O Souto do Vello no cume galego!
O Souto do Vello no cume galego!
31 dic 2016
GR 58 Sendeiro das Greas (Couso - Chan da Lagoa)
AVISOS: Recomendamos que levedes uns calcetíns de recambio e máis unha toalla pequena por se nos mollamos ó cruzar un pequeno río.
Non é necesario que levedes moita auga xa que hai varias fontes no camiño.
22 dic 2016
16 dic 2016
GR 58 Cerquido - Couso
O proxecto GR 58
continúa. Este domingo tocounos a etapa dende Cerquido ata Couso, deixando o
concello do Porriño para meternos no de Gondomar. Foi una etapa moi bonita na
que pasamos por Orbenlle e logo de pasar por un sendeiro que aínda conserva o
encanto do outono, e deixando a un lado o espazo Natural das Gándars de
Budiño, chegamos ó lugar de Cabreiros.
Alí repuxemos forzas tomando o sol de Galifornia. Cruzamos por unhas ruínas
nunha paraxe realmente espectacular. De alí comezamos a subida pola serra do
Galiñeiro cara a Prado. Xa no alto puidemos gozar das vistas sobre a baía de
Baiona e comezamos a baixada para pasar polo curro de Morgadáns e adentrarnos
na bonita parroquia do mesmo nome. Deunos a hora do xantar no torreiro de
Morgadáns. Despois cruzamos o núcleo das casas que compoñen esta parroquia do
concello de Gondomar. O último tramo do camiño fixémolo por unha pista moi boa
e con boas vistas que nos levou ata Couso onde puidemos aliviar a sede no
Centro Cultural ao tempo que nos desexabamos unhas boas festas, xa que se
trataba da última saída do ano. Como pasa coas series da
televisión...continuará.Para ver as fotos fai clic aquí.
2 dic 2016
24 nov 2016
Esgos - San Pedro de Rocas
“Polo San Martiño mata o teu porquiño” é o que
di un dos refráns galegos. Os andaríns do Souto do Vello estamos moi contentos
con que se siga esta tradición porque así podemos dispor de boa materia prima
para a elaboración do noso cocido anual. E iso foi o que nos preparou a
organización para o remate da andaina deste mes de novembro. Un exquisito
cocido na provincia de Ourense, máis concretamente no Alto do Couso, concello
de Maceda. Pero para merecer estas viandas tivemos que


“sacrificarnos” e camiñar un pouco polos camiños de Esgos. A pesar das inclemencias do tempo podemos dicir que foi unha ruta moi bonita. Saímos de Esgos polo “Camiño Real “ (PR-G4) en dirección a un dos puntos obrigados de visita na Ribeira Sacra, o Mosteiro de San Pedro de Rocas. É un dos mosteiros máis antigos de Galicia, conservando parte da súa estrutura orixinal, unhas covas escavadas na rocha que serviros de capela. Está considerado Ben de Interese Cultural. Despois de tomar o bocadillo ao abrigo dunha
das naves do mosteiro continuamos cara ás vilas de Vilar de Ordelles e Folgoso para seguir pola “Ruta dos Muíños”. Este sendeiro, salpicado de centenarios carballos e castiñeiros, levounos polas localidades de Lampazas e Tarreirigo para rematar de novo en Esgos onde nos esperaba o autobús para levarnos ata o Alto do Couso. Non podemos esquecer os participantes da “pequerruta” (Poli, Merce, Carlos…), que dirixidos pola intrépida e pequeguía Icía, fixeron o percorrido desde Esgos ata o mosteiro.
Como diciamos ao
principio, o remate foi cun gran cocido que nos sorprendeu gratamente pola súa
calidade, cantidade e excelente servizo.
Para ver as fotos fai clic aquí.
11 nov 2016
28 oct 2016
Camiño dos Faros (Arou - Muxía)
No mes de outubro toca saída de fin de semana.
Ultimamente cadraba co cambio de hora. Este ano adiantámonos e algúns andaríns
quedamos amolados porque non tivemos desculpa para agardar ata as 3 da mañá e
comprobar se o móbil cambiaba de hora…Outra vez será.

