O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

28 de out. de 2016

Camiño dos Faros (Arou - Muxía)

No mes de outubro toca saída de fin de semana. Ultimamente cadraba co cambio de hora. Este ano adiantámonos e algúns andaríns quedamos amolados porque non tivemos desculpa para agardar ata as 3 da mañá e comprobar se o móbil cambiaba de hora…Outra vez será.
Continuamos co Camiño dos Faros e fixemos as etapas 5 e 6 (Arou – Camariñas e Camariñas – Muxía). Saímos o sábado 22 dende a praia de Arou, lugar onde rematamos a anterior etapa alá polo mes de maio. Durante toda a semana os homes e mulleres do tempo ameazáronnos cunha fin de semana pasada por auga, pero chegou o sábado e gozamos dun día espléndido de sol. Logo do café no punto de partida,  dirixímonos ao mirador e praia de Lobeiras. Despois de cruzar polo medio dos toxos e dos cantos rodados chegamos  ao porto de Santa Mariña que cruzamos para ascender a duna de Monte Branco. A panorámica coa que nos atopamos ao chegar arriba pagou a pena o esforzo. Aos nosos pés estaba a Praia do Trece, unha das praias máis espectaculares da Costa da Morte con especies de flora protexida como a “caramiña” que deu nome á vila de Camariñas. A continuación está Punta do Boi. Alí podemos visitar o Cemiterio dos Ingleses, chamado así porque repousan os restos das persoas que morreron en tres naufraxios  a finais do século XIX: o Iris Hull (1883),ol Serpent (1890) e o Trinacria (1893). Continuamos polas praias de Reira, pasando pola Pedra do Oso
e logo de subir pola aba do Monte Pedrosa xa enfilamos cara a cabo Vilán, impoñente sobre as rochas cunha altura duns 100 m permite apreciar toda a beleza da costa. Alí estaba o autobús co resto dos participantes para recollernos e levarnos ata Camariñas. Logo duns paseos por Camariñas, visita incluída aos restos do Castelo, cervexiñas picoteo polas terrazas da Vila, e por fin, dunha espléndida cea no Club Náutico de Camariñas fomos durmir (claro logo duns dixestivos). Aloxámonos en tres hoteis, a maioría no Parranda (temos que agradecelle a Sandra o trato recibido en toda a xestión da saída), outros foron ao Ave del Mar e outros ao Gaivota. Quedamos todos moi contentos.
O domingo pola mañá presentouse algo máis complicado en canto á meteoroloxía, pero non nos botamos atrás. Comezamos a etapa en Ponte do Porto para chegar a Muxía. Demos a saída a pé na ponte sobre o Río Grande e camiñando chegamos a Santiago de  Cereixo, un recuncho moi singular no que atopamos desde un piorno de 19 pés dentro dun pazo do século XVIII, un muíño de mareas, a igrexa de Santiago de Cereixo do século XII, as Torres do Cereixo e no centro da praza un impresionante carballo que debe ser máis vello que as propias torres. De aí continuamos por varias praias (Area Grande, Leis, do Lago…). Por aí tocounos un pouco de auga, pero non a da praia. Logo escampou e puidemos secar para chegar ben ata a vila de Muxía. O remate da etapa era no santuario da Virxe da Barca, que tamén é remate dos peregrinos despois de visitar o Apóstolo Santiago. Alí algúns cumpriron co ritual da Pedra dos Cadrís e mais a Pedra de Abalar e todos puidemos contemplar a espectacularidade da paisaxe coa auga batendo nas rochas. Como remate e premio polo bo comportamento agardábannos unhas exquisitas rosquillas Ancla agasallo de Kico que puidemos mollar en bo viño tinto. E xa volta a casa e ata a próxima, que será o 20 de novembro por San Pedro de Rocas con cocido incluído.





Para ver máis fotos fai clic aquí.

29 de set. de 2016

Ruta da auga de Pontedeva

Os andaríns e as andarinas do Souto do Vello xa están  de volta para iniciar a 15ª tempada.  A organización portouse ben e levounos a un lugar fermoso para facer unha andaina tranquiliña (ó ser a primeira…xa se sabe).  Desprazámonos ata o concello de Pontedeva para facer a que chaman a ruta da auga, xa que percorre as beiras do río Deva. Este río nace no concello de Verea e despois de vinte quilómetros desemboca no encoro de Frieira, regando as terras de Pontedeva e Cortegada, na provincia de Ourense e pola beira esquerda do Miño.

