O Souto do Vello no cume galego!
16 de abr. de 2023
16 de mar. de 2023
Airoa - A Laxe
“Airoa é un lugar da parroquia de A Laxe no concello de Fornelos de Montes, asentada nas abas da serra do Suído. Está atravesada por varios ríos e regatos, destacando o río Parada e o seu afluente Valdohome, que van deitar as súas augas no río Oitavén.”
Isto é o que
escribimos neste blog alá por setembro do 2014 cando fixemos unha ruta que
denominamos “Airoa, paraíso natural”. Daquela diriximos os nosos pasos cara ó
pico Bidueiros. Hoxe, case dez anos máis tarde volvemos ó “paraíso” pero iremos
noutra dirección.
Saímos camiñando desde Airoa e, comezando cunha suave subida chegamos ata o miradoiro da fervenza de Casariños, tamén chamada fervenza de Fonte Uceira. É unha das fervenzas máis bonitas que temos por estas terras. Con xeito baixamos ata o pé dela para poder admirar a súa beleza.
Continuamos
camiño subindo por entre as xestas e toxos para chegar a un camiño despexado e
atravesando pequenos regatos incluíndo os pasos de pedra da Barranqueira de
Uceira, demos coa pasarela do río Valdohome que nos pasou a unha preciosa pradeira
(Chan do Porto) onde se atopan os famosos chozos de Casariños.
Deixamos os chozos
para a volta e continuamos a subida ata a Pedra de Abalar, unha formación
rochosa que anima a tentar descabalgala. Seguimos subindo e demos co Coto dos
Ladróns. Son unhas formacións rochosas con oquedades onde se di que se
escondían cuatreiros, asaltantes de camiños e a mesmísima Pepa A Loba. Estas formacións foron aproveitadas tamén como
refuxio de gandeiros.
Continuamos subindo na busca do foxo do lobo de Pigarzos onde puidemos observar a trampa formada por dous muros en forma de V que converxen nun vértice cunha profunda estrutura circular de pedra, que é o que se chama propiamente “foxo”, onde ía dar o lobo para poder ser “cazado”.
De alí comezamos
o descenso para volver á área de descanso de Chan do Porto onde paramos a
comer.
Ó pé desta área de descanso atópase o que chaman “O Curral do Porto”, un asentamento de chozos cos seus respectivos currais, onde se gardaban os gandeiros cos seus rabaños.
Volvemos á
pasarela para cruzar o río Valdohome e dirixíndonos cara o oeste facemos unha
preciosa baixada que nos levou ata a fervenza de Coto Grande.
Seguimos baixando por un empedrado camiño e atravesando un antigo pontón chegamos ó punto de partida na aldea de Airoa.
Alí agardaba a
sorpresa final, xa que o amigo Fernando celebrou con nós o seu tatantos
aniversario agasallándonos cunhas rosquillas da confitería Ancla e un rico viño
da Ribeira Sacra. Parabéns Fernando!!
Ben satisfeitos co
resultado da xornada de hoxe voltamos a Vigo, quedando emprazados para o
vindeiro 23 de abril para dar conta da peregrinación anual ó Santuario do
Bacalhau
Para ver as fotos fai clic aquí
Se queres coñecer a historia de Pepa a Loba cantada por A Banda da Loba fai clic aquí.
5 de mar. de 2023
1 de mar. de 2023
Ruta pola Franqueira e montes da Paranta.
Segunda
saída do ano e primeira con remate festeiro. Tocaba saída con cocido e
decidimos achegarnos ata o santuario da Franqueira, no concello da Cañiza, para
facer unha pequena pero preciosa ruta e rematar na tapería Eido do Monte no
barrio de Cebreiro, onde demos boa conta dun exquisito e abundante cocido.
Comezamos a andar ó pé da parroquia da Nosa Señora da Franqueira, unha igrexa do século XIII con portada gótica con reminiscencias románicas. De aí comezamos unha prolongada subida, pasando polo Curro da Paradanta, ata chegar ó Alto do Chan do Rei, xusto no medio do parque eólico inzado de grandes aeroxeradores.