O domingo pola mañá presentouse algo máis complicado en canto á meteoroloxía, pero non nos botamos atrás. Comezamos a etapa en Ponte do Porto para chegar a Muxía. Demos a saída a pé na ponte sobre o Río Grande e camiñando chegamos a Santiago de Cereixo, un recuncho moi singular no que atopamos desde un piorno de 19 pés dentro dun pazo do século XVIII, un muíño de mareas, a igrexa de Santiago de Cereixo do século XII, as Torres do Cereixo e no centro da praza un impresionante carballo que debe ser máis vello que as propias torres. De aí continuamos por varias praias (Area Grande, Leis, do Lago…). Por aí tocounos un pouco de auga, pero non a da praia. Logo escampou e puidemos secar para chegar ben ata a vila de Muxía. O remate da etapa era no santuario da Virxe da Barca, que tamén é remate dos peregrinos despois de visitar o Apóstolo Santiago. Alí algúns cumpriron co ritual da Pedra dos Cadrís e mais a Pedra de Abalar e todos puidemos contemplar a espectacularidade da paisaxe coa auga batendo nas rochas. Como remate e premio polo bo comportamento agardábannos unhas exquisitas rosquillas Ancla agasallo de Kico que puidemos mollar en bo viño tinto. E xa volta a casa e ata a próxima, que será o 20 de novembro por San Pedro de Rocas con cocido incluído.
Para ver máis fotos fai clic aquí.
7 oct 2016
29 sept 2016
Ruta da auga de Pontedeva
Os andaríns e as andarinas do Souto do Vello xa están de volta para iniciar a 15ª tempada. A organización portouse ben e levounos a un
lugar fermoso para facer unha andaina tranquiliña (ó ser a primeira…xa se
sabe). Desprazámonos ata o concello de
Pontedeva para facer a que chaman a ruta da auga, xa que percorre as beiras do
río Deva. Este río nace no
concello de Verea e despois de vinte quilómetros desemboca no encoro de
Frieira, regando as terras de Pontedeva e Cortegada, na provincia de Ourense e
pola beira esquerda do Miño.
Temos que agradecer, a
quen corresponda, a limpeza dos camiños, que ademais están moi ben marcados, o
que fixo máis doada a marcha.
Ó longo do percorrido imos
atopando numerosos regatos, lavadoiros e fontes…cruceiros, escudos, en fin,
varios elementos arquitectónicos que xunto cos fermosos elementos da natureza compoñen
unha andaina moi interesante. Sen esquecernos da subida ó miradoiro e capela de
San Xusto.
Rematamos onde comezamos,
na área recreativa do concello de Pontedeva, onde nos dedicamos a un bo xantar
e charla de sobremesa…había que preparar o voto.
Volta a Vigo e a pensar xa
na próxima saída que será polo Camiño
dos Faros.
Aquí vos deixo este fermoso vídeo elaborado por Telmo. Clica aquí para velo.
8 sept 2016
15ª tempada: Ruta da auga de Pontedeva
ATENCIÓN !! AVISOS VARIOS:
* Nesta saída do 25 de setembro, a comida pode quedar no autobús. Imos comer onde está aparcado.
Despois da sesta voltamos a Vigo para estar a tempo de ir votar.
* Saída 22-23 de outubro O Camiño dos Faros: Debemos ter claro os que queiramos ir porque hai que reservar hotel. Na saída do 25 de setembro debemos comunicalo.
* Excursión ás Azores (illa de S. Miguel): Saída o 8 de abril de 2017 e volta o 13. Temos que facer a reserva do avión polo que os que teñamos pensado ir debemos comunicalo canto antes.
25 jul 2016
Pechado por vacacións

Certo, este blog pecha por descanso do persoal (?). Despois de rematar unha excelente tempada xa estamos facendo os deberes para comezar con ganas a vindeira, a 15ª, polo que será especial.
Para comezar ide reservando o 25 de setembro. O lugar está por confirmar. Para outubro toca fin de semana polo Camiño dos Faros, desta volta por Camariñas. En principio ide reservando a fin de semana do 22 e 23, salvo que ó voso presidente se lle dea por convocar eleccións polo que pasaría á seguinte fin de semana, 29 e 30.
