O Souto do Vello no cume galego!
20 de feb. de 2024
26 de xan. de 2024
Ruta Máxica de Oia
Vimos de gozar duns días “máxicos” onde todo é paz e felicidade, comer e beber ben, e ata veñen uns homes disfrazados que nos deixan agasallos para todos e todas. E toca comezar a camiñar...pois que menos que facelo pola Ruta Máxica e Oia.
E así foi, este
domingo pasado achegámonos ata alí para facer este percorrido histórico-arqueolóxico e
paisaxístico pola serra da Groba, coñecida como Ruta Máxica de Oia, entre
Mougás e Oia (O Arrabal).
Entre outras cousas puidemos gozar de distintas vistas panorámicas entre os montes e vales e Mougás e Viladesuso, achegámonos a dous castros, varios grupos de rochas gravadas ou petróglifos, estivemos nas pozas de Mougás, vimos varias fervenzas ó longo do camiño, cruzamos o Sobreiral do Faro, primeiro espazo natural protexido de Galicia...
Comezamos o
percorrido cunha pequena subida que nos levou ata o castro da Cabeciña, onde
hai unhas fermosas vistas e xa temos algúns petróglifos ó seu pé. Pronto
chegamos ás pozas de Mougás onde fixemos unha pequena parada para repoñer
forzas. Un pouco máis adiante atopamos a fervenza máis alta do lugar, que coas
chuvias caídas ultimamente baixa espectacular. Cunha pequena subida chegamos
ata o Outeiro da Cheira e moi preto está o picadeiro co seu petróglifo das
Goteiras. De alí fomos ata o Castro dos Mouros.
Agora xa camiñamos polo val de Viladesuso e dirección ó sobreiral. Despois de pasalo chegamos ó miradoiro da Pousadela cos seus petróglifos fronte ás illas Orelludas.
Baixando por unha
pista máis estreita chegamos ata o famoso petróglifo da Auga dos Cebros onde o
noso profe Telmo nos deu unha precisa e preciosa charla.
Pronto chegamos ó punto onde se inicia ou remata a ruta oficial. Nós continuamos baixando ata chegar ó Camiño de Santiago polo que fomos en dirección ó Mosteiro, fin da nosa ruta.
Ó pé da súa
fachada fixemos unha pequena tertulia para comentar os pormenores da primeira
ruta do ano cunha cervexiña na man.
Subimos ata a
estrada principal onde nos agardaba Rubén para traernos de volta a Vigo.
Quedamos
emprazados para a andaina do cocido o día 3 de marzo ás 8 da mañá.
Para ver as fotos fai clic aquí.
3 de xan. de 2024
22 de dec. de 2023
8 de dec. de 2023
Domaio: mar e monte
A última saída do ano
levounos ata o outro lado da ría para visitar a veciña Domaio e facer unha
bonita ruta que, como di o título, partindo da beira do mar chegamos ata o alto
do monte desde onde temos unhas preciosas vistas dese mar que deixamos á saída.
Comezamos no paseo marítimo
de Domaio unha mañá con bastante frío, pero logo o deixamos en canto comezamos
a subir para chegar á Poza da Moura. Unha pequena poza que se forma no curso do
río Miñouva e está rodeada dun conxunto etnográfico formado por catro muíños
que aproveitaban a forza deste pequeno río. Foi agradable gozar das fermosas
vistas sobre a Ría de Vigo, dende Cabo Silleiro ata a ermida da Guía ou o Monte
do Castro.
Coma case sempre esta poza
ten unha lenda que di que a este lugar chegou un moro coa súa fermosa filla.
Esta namorouse dun campesiño do lugar, pero o pai, que non consentía esta
relación, deulle morte ó mozo moi preto desta poza. A filla, chea de dor,
fundiuse na poza para sempre. Dende aquela disque polas noites se pode ver na
beira peiteando os longos cabelos.
Seguimos subindo ata chegar ós Miradoiros de Candóns e logo ó alto do monte Xaxán ou Freixo. Aquí gozamos das fermosas vistas do fondo da ría cara a Arcade.
Comezamos a baixada ata
chegar á Chan d’Arquiña, onde puidemos apreciar a mámoa e dolmen, ese monumento
megalítico declarado Ben de Interese Cultural e que foi excavado nos anos 50 do
pasado século.
Logo fixemos outra pequena
subida para chegar ata o Monte Faro. O aire frío botounos logo de alí para ir
ata o miradoiro das Mans onde fixemos as fotos de rigor.
Xa nun suave descenso achegámonos ata os muíños e pozas do río Freixa pasando pola plantación de camelias.
Pronto chegamos de novo ó
lugar de partida, no paseo marítimo, onde demos boa conta duns cafeíños ou
cervexas, asegún...despedindo así as andainas do ano.
En xaneiro, xa do 2024,
comezaremos ben o 21 ou o 28. Avisarase con tempo.
Aproveitamos para desexarvos
unhas boas festas e vémonos para o ano que vén. Saudiña para todas e todos os
andaríns.
Para ver as fotos fai clic aquí.
29 de nov. de 2023
22 de nov. de 2023
Paredes de Coura: Cascata das Lages Altas e bosque de Lawson
Despois deste período de
chuvias que tivemos ultimamente o normal era que as fervenzas estivesen no seu
máximo esplendor. Pensando niso, a organización levounos ata o país veciño para
achegarnos ata Paredes de Coura. Alí hai un trilho que ten como atractivos máis
interesantes a Cascata das Lajes Altas e o bosque de cipreses de Lawson. E non
defraudou.
Comezamos a andar en Valsa, na freguesía de Infesta, e ó pouco de empezar xa nos topamos coa cascata, que como era de esperar, resultou ser un espectáculo, unha imaxe fantástica. O Regato das Poldras baixaba furioso, facendo voar a auga que nos puxo a pingar.
Fomos subindo a
contracorrente por un sendeiro moi empinado ata a cima da cascata. Alí non
puidemos seguir polo sendeiro xa que había que atravesar unhas poldras e no se puido
pola cantidade de auga que levaba o regato. Seguimos unha ruta alternativa non
menos bonita, pasando por sendeiros inzados de follas, propio do outono, e por
bosques de piñeiros resineiros dos que obteñen trementina, colofonia e brea;
aínda que algúns estaban un pouco abandoados . Continuamos a ruta deseñada ata
cruzar polos Viveiros Forestais do Alto da Cortelha, que é unha plantación de
cipreses Lawson tamén chamados Cedro Branco ou Cedro de Oregón. Foron plantados
na época de Salazar e co paso dos anos formaron un fermoso bosque que hoxe se
atopaba atravesado por bastante auga.
Despois de xantar fixemos unha pequena subida ata un lugar coñecido como Penedo do Macaco. Dende alí pódese contemplar unha panorámica preciosa da zona.
Xa baixando suavemente chegamos ó punto final da nosa ruta, ó pé da ermida de São Sebastião en Roriz. Alí nos agardaba unha sorpresa coñecida por todos, as deliciosas rosquillas Ancla agasallo de Kico regadas cun bo tinto.
Volta cara a Vigo e
convocatoria para o vindeiro 3 de decembro para rematar o ano 23.
Para ver as fotos fai clic aquí.














