O Souto do Vello no cume galego!
25 de xuño de 2022
14 de xuño de 2022
Ruta pola Ribeira Sacra do Miño
Xa van alá case 7 anos cando fixemos a primeira parte da Travesía Integral da Ribeira Sacra do Miño dende a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño ata a adega Abadía da Cova. O pasado domingo fixemos a segunda parte, pero dándolle a volta. Saímos de Guítara, para visitar primeiro a igrexa de San Martiño de Atán e chegamos a San Martiño da Cova.
Podemos dicir que é unha das rutas máis bonitas e interesantes nos
concellos de Ferreira de Pantón e O Saviñao. Ó longo do seu percorrido podemos
gozar dunha chea de atractivos naturais, históricos, culturais,
etnográficos...e ademais este domingo estivemos acompañados en todo momento
dunha chea de aromas que nos anuncian a chegada do San Xoán coa súa variedade
de herbas aromáticas, así como a explosión das candeas nos castiñeiros.
Desde o punto de vista paisaxístico, o sendeiro ofrece unhas fantásticas vistas das ribeiras do Miño, cos socalcos cheos de cepas cargadas de pequenos acios, de momento. Distintas aldeas, algunhas delas abandonadas, como a de Marce. A marabillosa fervenza de Augacaída, espectacular salto de auga de más de 40 metros que forma o río Aguianza antes de acabar no Miño. O Miradoiro das Marabillas ofrece unha panorámica espectacular. Sen esquecer o embarcadoiro e a illa de Maiorga.
En canto ó apartado
histórico e monumental, pasamos por auténticas xoais do románico como a igrexa
de Santo Estevo de Atán e a de San Martiño da Cova, cualificados como monumentos
histórico-artísticos. Achegámonos tamén ata o Castro de Marcé, antigo asentamento
castreño nun lugar de gran beleza e, segundo a lenda, morada dos míticos xacios,
homes acuáticos.
Alguén manifestaba cando
subía ó autobús: “Que alegría levo no corpo!!!”.., non sabemos se era polo viño,
polas rosquillas, pola ruta ou por todo un pouco. Queremos repetir.
Por esta tempada xa só
nos queda o remate. Unha fin de festa que promete, xa que o escenario paga a
pena. Achegarémonos ata as Azenhas de Vilar de Mouros no veciño Portugal o
vindeiro 3 de xullo.
Para ver máis fotos fai clic aquí.
26 de maio de 2022
9 de maio de 2022
Lamas de Mouro
Por fin puidemos cumprir co noso precepto de achegarnos ata Castro Laboreiro para degustar o seu famoso bacalhao con broas, pero para merecelo antes tivemos que facer unha pequena ruta pola freguesía de Lamas de Mouro.
Lamentando algunhas
baixas de última hora por mor do Covid, emprendemos a marcha nunha mañá
luminosa con dirección a Cubalhão. Comezamos a andar nesta preciosa localidade facendo
parte da ruta denominada “I Rota do Lobo”, unha proba de 50 km. Iremos
acompañando e pasando polo río Mouro e algúns dos seus afluentes.
Ó longo de todo o sendeiro fomos gozando das espléndidas cores que nos ofrecía o monte inzado de flores de uces, carrascos, xestas...que compoñen unha paleta de cores fantástica.
Pasamos por localidades
como Parada do Monte, Lamas de Mouro,...pola Branda de Fitorio, cruzamos pontellas,
pontes de recente construción, outras medievais,...muíños, fornos, igrexas,
etc.
O autobús estaba
agardando no lugar que chaman a “Porta de Lamas de Mouro”. Dende alí levounos
ata o Restaurante Miracastro onde pasamos ó comedor e demos boa conta do habitual
menú onde destaca o seu bacalhao con broas.
Aproveitamos a sobremesa para felicitar a Telmo polo seu aniversario e a continuación os Soutiños ofreceron unhas pezas animando a bailar os asistentes. Temos que salientar a colaboración dunha nova tamborileira que demostrou o seu saber xunto os veteranos músicos. Na continuación da festa no exterior sumáronse un acordeonista e dúas bailadoras, que despois de servir e recoller pratos como grandes profesionais, non dubidaron en acompañarnos.
Transcribo a continuación
un pequeno texto que nos enviou Diana
“Obrigada
nós por tudo, pela alegria que nos transmitem.
Com os melhores cumprimentos,
Diana Pires”
Dentro
duns días enviaremos información sobre a próxima saída. Estade atentos e
atentas.
Para ver máis fotos fai clic aquí
28 de abr. de 2022
6 de abr. de 2022
Circular por Coles (Ourense)
O pasado domingo fixemos a primeira andaina primaveral do ano aínda que
ameazada con frío invernal. Non foi para tanto, a verdade é que puidemos gozar
dun día espléndido de sol cun pouquiño de norte.
Desprazámonos ata o concello ourensán de Coles, máis concretamente á súa
capital, a Vilarchao. Alí, xusto fronte á Casa do Concello comezou a ruta que
discorrería polas distintas parroquias do Concello como Figueiredo, Mira de
Cima, Quintás, O Fontaíño, Barra de Miño, Sobrado...etc.
A ruta é moi variada e preciosa porque, ademais de pasar por todas estas localidades apreciando a arquitectura popular, tamén pasa por algún bosque autóctono como é a impresionante carballeira que atopamos enseguida ou todo o tramo que compartimos co río Miño, á altura do encoro de Velle, a senda ambiental de Ribela ou os muíños que traballaron coas augas do regato Lusín.
Parte do camiño vai por preciosas corredoiras entre muros de pedra, como o
chamado “Camiño dos Mortos”.
Aproveitamos as mesas que hai no embarcadoiro de Ribela para repoñer forzas
e coller con ganas a pequena subida que nos agardaba antes de chegar de novo a
Vilarchao.
Despois de refrescarnos cunhas saborosas cervexiñas collemos o autobús de
volta cara a Vigo.
Botamos de menos a algúns compañeiros e compañeiras que por distintos
motivos non puideron acompañarnos. Enviamos unha mensaxe de ánimo a aqueles que
tiveran algún problemiña de saúde para que melloren e nos poidan acompañar na
seguinte saída, o vindeiro 8 de maio, onde peregrinaremos ó noso Santuario do
Bacalhau.
Para ver máis fotos fai clic aquí.