Bo verán e ata setembro....ah! e adestrar un pouco, eh?!
30 jun 2016
Crónica dos 100 km dos International Trekkers 2016
Antes de comezar, quero agradecer a Fernando
Cerqueira que me acompañase durante practicamente todo o percorrido e sobre
todo polos ánimos que me transmitiu nos últimos kilómetros. Aínda que puido
tirar diante miña para acadar un mellor tempo, decidiu acompañarme para
chegarmos xuntos á meta despois de 21 horas e 36 minutos de camiñada.
(Foto “Concello de Rianxo”)
Como sabedes, Fernando é moi apreciado pola
familia dos sendeiristas de andainas de 50 kilómetros e este aprecio amósase
cando chega a un avituallamento, cando pasa por outros sendeiristas e mesmo no
recibimento en meta. E non é para menos...Fernando é todo un veterano das
andainas! Grazas Fernando!.
(Foto “La Voz de Galicia”- Marcos Creo)
A edición deste ano da ultrandaina de 100 km
organizada polos International Trekkers Barbanza-Sar foi, sen lugar a dúbidas,
a máis dura das tres nas que participei. Se ben é certo que non a levaba moi
preparada (máis ben nada!), os meus problemas acentuáronse nos últimos 14 km pois
foron para min unha verdadeira odisea. Seis kilómetros de subida infernal ata os
500 metros de altura na Serra do Barbanza e despois unha baixada moi técnica
durante case dous kilómetros ata chegar á beira do río Pedras, resultaron a
“guinda” desta edición. Moi pensado para os corredores de “ultratrails”, o
deseño deste último treito ata chegar á meta foi un pesadelo no que os metros
contábanse un a un e a cabeza non dictaba outra cousa máis que a necesidade de abandoar.
Ata aquí leveino relativamente ben ainda que a
noite foi bastante dura por mor do vento do norte que zoou durante toda a madrugada
e que nos deu de cara durante practicamente todo o trazado. Nalgún momento as
rachas foron tan fortes que provocaban a desestabilización dos nosos pasos. Hai
que pensar que a noite pasámola en plena Serra do Barbanza a unha altura media
de 500 metros. A temperatura mínima baixou ata rondar os 13ºC pero a sensación
térmica era moito máis baixa debido ao vento. Cheguei a pasar frío!!
Un pequeno problema no xeonllo esquerdo debido
a un traspés fíxome parar máis da conta no avituallamento da cea, no kilómetro
46, onde tiven que cambiar de calzado, equiparme con algo máis de roupa e
tomarme un café ben quente e, como non, meterme un “chute” de ibuprofeno para a
dor. O descanso e máis as “drogas” mencionadas surtiron efecto e puiden aumentar
o ritmo para recuperar os aproximadamente vinte e cinco minutos que Fernando me
levaba de vantaxe. Pasei polo casco vello de Noia ben entrada a madrugada e
cheguei ao avituallamento guiado por un ciclista da organización. Estaba xa no
kilómetro 53. O seguinte control foi nas Minas de San Fins (Lousame) un lugar
que, como o seu propio nome indica, foi un punto de extracción de mineral de
estaño e wolframio. Por alí pasei ás 5 e media da mañá. Foi en Ourille, no
kilómetro 72,6 cando puiden alcanzar de novo ao compañeiro Fernando que se
atopaba no avituallamento deste punto tomando o almorzo pois o día acababa de
comezar, eran as 7 e cuarto da mañá. A partires de aquí, como comentei ao
principio desta crónica, comezaría o meu calvario. Se ata este momento a miña
velocidade media foi duns 5 km/hora, o último treito cheguei a facer tan só 3
km/hora o cal condicionou de maneira importante o tempo final de chegada a meta.
O cansazo, algúns problemas nas plantas dos pés e tamén varias rozaduras,
fixeron de min un pandeiro!!