Temos que agradecer, a quen corresponda, a limpeza dos camiños, que ademais están moi ben marcados, o que fixo máis doada a marcha.
Ó longo do percorrido imos atopando numerosos regatos, lavadoiros e fontes…cruceiros, escudos, en fin, varios elementos arquitectónicos que xunto cos fermosos elementos da natureza compoñen unha andaina moi interesante. Sen esquecernos da subida ó miradoiro e capela de San Xusto.
Rematamos onde comezamos, na área recreativa do concello de Pontedeva, onde nos dedicamos a un bo xantar e charla de sobremesa…había que preparar o voto.
Volta a Vigo e a pensar xa na próxima saída que será polo  Camiño dos Faros.
Aquí vos deixo este fermoso vídeo elaborado por Telmo. Clica aquí para velo.


Para ver as fotos fai clic aquí.

8 de set. de 2016

15ª tempada: Ruta da auga de Pontedeva


ATENCIÓN !! AVISOS VARIOS:

* Nesta saída do 25 de setembro, a comida pode quedar no autobús. Imos comer onde está aparcado.
Despois da sesta voltamos a Vigo para estar a tempo de ir votar.


* Saída 22-23 de outubro O Camiño dos Faros: Debemos ter claro os que queiramos ir porque hai que reservar hotel. Na saída do 25 de setembro debemos comunicalo.


* Excursión ás Azores (illa de S. Miguel): Saída o 8 de abril de 2017 e volta o 13.  Temos que facer a reserva do avión polo que os que teñamos pensado ir debemos comunicalo canto antes.



25 de xul. de 2016

Pechado por vacacións

                                    

Certo, este blog pecha por descanso do persoal (?). Despois de rematar unha excelente tempada xa estamos facendo os deberes para comezar con ganas a vindeira,  a 15ª, polo que será especial.
Para comezar ide reservando o 25 de setembro. O lugar está por confirmar. Para outubro toca fin de semana polo Camiño dos Faros, desta volta por Camariñas. En principio ide reservando a fin de semana do 22 e 23, salvo que ó voso presidente se lle dea por convocar eleccións polo que pasaría á seguinte fin de semana, 29 e 30.
Bo verán e ata setembro....ah! e adestrar un pouco, eh?!

30 de xuño de 2016

Crónica dos 100 km dos International Trekkers 2016

Antes de comezar, quero agradecer a Fernando Cerqueira que me acompañase durante practicamente todo o percorrido e sobre todo polos ánimos que me transmitiu nos últimos kilómetros. Aínda que puido tirar diante miña para acadar un mellor tempo, decidiu acompañarme para chegarmos xuntos á meta despois de 21 horas e 36 minutos de camiñada.

                                                 (Foto “Concello de Rianxo”)
Como sabedes, Fernando é moi apreciado pola familia dos sendeiristas de andainas de 50 kilómetros e este aprecio amósase cando chega a un avituallamento, cando pasa por outros sendeiristas e mesmo no recibimento en meta. E non é para menos...Fernando é todo un veterano das andainas! Grazas Fernando!.

