O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

27 de mar. de 2022

19 de mar. de 2022

Río Ribadil (Cerecente)

 


Para o compromiso anual do cocido eliximos as terras de Crecente, xa que a ruta polo río Ribadil sae, e chega, do restaurante O Palancas, onde nos espera un bo remate. O río Ribadil é un afluente do Miño que percorre as terras de Crecente. O primeiro que atopamos é a praia fluvial de Mandelos. O sendeiro, a carón do río, chega ata a ponte de Noceifas onde demos a volta para ir pola outra marxe atopando muíños, pontes derruídas, pozas, pequenas fervenzas e unha abunddnte vexetación de ribeira.

Unha vez abandoado o río dirixímonos cara a ermida dos Aflixidos, onde a principios de xullo se celebra unha importante romaría. Tamén pasamos por unha fonte e dous cruceiros, un deles chantado nunha gran rocha.

Seguindo o camiño chegamos ata o centro de Crecente pasando pola igrexa de San Pedro e unha antiga colexiata que din que foi construída sobre un antigo mosteiro templario alá polo ano 1313.

Volvemos de novo ó río para gozar da parte máis bonita, o chamado Pozo do Inferno, unha caudalosa e ruidosa fervenza. Despois de varios disparos de cámaras, pasamos por uns viñedos que nos levaron ata o punto de partida.


Alí esperaba o bus para poder cambiarnos de roupa e entrar guapos e lucido ó restaurante para degustar un espectacular cocido, como o demostran as fotografías. Xa é costume que os Soutiños nos deleiten cun miniconcerto paara que os bailaríns poidan baixar algo do fozante do cocido. Temos que salientar a participación dun novo gaiteiro.

A ruta foi moi bonita e agradable, pero o mellor estivo despois dela xa que puidemos compartir as viandas con vellos amigos e amigas que por unhas cousas ou outras deixaron de vir con nós. Foi un reencontro moi agradable. Queremos enviar unha aperta a todo eles. Tamén agradecer a Carmen polo rico roscón e exquisito licor café con que nos agasallou.


Como remate da crónica, queremos agradecer unha vez máis os agasallos que recibimos, aínda que debemos lembrar que o grupo somos todos...ese é un bo agasallo.

Nota importante: A vindeira saída será o día 3 de abril ás 8,30 h. Estamos estudando varias opcións e por iso non se anunciou o destino. Ademais reservade o vindeiro 8 de maio xa que nos toca visita ó noso santuario do bacalhau. Estade atentos e atentas.


Para ver as fotos fai clic aquí

16 de feb. de 2022

Ruta de O Peilán – Mosteiro de Oseira

 


Neste primeiro día onde parece que chega o “inverno” e que parece que imos recuperando algúns dos membros do grupo que non nos acompañaron nas últimas saídas, subimos ó autobús para dirixirnos ata Arenteiro de Piñor. Alí comeza unha bonita ruta, “O sendeiro ecolóxico de Peilán”. Nós faremos parte dela. En lugar de volver ó punto de partida, continuaremos por outro sendeiro para ir ata o Mosteiro de Oseira.

A ruta comeza ó pé do Santuario da Virxe das Neves, seguindo o sendeiro marcado, pasamos por camiños empedrados, corredoiras ben alfombradas...e pronto atopamos o río Arenteiro que nos acompañou


longo tempo permitíndonos gozar de levadas e pequenas fervenzas, así como muíños, algúns ben reconstruídos. Tamén pasamos pola área do Pozo da Area e a fervenza do río Peilán.

O camiño atravesa por algunhas  poboacións como  Albarona, A Veiga de Abaixo, Barrán, San Martiño...

Deixamos a ruta do Peilán e collemos o río Oseira para ir cara ó Mosteiro. Chegamos no peor momento do día, cando máis chovía. Buscando acubillos para poder cambiarnos de roupa e comer o bocata, chegounos a hora da visita.

Na entrada esperounos Yolanda, que fixo de fantástica guía e ata de fotógrafa. Grazas Yolanda.

A visita ó mosteiro é espectacular, moi recomendable. 

Aquí queda o enlace á páxina web por se queredes saber máis.  https://mosteirodeoseira.org/web/



Para ver as fotos fai clic aquí

31 de xan. de 2022

Ruta polos montes e praias de Marín


Rematando o mes de xaneiro fixemos a primeira ruta do ano 2022, ano do vixésimo aniversario do Souto do Vello. Esta ruta polos Montes e Praias de Marín estaba prevista para o pasado 9 de xaneiro pero a situación que se vivía nese momento por mor do COVID obrigounos a adiala á espera de que mellorase a situación. A situación non mellorou moito pero pensamos que sendo rigorosos coas normas poderiamos gozar deste día fantástico.

E así foi. O tempo axudou moito e, a pesar do frío das primeiras horas da mañá, enseguida se impuxo o sol e puidemos camiñar en manga curta no mes de xaneiro.

Nos primeiros quilómetros fomos seguindo o curso do río Loira a contracorrente,  contemplando a fermosura dos recunchos que nos ofrecía. Abeleiras, presas, levadas, muíños,...vanse turnando ó longo do percorrido.

Logo comezamos unha importante subida que nos levou ata o banco da Pastoriza ou ó monte Castelo de Ardán, lugares dende onde contemplamos as espléndidas vistas sobre a ría de Marín coa Illa de Ons case en primeiro plano.

A continuación baixamos con dirección ás praias. Fomos comer na desembocadura do Loira, na praia do mesmo nome.

Logo fixemos a última parte da andaina seguindo as praias de Aguete, dos Namorados, Mogor e Portocelo ata chegar á entrada da Escola Naval Militar, en Marín, onde demos por rematada a xornada despois de 24 km.

Quedamos convocados para o vindeiro 13 de febreiro onde agardamos contar con todos os que non nos puideron acompañar nesta por diversos motivos. 

Para ver as fotos fai clic aquí.

5 de xan. de 2022

Cambio de data

 


Benquerid@s andaríns, dada a situación actual co Covid con baixas por contactos, cuarentenas e demais, cremos necesario adiar a saída que tiñamos previsto facer este domingo.
Queda programada para o vindeiro domingo día 30 ás 8,30 h. agardando que mellore a situación.
Quedades anotados todos os que estabades, se alguén non pode ir, por favor debe comunicalo.
Coidádevos moito.