No avituallamento do kilómetro 92 queixeime á
organización sobre o deseño do trazado. Seguramente froito do "calentón" do
momento, comenteilles que comigo non contasen para a vindeira edición. A verdade
é que chegados a este punto a cabeza tería que ser a principal aliada para
continuar pero as dores eran tales que as emocións negativas foron as predominantes.
Ao final, o meu GPS marcou 103 km que, a falta
de facer algún filtrado dos puntos gravados polo aparello, é un aumento
importante na distancia percorrida, sobre todo porque supón en torno a 30-60
minutos a maiores dependendo da velocidade á que vaias. Iso sumado aos 3.600
metros de desnivel positivo (subidas) e outros tantos de desnivel negativo
(baixadas) fixeron da proba deste ano unha verdadeira tolería!!
Non sei que farei o vindeiro ano pero moi
probablemente non participarei. Cando menos se as condicións son as mesmas que
as deste ano. O esforzo dunha proba deste tipo é tan grande que ben merece unha
reflexión previa. A ver...
En todo caso, o gran traballo feito pola
organización desta “ultraandaina” é indiscutible. O mellor de todo: o xantar de
confraternización. Vaia o agradecemento tamén para elas/eles.
22 jun 2016
A Illa de Arousa
Estamos no remate
da tempada 14. Iso supón arredor de 150 saídas , ou sexa 3 000 km
aproximadamente de pateadas polo chan
galego (e algunhas polo “estranxeiro”), que multiplicados por unha media de 45
sendeiristas son 135.000 km. Se calculamos 1400 pasos por km temos a cantidade
de 189.000.000 de pasos dados…case nada!!!
Pois ben, esta
tempada rematou na Illa de Arousa, se tivesemos que dar todos eses pasos,
cantas voltas habería que dar? Tranquilos, a organización só nos fixo dar
unha para relaxarnos na praia pola tarde. Deste xeito puidemos contemplar a
beleza das paisaxes que nos ofrece a contorna: praias, cons, peiraos, barcos, dornas, camiños… Percorrido fácil, moi fácil pero
espectacular. Non só polo que ves no camiño senón que vas divisando
a zona do Barbanza, A Pobra do Caramiñal, O Grove, Cambados ou Vilanova.
Nós saímos do porto de Xufre, acompañados do amigo Uxío e familia que nos levaron por algúns lugares pouco habituais. Collemos polo paseo
cara á punta do Campelo e logo chegamos ó faro
en Punta Cabalo. Continuando pola que chaman a ruta dos cons, pasamos
pola Punta de Niño de Corvo e chegamos ó mirador do Con do Forno, desde onde se
pode contemplar unha espectacular vista de toda a Illa. Continuando ruta
pasamos pola praia da Aguieira, o muíño de marea na Enseada Brava ata
adentrarnos no Parque Natural de Carreirón,
de 1,3 Km2, declarado Parque
Natural, unha zona especial para a protección de aves pola Comunidade
Europea e que está situado na parte sur da Illa. Saíndo del e continuando pola
senda camiño da ponte de entrada paramos nunha das bonitas praias que alí hai.
Entre as praias de Lavanqueira e Camaxiñas fixemos o xantar. Logo puidemos
gozar do bo tempo, da temperatura da auga e dos paseos pola area. Que mellor
maneira para rematar unha boa tempada. A opinión dos sendeiristas era que
querían que pasase o verán para comezar a 15ª. Feliz verán para todos e todas e
como di o noso xefe “a facer os deberes para chegar a tope en setembro”.
Saúdos.Para ver máis fotos fai clic aquí.
10 jun 2016
1 jun 2016
Camiño dos Faros (Corme - Arou)
Antes de comezar esta crónica,
o grupo de sendeiristas do Souto do Vello queremos enviar un cariñoso saúdo á
familia de Loli e Suso lamentando a perda dun ser querido. Ánimo!
Continuando coa proposta dos
nosos amigos trasniños, responsables do Camiño dos Faros, a organización do Souto do Vello preparou unha fin de
semana saíndo de Corme para chegar á praia de Arou. Parecía que a climatoloxía
non ía estar de boas connosco, pero ó final só nos molestou un pouco na mañá do
sábado, que non nos permitiu gozar das
espectaculares vistas dunha das zonas máis marabillosas de Galicia como é a
Costa da Morte.
