo da casca nos gromos novos dos carballos.
Pois isto foi o que nos atopamos en abundancia nesta preciosa andaina que fixemos polos arredores de Avión, na provincia de Ourense. O pasado domingo, 19, saímos de Matamá en busca dun día soleado que nos permitiu gozar das diversas paisaxes predominando as carballeiras alfombradas con follas e carrabouxos que estoupaban ao paso dos camiñantes.

Comezamos a andar dende o centro de Avión cando na igrexa parroquial daban as badaladas das 10 da mañá. O sendeiro levounos, tras unha bonita subida,polos arredores do Castro de San
Vicente. Atravesando polas carballeiras pasamos por varios miradoiros onde puidemos ver o encoro de Albarellos, que aínda non recuperou a auga que precisa para chegar ao seu nivel. Máis tarde pasamos pola localidade de Beresmo, famosa polas eiras rodeadas de hórreos, moitos deles moi ben conservados. De aí baixamos en busca da praia fluvial do río Valderias onde comemos gozando do sol de febreiro. Logo continuamos pola senda para coller camiño de Avión onde nos esperaba unha cervexa reparadora. Volta para Vigo e pensando na próxima que será ao noso santuario do bacallau. Dende aquí queremos enviar os nosos parabéns e unha agarimosa aperta aos novos avós que perderon esta andaina por dar a benvida á neta. 


Para ver as fotos fai clic aquí.

Se fas clic na foto de grupo poderás ver o vídeo da nosa andaina.


12 de xan. de 2017

GR 58 Couso - Chan da Lagoa



A organización do Souto do Vello convocounos para continuar co sendeiro das Greas. Así o pasado domingo fixemos a saída número 156 desde que comezamos a camiñar xuntos. Desta volta saímos de Couso, en Gondomar, para chegar a Chan da Lagoa en Baiona.
Co fresco da mañá, pero cun día que anunciaba unha bonita luminosidade, comezamos a andar camiño da Torre. A pequena subida que había na saída xa nos fixo entrar en calor e empezar a soltar as primeiras capas da “cebola” nas que estabamos envoltos. De aí continuamos ata o Chan do Cereixo, un dos xacementos arqueolóxicos do Paleolítico máis destacados de Galicia. Nas distintas escavacións que se realizaron na zona atopáronse máis de 200 útiles de cuarcita tallada de entre 250.000 e 300.000 anos de antigüidade. foi descuberto hai vintecinco anos polo arquitecto vigués Xaime Garrido.
Continuamos polas instalacións do curro e paramos no parque forestal a tomar as 11. Despois de repoñer forzas tiramos cara O Meixón e a aldea de Abrollido, onde xa nos metemos de cheo na senda do río Groba e na fraga de Oliveira, un
precioso bosque autóctono de gran valor ecolóxico. Temos que cruzar o río por unhas pedras, que aventura!, e de aí imos cara a Granxa co seu lavadorio-castelo. Curiosamente estivemos por eses lugares nunha andaina que fixemos outro 8 de xaneiro, no 2006, e tamén tivemos que cruzar o río. Cruzamos a aldea de Belesar, collemos auga na fonte e comezamos unha tendida subida para chegar ao Cortelliño. Polo camiño de subida comprobamos as pegadas dos carros gravadas nas pedras e tivemos que parar varias veces para gozar das vistas sobre as Cíes, a baía de Baiona e a marisma do Val Miñor. Espectacular!!!
Chegamos para comer á sombra no Cortelliño. Despois de alimentar de novo a vista, collemos campo a través ata unha pista que nos levou á aldea medieval de San Cosme, onde todos os indicios din que alí estivo o mosteiro que agora está en Santa María de Oia. Nesta aldea xa estivemos o 23 de setembro do 2007 no inicio da 6ª tempada e onde despois do xantar campestre tivo lugar a estrea mundial do afamado grupo “Os Soutiños de Matamá”. De aquí, e acompañados por Breixo e mailos seus pais, irmá e avós, (hai canteira!) chegamos a Chan da Lagoa, remate desta nova etapa, para nós, do sendeiro das Greas. Un día fantástico porque despois gañou o Celta.

Xa no autobús de volta a casa iamos pensando na vindeira saída, que será o 19 de febreiro ás 8 da mañá pola serra de Avión.

Para ver as fotos fai clic aquí.

31 de dec. de 2016

GR 58 Sendeiro das Greas (Couso - Chan da Lagoa)


AVISOS: Recomendamos que levedes uns calcetíns de recambio e máis unha toalla pequena por se nos mollamos ó cruzar un pequeno río.
Non é necesario que levedes moita auga xa que hai varias fontes no camiño.

22 de dec. de 2016

Boas festas !!!


Os andaríns do "Souto do Vello" deséxanvos unhas BOAS FESTAS e un NATURAL e ventureiro ANINOVO.

16 de dec. de 2016

GR 58 Cerquido - Couso



O proxecto GR 58 continúa. Este domingo tocounos a etapa dende Cerquido ata Couso, deixando o concello do Porriño para meternos no de Gondomar. Foi una etapa moi bonita na que pasamos por Orbenlle e logo de pasar por un sendeiro que aínda conserva o encanto do outono, e deixando a un lado o espazo Natural das Gándars de Budiño,  chegamos ó lugar de Cabreiros. Alí repuxemos forzas tomando o sol de Galifornia. Cruzamos por unhas ruínas nunha paraxe realmente espectacular. De alí comezamos a subida pola serra do Galiñeiro cara a Prado. Xa no alto puidemos gozar das vistas sobre a baía de Baiona e comezamos a baixada para pasar polo curro de Morgadáns e adentrarnos na bonita parroquia do mesmo nome. Deunos a hora do xantar no torreiro de
Morgadáns. Despois cruzamos o núcleo das casas que compoñen esta parroquia do concello de Gondomar. O último tramo do camiño fixémolo por unha pista moi boa e con boas vistas que nos levou ata Couso onde puidemos aliviar a sede no Centro Cultural ao tempo que nos desexabamos unhas boas festas, xa que se trataba da última saída do ano. Como pasa coas series da televisión...continuará.


Para ver as fotos fai clic aquí.