Dende estes montes da Paradanta nos días limpos pódese ver a Ría de Vigo, as vilas de Ponteareas, A Cañiza,...a Serra do Galiñeiro e mais a do Galleiro. Tamén albiscamos a Serra do Xeres. Hoxe puidemos gozar destas vistas a medias, ás veces si e outras atopamos algunha brétema que nos impediu ver por completo esas paisaxes.
A
continuación chegamos ata o Coto da Vella – Chan do Marco a 935 m de altitude.
Detrás está a cova onde se atopa a imaxe da Virxe da Franqueira onde di a
tradición que no século VII se ocultou a imaxe no monte, polos perigos dos
Sarracenos, e posteriormente unha veciña do lugar apacentando o gando atopouna.
Seguimos
a ruta pasando polos miradoiros e chegamos ata o Neveiro dos Frades, unha
construción do século XVI-XVII onde se acumulaba a neve para logo ser
transportada con fins terapéuticos, de refrixeración e de conservación de
alimentos.
De aí
continuamos ata a Cruz da Paradanta onde remata o Viacrucis que nós fixemos ó
revés. Unha baixada en zigzag de case dous quilómetros para chegar a un camiño
que nos levou ata o punto de partida.
Con moita ilusión e algo de fame, chegamos ó restaurante e con “grande esforzo” fomos picando un anaco de fociño, outro de costela, un máis de chourizo...e unhas verzas que estaban boísimas. Un cocido completiño e moi saboroso, no punto de desalgado e cocción correcto. Segundo algunhas opinións, un dos mellores cocidos que levamos comido, aparte do da casa de cadaquén. ´
E como é
preceptivo, logo chegou a festa cos Soutiños ó completo, incluída a nova
tamborileira. Un bo rato de baile e canto para rematar un día precioso, aínda
que un pouco fresco.
Quedamos
xa convocados para o vindeiro 12 de marzo e a seguir camiñando.
Para ver as fotos fai clic aquí.
19 de feb. de 2023
26 de xan. de 2023
Pozas de Loureza e Alto da Pedrada
Dámoslle
a benvida ó novo 2023 cunha saída polo Baixo Miño, máis concretamente en
Loureza, unha parroquia do municipio de Oia.
Por
aquí baixa o río Tamuxe que nace na Serra da Grova. As súas augas proporcionan unha
serie de rápidos, fervenzas e pozas, que grazas ás chuvias dos últimos días
forman un espectáculo marabilloso.
Comezamos
a ruta ó pé do bar El Puente, en Loureza, dando un paseo pola localidade. Logo
comezamos unha tendida subida cara a serra do Argallo aproveitando un
cortalumes onde os e as sendeiristas amosaron o bo estado de forma que
conservan a pesar dos excesos nas últimas festas. Chegamos ó alto da Pedrada
desde onde gozamos dunhas preciosas vistas do Galiñeiro e do Val Miñor, así
como por outra banda dos vales do Miño e o Rosal e mais da serra da Grova.
Seguidamente comezamos o descenso en busca do río Tamuxe. Pasamos por unas grandes plantacións de kiwis antes de chegar á Área Recreativa do Pozo do Arco e gozar do
espectáculo da auga nos saltos e canóns que forma o río. Cruzamos pola ponte de madeira para chegar á outra beira onde se atopa a zona recreativa e alí aproveitamos para comer. Despois continuamos a baixada á beira do río escoitando o son das augas ata chegar ó segundo punto de interese que son as pozas de Loureza. Neste momento están espectaculares. Seguimos o descenso aproveitando unha canle e chegamos á estrada para ver as outras pozas, as da Bugalleira...outro espectáculo.
Xa só quedaba continuar polo sendeiro para regresar ó punto de partida. Alí nos agardaba unha fresquiña cervexa acompañada duns manises.
Volta a
casa despois de gozar dun día fantástico e agardando xa que chegue a seguinte,
sobre todo pensando que toca cocido.
Para ver as fotos fai clic aquí.