                                              (Foto “La Voz de Galicia”- Marcos Creo)
A edición deste ano da ultrandaina de 100 km organizada polos International Trekkers Barbanza-Sar foi, sen lugar a dúbidas, a máis dura das tres nas que participei. Se ben é certo que non a levaba moi preparada (máis ben nada!), os meus problemas acentuáronse nos últimos 14 km pois foron para min unha verdadeira odisea. Seis kilómetros de subida infernal ata os 500 metros de altura na Serra do Barbanza e despois unha baixada moi técnica durante case dous kilómetros ata chegar á beira do río Pedras, resultaron a “guinda” desta edición. Moi pensado para os corredores de “ultratrails”, o deseño deste último treito ata chegar á meta foi un pesadelo no que os metros contábanse un a un e a cabeza non dictaba outra cousa máis que a necesidade de abandoar.
Ata aquí leveino relativamente ben ainda que a noite foi bastante dura por mor do vento do norte que zoou durante toda a madrugada e que nos deu de cara durante practicamente todo o trazado. Nalgún momento as rachas foron tan fortes que provocaban a desestabilización dos nosos pasos. Hai que pensar que a noite pasámola en plena Serra do Barbanza a unha altura media de 500 metros. A temperatura mínima baixou ata rondar os 13ºC pero a sensación térmica era moito máis baixa debido ao vento. Cheguei a pasar frío!!
Un pequeno problema no xeonllo esquerdo debido a un traspés fíxome parar máis da conta no avituallamento da cea, no kilómetro 46, onde tiven que cambiar de calzado, equiparme con algo máis de roupa e tomarme un café ben quente e, como non, meterme un “chute” de ibuprofeno para a dor. O descanso e máis as “drogas” mencionadas surtiron efecto e puiden aumentar o ritmo para recuperar os aproximadamente vinte e cinco minutos que Fernando me levaba de vantaxe. Pasei polo casco vello de Noia ben entrada a madrugada e cheguei ao avituallamento guiado por un ciclista da organización. Estaba xa no kilómetro 53. O seguinte control foi nas Minas de San Fins (Lousame) un lugar que, como o seu propio nome indica, foi un punto de extracción de mineral de estaño e wolframio. Por alí pasei ás 5 e media da mañá. Foi en Ourille, no kilómetro 72,6 cando puiden alcanzar de novo ao compañeiro Fernando que se atopaba no avituallamento deste punto tomando o almorzo pois o día acababa de comezar, eran as 7 e cuarto da mañá. A partires de aquí, como comentei ao principio desta crónica, comezaría o meu calvario. Se ata este momento a miña velocidade media foi duns 5 km/hora, o último treito cheguei a facer tan só 3 km/hora o cal condicionou de maneira importante o tempo final de chegada a meta. O cansazo, algúns problemas nas plantas dos pés e tamén varias rozaduras, fixeron de min un pandeiro!!
No avituallamento do kilómetro 92 queixeime á organización sobre o deseño do trazado. Seguramente froito do "calentón" do momento, comenteilles que comigo non contasen para a vindeira edición. A verdade é que chegados a este punto a cabeza tería que ser a principal aliada para continuar pero as dores eran tales que as emocións negativas foron as predominantes.
Ao final, o meu GPS marcou 103 km que, a falta de facer algún filtrado dos puntos gravados polo aparello, é un aumento importante na distancia percorrida, sobre todo porque supón en torno a 30-60 minutos a maiores dependendo da velocidade á que vaias. Iso sumado aos 3.600 metros de desnivel positivo (subidas) e outros tantos de desnivel negativo (baixadas) fixeron da proba deste ano unha verdadeira tolería!!
Non sei que farei o vindeiro ano pero moi probablemente non participarei. Cando menos se as condicións son as mesmas que as deste ano. O esforzo dunha proba deste tipo é tan grande que ben merece unha reflexión previa. A ver...

En todo caso, o gran traballo feito pola organización desta “ultraandaina” é indiscutible. O mellor de todo: o xantar de confraternización. Vaia o agradecemento tamén para elas/eles.

22 de xuño de 2016

A Illa de Arousa

Estamos no remate da tempada 14. Iso supón arredor de 150 saídas , ou sexa 3 000 km aproximadamente  de pateadas polo chan galego (e algunhas polo “estranxeiro”), que multiplicados por unha media de 45 sendeiristas son 135.000 km. Se calculamos 1400 pasos por km temos a cantidade de 189.000.000 de pasos dados…case nada!!!

Pois ben, esta tempada rematou na Illa de Arousa, se tivesemos que dar todos eses pasos, cantas voltas habería que dar?  Tranquilos, a organización só nos fixo dar unha para relaxarnos na praia pola tarde. Deste xeito puidemos contemplar a beleza das paisaxes que nos ofrece a contorna: praias,  cons,  peiraos, barcos, dornas,  camiños… Percorrido fácil, moi fácil pero espectacular.  Non só polo que ves no camiño senón que vas divisando a zona do Barbanza, A Pobra do Caramiñal, O Grove, Cambados ou Vilanova.
Nós saímos do porto de Xufre, acompañados do amigo Uxío e familia que nos levaron por algúns lugares pouco habituais. Collemos polo paseo cara á punta do Campelo e logo chegamos ó faro  en Punta Cabalo. Continuando pola que chaman a ruta dos cons, pasamos pola Punta de Niño de Corvo e chegamos ó mirador do Con do Forno, desde onde se pode contemplar unha espectacular vista de toda a Illa. Continuando ruta pasamos pola praia da Aguieira, o muíño de marea na Enseada Brava ata adentrarnos no Parque Natural de Carreirón, de 1,3 Km2, declarado Parque Natural, unha zona especial para a protección de aves pola Comunidade Europea e que está situado na parte sur da Illa. Saíndo del e continuando pola senda camiño da ponte de entrada paramos nunha das bonitas praias que alí hai. Entre as praias de Lavanqueira e Camaxiñas fixemos o xantar. Logo puidemos gozar do bo tempo, da temperatura da auga e dos paseos pola area. Que mellor maneira para rematar unha boa tempada. A opinión dos sendeiristas era que querían que pasase o verán para comezar a 15ª. Feliz verán para todos e todas e como di o noso xefe “a facer os deberes para chegar a tope en setembro”. Saúdos.











Para ver máis fotos fai clic aquí.