A xornada do sábado comezou
en Corme pasando polo sendeiro da praia de Arnela ata chegar á praia de Osmo,
unha tranquila praia que remata nunha furna, De aí pasamos á praia máis grande
de Corme, a praia da Hermida desde onde se pode ver a illa da Estrela onde
existen restos dun pequeno castro e a antiga ermida de Virxe da Estrela.
Logo comeza a subida ó
mirador do monte da Facha. Dende aí hai unhas espectaculares vistas de toda a
ría que dan paso a unha suave baixada ata a praia de Valarés, unha das máis
coñecidas desa parte da costa. Dende aí e rodeados de branca area cruzamos o
Monte Branco, espectaculares dunas que deron paso ó malecón que nos levou ata
Ponteceso, vila natal de Eduardo Pondal,
autor do poema que se converteu no noso himno.
Tras un tramo pola estrada,
fomos cara ó monte das Pías, praia Urixeira e paseo pola ría para coller a
senda do río Anllóns, que é onde comeza a terceira etapa dos Trasnos. A partir
de aí deixamos de ver o mar porque collemos o Rego dos Muíños. Cambiamos o mar
por un precioso regato que baixa formando pequenas cascadas e recunchos moi
bonitos que animan a parar para escoitar, ulir, reflexionar… Esta senda
levounos ata o castro da Cibdá de Borneiro. Despois da visita obrigada a estas
excavacións continuamos camiño para rematar a xornada no dolmen de Dombate, un
dos monumentos megalíticos máis importantes de Galicia. O autobús levounos a
Laxe para encamiñarnos ó hotel Bahía de Laxe onde nos recibiu o seu dono
Manolo, personaxe imprescindible se queres coñecer ben a Costa da Morte.
Despois de instalados nos cuartos preparámonos para a cea no bar O Gaitieiro.
Alí a algúns case se lles atragoan os riquísimos fideos con ameixas e a
manteigosa carne que nos puxeron ó ritmo das patadas que daban en Milán.
A xornada do domingo foi
simplemente espectacular, con distintas paisaxes ó longo do percorrido que
fixemos cun tempo marabilloso. Sobre as 9 e cuarto da mañá arrincamos da praza
de Laxe e collemos camiño do faro, que é igual ó do Roncudo. Como todos, as
vistas son espectaculares. A carón del hai unha escultura en bronce que se
titula “A Espera”.
Nós non esperamos máis e continuamos camiño pasando pola
Furna da Espuma, onde parece que neva cando o mar está picado, a praia dos Cristais,
característica porque está chea de anaquiños de cristais de cores ben puídos que o mar devolveu.
Seguindo chegamos á praia de Soesto, lugar privilexiado para os amantes do
surf. A continuación, e por unha pasarela, cruzamos a lagoa de Traba. A partir de aquí pasamos por un dos tramos
máis espectaculares da ruta, fomos atravesando por unha gran cantidade de
rochas, furnas e pequenas calas de cantos rodados…grandes penedos de granito
con diversas formas que fan voar a
imaxinación en busca de parecidos. Andando andando chegamos a Camelle, corazón
da Costa da Morte e lugar onde está o museo de Man, un alemán que chegou aquí
hai moitos anos e quixo gozar da beleza desta natureza creando un auténtico
museo ó aire libre que o Prestige case acaba con el e que si acabou con Man.
Collemos á esquerda e o camiño levounos ata Arou, punto final da nosa andaina
de fin de semana. Dende aquí partiremos na próxima etapa para continuar con
este Camiño dos Faros.
Non podemos esquecernos das
nosas acompañantes que fixeron as súas rutas particulares e que gozaron tamén
destas paisaxes á súa maneira.
Para ver as fotos fai clic aquí.
15 may 2016
4 may 2016
OBXECTIVO CONSEGUIDO !!!
