O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

15 de feb. de 2012

Andaina do Miño - Concello de Cenlle


Na tempada das andainas de río non podía faltar a do pai Miño. Unha das que se podían facer era esta do concello de Cenlle. O domingo 12 de febreiro ás 9 da mañá e coas orellas tapadas polo frío, saíu o autobús de Matamá cheo de xente con ganas de andar.
Chegamos ao balneario de Laias e fumegaban as augas do río Miño. Alí comezamos a andar por un sendeiro moi bonito río arriba ata que nos metemos por un túnel para comezar a subir o monte. As capas de roupa xa ían sobrando. A media subida e coa bonita paisaxe do río ás nosas costas, fixemos unha paradiña para as once (xa o di o xefe, as once son as once e non se pode andar con díxome-díxome nin pataqueiradas).

Antes de chegar a Vilar de rei.por un bonito camiño, atopamos un muíño-casa onde houbo unha discusión sobre a utilidade dunha pedra. Ao chegar o arqueólogo sacounos da dúbida dicindo que primeiro era para lavar a cara e despois aproveitando o buratiño do desaugue, as partes baixas?!
Seguimos a ruta contemplando os espalleres, de onde sae o rico Ribeiro, a unha e outra beira do río. Polo camiño había bastantes érbedos e sobreiras, ademais das moitas e moitas acacias coa flor a punto de rebentar. Andando andando, chegamos a Pena onde fixemos a parada para xantar. Coma lagartos estarricámonos ao sol bocadillo en man (algúns algo máis que bocata). Xa case rematando chegou unha amiga para convidarnos a “visitar” a súa adega. Por certo ben grande e cunhas boas cubas, pero sen viño. Despois de comer fomos baixando en dirección a Laias. Antes pasamos pola capela de Santa Lucía desde onde se contempla unha preciosa paisaxe do Miño. Seguimos un anaco pola estrada nacional e xa nos metemos outra vez ata o balneario onde agardaba o autobús para volver de novo a Matamá con menos frío.


25 de xan. de 2012

Ruta dos miradoiros

Di unha cantiga popular: “San Vicente de Marantes é un santo moi galanteiro, quere que lle fagan a festa o vinte e dous de xaneiro”. O Souto do Vello, que tamén é moi galanteiro, elixiu o vinte e dous de xaneiro para facer a ruta dos miradoiros e comer uns deliciosos callos no furancho MatamáFolc. Esta creo que foi a razón de que houbese tanta participación. Nada menos que 78 andaríns e mais Darko (un precioso e educado can labrador golden retriever). Mellor dito 79 porque temos que contar ao Çé, que case o sacamos da cama ao pasar pola súa casa, e moi contento, incorporouse á marcha. Demos algunhas voltas pasando polo castro de Beirán, polo petróglifo das Millaradas... para comezar a subida ao primeiro dos miradoiros, o monte dos Pozos (vista espectacular), de aí ao monte Alba, cunha subidiña xeitosa (escaleiras incluídas) para chegar a outra vista máis espectacular (o guía fíxonos ver New York). De alí ao Cepudo é un paso, e máis espectáculo! Despois da foto de familia, comezamos a baixada cara á Matamá pasando polos muíños da Aguieira. Desta volta acompañáronnos un grupo de Ribadetea (Ponteareas) e mais outro de Bembrive. Foi un pracer para o Souto do Vello contar con eles e convidámolos a que repitan. Ás dúas e media esperaban no furancho uns deliciosos produtos do país moi ben elaborados polas cociñeiras e cociñeiros amigos e moi ben servidos, por certo. Dámoslles as grazas a todas e todos os que participaron na elaboración e servizo, que o fixeron moi ben. Se a tortilla estaba boa, a orella non quedaba atrás. Se a empanada baixaba soa, non digamos nada dos callos. Ata houbo quen comeu catro pratos!!! E que dicir das sobremesas; os petits, a torta de mazá... e o roscón con ovos da casa! Mimadriña que fartura. Para que logo digan que o sendeirismo non é duro! Por certo, ao remate cantámoslle o parabéns a Gloria que estaba de aniversario! Felicidades e que sigas cumprindo máis! Xa despois dunha pequena festa e da visita á capela do santo milagreiro, rematamos esta andaina de xaneiro. Ata a próxima!

23 de dec. de 2011

O "Souto do vello" desexa "Felices festas"

Para todas e todos os que camiñan polo noso país co desexo de que sigan camiñando e gozando desta marabillosa terra no 2012.
Bo Nadal!



16 de dec. de 2011

Ruta das sobreiras do Faro (Oia-Viladesuso)


Este ano a ruta do cocido non tocou polo interior, á beira do mar tamén hai marisco de cortello, así que tocou facer a ruta das sobreiras do Faro, polas terras de Oia e Viladesuso; un dos paseos máis bonitos que hai pola costa da nosa terra.
Ás nove da mañá do domingo 11 de decembro saímos dende o mosteiro de Oia, monumento principal deste concello, que data de mediados do século XII, para afrontar a subida aos montes de Faro e Pousiño, na serra da Grova. A mañá comezou moi animada e moi pronto empezamos a librarnos de roupa porque a subida facíanos entrar en calor. Moi pronto puidemos apreciar o primeiro dos petróglifos cos que nos iamos atopar e gozar das vistas porque o día estaba limpo. Seguimos camiño ata a chegar a unha das fervenzas que máis auga traía e que nós bautizamos como a fervenza do Suso. Alí fixemos a foto de grupo e logo continuamos a subida. Ao chegar ao alto, paradiña para o bocata e foi cando empezou a pingar algo. Seguimos ruta e paramos a ver o petróglifo dos danzantes, no que o amigo Telmo sacou de papel e lapis (mellor dito papel carbón) para facernos a demostración de cómo se descobre un petróglifo sen facerlle dano. A pesar de que a pedra estaba mollada puidemos descubrir a figura do danzante (ou adorador, non se sabe). De alí continuamos baixando ata entrar no “Espazo Privado de Interese Natural (EPIN)” que son as sobreiras de Faro. Trátase dun val cheo de sobreiras entre os montes Pousiño e monte do Faro polo que baixa o río Broi, rico en fauna e flora silvestre cunha paisaxe preciosa, tanto dende o fondo do val como dende os miradoiros que dan á costa.
Para rematar a ruta tivemos que vadear o río, bravo como viña. Grazas aos valentes que axudaron ao resto do grupo non houbo que lamentar danos maiores.
En canto cruzamos o río puidemos apreciar o cheiro do cocido que nos agardaba en “Casas do Sobral”.
Despois de repoñer forzas cantámoslle o “parabéns para ti” a Manolo, que estaba de aniversario, e agasallárono cunha foto do grupo. Xa metidos en faena, e logo dunha pequena actuación do coro mixto Ponteareas-Matamá, os “Soutiños” deron comezo á sesión de baile, na que participaron moi activamente os máis pequenos do grupo, incluído Xián, que fora presentado no anterior cocido.
Rematou unha xornada moi agradable, con bo ambiente coma sempre, e despedímonos desexando unhas boas festas e ánimo para seguir camiñando no 2012 (a pesar da crise).



5 de dec. de 2011

Próxima andaina "Sobreiras do faro - Oia"

O Souto do Vello vai facer méritos para un bo cocido no restaurante Casas do Sobral en Viladesuso, gozando dunha andaina espectacular, o vindeiro domingo 11 de decembro.




 


Tal como indica o cartaz, a andaina vai ser moi bonita. Á parte de todo o que di, tamén veremos a fervenza do Suso.