O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

16 de xan. de 2013

Monte Faro, Domaio - Cobres



Hai un dito popular que di “En xaneiro un pouco ao sol e outro pouco ao fumeiro”. Éche ben certo, iso foi o que pasou o pasado domingo 13 de xaneiro do 2013, día que a organización elixiu para a primeira saída oficial do ano 13. Non é que estiveramos ao fumeiro, pero si que nos tocou algo de chuvia pola mañá (non coma na saída anterior), pero logo saíu un sol espléndido que nos axudou a gozar dunha andaina marabillosa.
Non madrugamos moito para saír andando de Domaio e subir polo rego da Freixa, un camiño cheo de muíños e pozas. Máis que rego, xa ten a categoría de regato pola cantidade de auga que levaba. Pasamos pola aldea de San Lourenzo e seguimos ascendendo cara ao alto do Faro de Domaio. Antes de chegar, e como mandan os cánones, comemos as 11. Ademais do corpo alimentamos o espírito cunhas preciosas vistas á ría. Antes de facer cume puidemos comprobar como aínda existen malas persoas que siguen pexando os cabalos dificultando os seus movementos co perigo que iso supón no caso de ter que fuxir por calquera motivo. Esperemos que as autoridades boten man do asunto e poidan erradicar esa práctica que antes era máis habitual. Por fin fixemos cume no alto do Faro de Domaio, punto máis alto da península do Morrazo. Este lugar está bastante deteriorado pola presenza das antenas. Claro que grazas a elas, podemos falar polo celular e ver a tele... Baixamos cara a Chandarquiña, parque forestal onde hai unha mámoa que hoxe está ben conservada e protexida. Seguimos baixando, e despois de pasar pola praza de touros (curro), chegamos a  Chan d’Armada onde hai outra mámoa, pero esta está bastante deteriorada. Aquí, o noso arqueólogo de cabeceira, o doutor Telmo explicounos un pouco a función destes monumentos megalíticos. Comezamos de novo a ascensión cara a Cotorredondo onde paramos a comer. Alí o sol xa se deixou sentir, afortunadamente, porque ía un ventiño que cortaba. Sen a menor posibilidade de sesta, puxémonos de novo a andar para baixar por un cortalumes ideal para os descensos con esquís, tiña unha pendente de máis dun 60%. Xa por unha pista forestal fomos achegándonos ao regato Maior, no concello de Vilaboa. Alí fixemos o último tramo da andaina cun percorrido espectacular, inzado de muíños de categoría que sorprenderon a todos os andaríns. Rematamos en Cobres cun bo sabor de boca unha andaina preciosa, moi ben organizada e con máis precisión nos tempos que o AVE.

2 de xan. de 2013

22 de dec. de 2012

Bo Nadal e Feliz Aninovo

Xa que non houbo fin do mundo, a ver se entre todos e todas o podemos facer un pouco mellor. O Souto do Vello desexa que pasedes unhas boas festas a pesar de todo...

Treixadura e Malvela transmítennos un pouco de espírito de Nadal. Facédenos o favor de ser felices!

Unha saída pasada por auga

O pasado domingo, 16 de decembro, pretendiamos facer a ruta dende a Xestosa (Covelo) ata Quins (Melón) pero as condicións meteorolóxicas xogáronnos unha mala pasada e non se puido completar o itinerario previsto. Menos mal que o remate foi moi bo e puidemos secarnos e quentarnos na casa da nai de Antonio que se portou de marabilla (coma sempre). Ata degustamos un exquisito caldo e unhas botellas de tinto que amablemente nos ofreceu Charo, a veciña, e que serviron para "arreghlar" os corpos.

A orghanisasión mandounos un comunicado indicando que a crónica queda para cando fagamos a ruta de verdade (xa está programada para vindeiras datas).





14 de nov. de 2012

Leiro - Pena Corneira

O pasado domingo, 11 de novembro, día de San Martiño, parece que non cabía outra posibilidade que visitar a provincia de Ourense. Unha das comarcas máis representativas da provincia é O Ribeiro, así que a organización acertou de cheo ao levarnos ata Leiro e dende alí subir ata o Monumento Natural de Pena Corneira. Saímos dende a praza de Leiro, onde estaban a preparar unha exposición de cogomelos, e collemos a senda en dirección a Pazos de Arenteiro cunha pequena subida polo Camiño Real. Á hora do bocata estabamos en Paredes. Alí paramos ao redor dalgúns dos 30 hórreos que hai nesa área etnográfica que conta tamén con varios muíños. Continuamos camiño ata chegar ao pé de Pena Corneira. Dende logo non é milagre que declarasen a zona Monumento Natural vendo eses penedos graníticos que mesmo parecen colocados adrede e algúns dá a impresión de que poden caer en calquera momento. Despois de contemplar a paisaxe que se nos ofrece dende a base da pena, comezamos a baixada con idea de comer en Berán. De camiño pasamos por Orega e outros núcleos de poboación con restos de edificacións que demostran a importancia que deberon ter no seu tempo. Comemos ao pé da bonita igrexa de Berán e puidemos degustar un exquisito viño do Ribeiro e, segundo din eles, o mellor licor café do mundo. Despois do xantar e xa todos máis “contentos” pasamos por Vieite e chegamos ao paseo polo Avia. Cruzamos polo Salgueiral, que como o nome indica é un precioso lugar poboado de salgueiros e chopos. Nesta época do ano é un espectáculo pasear por alí. Logo cruzamos a ponte colgante para volver ao centro de Leiro onde nos esperaba o autobús. Foi unha andaina preciosa, onde algúns non perderon o tempo e aproveitaron para encher a cesta de “Carapuchiña” de cogomelos que atopamos polo sendeiro. Non só a cesta, senón que encheron varias gorras… Hai que ver!


4 de nov. de 2012