MONTAÑEIROS GALEGOS POLO NEPAL (MGxN) conseguiu o seu
propósito de facer unha “Ascensión Solidaria” e acadou a cifra de 11237€ que
foron entregados á Directora de SOS Himalaya. Como vedes superamos a cifra dos
8848 m de altitude que ten o Everest. Isto só foi posible grazas á
solidariedade de todos os montañeiros e sendeiristas de Galicia, entre os que
se encontran os amigos e amigas do SOUTO DO VELLO.
A organización quere
agradecer a participación de todos vós nas actuacións programadas manifestando
a solidariedade do grupo O SOUTO DO VELLO en calquera das causas nas que se
necesite axuda.
María Climent (Directora de SOS Himalaya) recibe o talón de mans de Sechu López e Carlos Garrido.
16 abr 2016
Foliada solidaria
Acudide todos e todas a esta FOLIADA SOLIDARIA CO NEPAL!!! É unha boa maneira de axudar pasándoo moi ben. Haberá postos con bocadillos, tortilla, chourizos... e bebidas!! Non faltará de nada. Todo o recadado servirá para axudar a acadar o cume.
NON FALTEDES!!!!
12 abr 2016
Castro Laboreiro
Os andaríns do Souto
do Vello tiveron que pagar as consecuencias das condicións meteorolóxicas. Para que logo digan que non
hai cambio climático! Estamos en abril e a organización do Souto do Vello tivo
que facer un cambio de última hora e buscar unha ruta alternativa. Ollo, pero
só cambiaron a primeira parte da xornada, o remate no Miracastro de Castro
Laboreiro non houbo necesidade de cambialo.
Comezaron cruzando a
ponte internacional sobre o Miño en Tui, como se facía antes, para coller a senda
verde, ou tamén chamada Ecopista, que leva ata Monçao. Despois dunha pequena molladura
nada máis comezar, todo foi sobre rodas, xa que se trata dunha ruta fácil e o
tempo acompañou. Polo camiño pódense ver algunhas das antigas estacións porque a pista vai por unha antiga ruta de tren. Hai que salientar o valor paisaxístico e
natural das paisaxes que se van vendo ó longo da ruta (viñedos, prados, pequenas
vilas, río Miño…). Máis ou menos na metade do camiño hai unha torre da homenaxe
dunha antiga fortificación.
Entre conto e conto
chegan a Monçao onde estaba agardando o autobús para poder cambiar a roupa. Como había tempo a comitiva cruzou a ponte ata Salvaterra. Alí
dividíronse, uns foron visitar a fortaleza e outros foron repoñer forzas a
outras “fortalezas”.
A partir de aí
continúa o programa como estaba previsto. Visita ó santuario do bacalhau no
restaurante Miracastro en Castro Laboreiro. Coma todos os anos (ou mellor ca
outros anos), fomos dando conta (digo fomos porque a partir de aquí tamén
colaborou este cronista) dun bo presunto, un caldo quentiño, o bacalhau con
broas coma sempre e un cabrito excelente…sen esquecernos da sobremesa. E a
sobremesa inclúe a actuación do afamado grupo Os Soutiños, que fixeron as
delicias dos bailaríns asistentes coas súas pezas ben harmonizadas.
Con poucas ganas de saír,
xa que se estaba moi ben e fóra nevaba, chegou o momento de coller o autobús
para volver a Matamá.
Para ver as fotos clica aquí.
30 mar 2016
18 mar 2016
Vilaboa Castiñeiras
Antes de comezar esta crónica, o cronista quere agradecer todas as mostras
de afecto e ánimos recibidos xa que son fundamentais para a pronta
recuperación. Podedes estar seguros que son moi ben recibidos e que fago bo uso
deles. Graciñas. Vémonos pronto.
Segundo me contaron esta última ruta que saía das Salinas de Ulló en Vilaboa
e pasaba polo lago Castiñeiras para volver a Vilaboa de novo, tratouse dunha
andaina con preciosas vistas, chea de natureza fantástica, riqueza etnográfica
e algo de equilibrismo. Só podía faltar un día de bo tempo e diso xa se
encargou a orjan¡sasión, coma sempre.
A saída foi dende os restos dunhas salinas que datan do século XVII e que
foran restauradas a principios do XXI. Esta zona chamábase Ulló ou Ullóo hai
tempo por iso se denominan “As Salinas de Ulló” a pesares de que estean
ubicadas no barrio de Paredes.
Viaxando río abaixo polo Trasmil
pásase polos lugares de A Graña,
Cimadevila, Toural…atopando unha chea de muíños con levadas ás veces distintas dos outros con nomes como Muíño da Tella, Muíño do Mestre, Muíño das Freixas…etc. En
varios puntos do sendeiro o río forma pequenos saltos de auga que forman
fervenzas moi bonitas. Noutros lugares hai que facer un pouco de equilibrismo
para non caer pola rebouza e dar cos nosos ósos no río.
No remate esperaban unhas ducias de rosquillas Ancla e uns vasiños de bo
viño tinto agasallo do noso amigo Quico, detalle que agradecemos unha vez máis.
E ata aquí esta nova andaina que dá paso á seguinte onde nos desprazaremos
un ano máis ó noso Santuario do Bacallau para renderlle o culto que merece.
Para ver as fotos preme aquí.
4 mar 2016
26 feb 2016
Cortelliño - Pinzás
No Souto do Vello hai unha serie de saídas que non poden
faltar todos os anos, e non pola andaina en si senón polo remate. Esta vez
tocoulle a un bo cocido no restaurante Florentiña en Pinzás. Se espectacular
foi o camiño, non digamos o cocido. Pero imos por partes. Pola mañá gozamos das
vistas do miradoiro do Cortelliño desde onde tes unas vistas extraordinarias
cara ó Val Miñor, en especial Praia América e Panxón, ademais das illas Cíes e
máis alá. Tivemos moita sorte porque o día estaba moi claro e podíase ver todo
perfectamente. Aí comezamos a camiñar subindo ó alto da Gabiñeira ou
Cortelliño. Unha pequena baixada para continuar cara ó alto do monte Lousado,
cunha altura de 614 m. Desde alí dispuxémonos
a subir de novo ata o Alto das Pozas. Estes picos forman parte dos cumes que
cobren os 18 Km. de costa granítica única
en España,
no concello de Oia, entre os que cabe salientar: A Groba (652 m.), A Serra do Angallo (633
m.), O Lousado (610 m.), Alto das Pozas (606 m.), O Corrubedo (596 m.), A Cruz
de Pau (530 m.), A Poza dos Corvos (523 m.) e A Pedrécola (528 m.).
Dende o Alto das Pozas comezamos a baixada cara a Pinzás.
Xa polo camiño iamos cheirando os aromas da cacheira, do touciño, do polo da
casa… e das ricas verzas que nos estaban esperando no restaurante Florentiña e
que non defraudaron. Como sempre, despois tocaba sesión cos Soutiños que deron
paso á entrega dun agasallo ós membros da organización e achegados, que me din
que transmita o seu agradecemento a todos os participantes.
Para ver as fotos premer aquí.
12 feb 2016
27 ene 2016
Greas 4: Confurco Salceda
Aínda que un pouco tarde, aproveitamos esta primeira crónica
para desexarvos un feliz e andarín ano 2016 e que se cumpran case todos os
vosos desexos (hai que deixar algho para o 2017).
e é un dos exemplares máis antigos de Salceda. Despois de xantar reanudamos a marcha para pasar polo cruceiro da Fonte da Pedra e xa nos metemos no río Caselas (pola beira eh!, porque aínda que estaba bo día non apetecía meterse na auga). Chegamos á Esfarrapada polo sendeiro chamado de Valentín Paz Andrade, precioso sendeiro cheo de muíños. Despois dunha merecida reparación collemos o bus para volver a Vigo. Un bo comezo de ano, aínda que houbo comentarios para todos os gustos. Uns dicían que fora fácil, outras que ideal,… xa sabedes… Poremos toda a ciencia para contentar a todos e todas a próxima vez. Polo que me din os informadores creo que a próxima cheira ben…e ha de saber mellor
Para ver as fotos preme aquí.
14 ene 2016
Suscribirse a:
Entradas (Atom)