O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

15 de maio de 2013

A Xestosa (Covelo) - Quins (Melón)







O domingo, día 12 de maio, tocounos repetir a andaina que tentaramos facer e non puidemos completar por culpa da chuvia. Desta vez a organización portouse ben e pediunos un día espléndido de primavera. Así, pouco máis das nove e media da mañá xa estabamos en Prado (O Covelo) preparados para subir ata a ermida da Virxe da Xestosa. Coincidiu que estaban celebrando a romaría que eles chaman de “inverno”. Estaba o torreiro cheo de postos de rosquilla, polbo, pan… pero aínda era un pouco cedo que se non… O mestre Antonio aproveitou para explicarnos as bondades da auga que nace no sepulcro que hai na pedra. Saímos do recinto e continuamos subindo polo monte Faro atravesando polo medio dun gran grupo de muíños como os que queren poñer no Galiñeiro e que nós non queremos que os poñan. No alto parada e foto de grupo. Dende alí comezamos a baixar ata que chegamos ao curro onde tomamos o bocata. Seguimos ata Vivenzo, unha aldeína de Melón, na provincia de Ourense. Neste lugar hai unha eira que aínda conserva algún dos moitos “cabaceiros” da zona, a maioría conserva a pedra da base. De aí continuamos ruta atravesando a carballeira de Tourón onde alguén  picou as pernas cos toxos e que lle serviu para andar máis lixeira. Xa collemos sendeiro cara ás fervenzas do Tourón onde gozamos  da paleta de cores que nos ofrecía a vexetación, tal e como podemos apreciar nas fotos. 

Seguimos pola pasarela ata chegar ao comezo das pozas de Melón. Baixamos ata a parte baixa one descansamos un pouco, xantamos e ata algún valente (ou destemido) se atreveu a bañarse. Despois do descanso atravesamos a N-120 para coller camiño polo canón do río Cerves ata chegar á eira dos hórreos de Quins, onde estaba a fin da etapa. Alí nos recibiu Margarita, a nai de Antonio, na súa casa, cunhas exquisitas viandas: chourizo de Quins e queixo de Arzúa, regados con bo viño tinto de Arbo e branco do Ribeiro; e de sobremesa rosquillas Ancla de Ponteareas. Xa vedes que consumimos produtos da terra. A orghanisasión quere agradecer a acollida e os agasallos. A media tarde volta para casa e xa pensando na próxima, que non é nin máis nin menos que a visita ao santuario do bacallao (San Bacallao de Laboreiro).

Fai clic na foto para ver máis

11 de maio de 2013

ANDAINA MUSICAL

Os amigos da peña Freixo invítannos a participar na andaina musical en lembranza de Juan. 





21 de abr. de 2013

O Souto do Vello na defensa do Galiñeiro

Como non podía ser doutra maneira, o Souto do Vello fíxose notar na IV andaina pola defensa do monte Galiñeiro. A pesar da cantidade de xente que acudiu á chamada da Plataforma, as camisetas do Souto do Vello deixaban a nota de cor entre a multitude. A "organización" pode sentirse orgullosa dos seus andaríns. Non obstante botamos en falta algúns dos máis significados andaríns, que por enfermidade ou outras causas máis que xustificadas non puideron asistir. Iso si, se queren saber máis detalles, diante dunha cervexa ben fresquiña podemos contárllelos.
Hai que felicitar aos responsables da xornada xa que a organización foi perfecta e o traballo dos voluntarios marabilloso, digno de agradecer. Ata contaron cun tempo espléndido que permitiu gozar dunhas vistas incribles. Dende aquí os nosos parabéns.
Se acaso, poñer unha chata pola falta dos potes do polbo á chegada o que fixo que moitos confiados tiveran que buscar as viandas por outros lares.
Isto non desmereceu a xornada reivindicativa e lúdica na sobremesa, xa que puidemos gozar dalgunhas actuacións que foron moi seguidas e aplaudidas polos asistentes.
No remate algúns afortunados deron conta duns riquísimos doces caseiros (agasallo de Loli e Marité) regados co bo viño de García.
Ata a próxima, non hai que parar ata paralos.

15 de abr. de 2013

IV andaina pola protección da serra do Galiñeiro

O vindeiro 21 de abril terá lugar a IV andaina pola protección da serra do Galiñeiro. O Souto do Vello ten que estar alí.
 Información tirada do blog http://serragalinheiro.wordpress.com/
Saida: Parque forestal de Zamáns as 10:30 h.
Chegada: Parque forestal de Zamáns as 14:00 h.

Zona de aparcamento: Parque forestal de Zamáns.
 O percorrido pasa polos sitios onde se ubicarán alomenos 6 xeradores eólicos e pola área onde se prevé realizar as catas de prospeccións mineiras de terras raras.
A RUTA: Cun percorrido de 10 km. (3 e media / 4 horas) disfrutaremos das terras de Zamáns e Herville.
Ao remate, lectura do manifesto, poesía e música:
  • Rexina Vega, Paco Barreiro, Manolo Pipas, Leo i arremecághona e Os Carunchos.
  • E para os pequenos: O Mago Marco.
E tamén:
  • Faremos un xantar popular coa comida que traia cada un.
  • Tamén haberá bocatas, empanadas e viandas variadas para quen queira comprar alí.
Esperámosvos !!!

26 de mar. de 2013

Praia de Eiras - Muíños do Folón e Picón




A orghanisasión do Souto do Vello programounos para este mes de marzo, con moi bo criterio, unha saída para gozar da auga. E que mellor momento que visitar os muíños do Folón e do Picón despois da auga que leva caído. Así estaban de espectaculares as fervenzas, as levadas e regatos que por aí pasan.
Saímos o domingo 24 de marzo ás 8:30 de Matamá en dirección á praia de Eiras no concello do Rosal. As predicións meteorolóxicas presaxiaban un día negro e chuvioso, pero o microclima desta zona permitiunos gozar dun día marabilloso, con algunha chuvieira que veu para xustificar que levabamos chuvasqueiro.
Comezamos a andaina na fermosa praia fluvial de Eiras percorrendo parte do extenso piñeiral que acompaña este tramo final do pai Miño. Enseguida collemos o esteiro do Tamuxe e río arriba chegamos ao Rosal. Cruzamos a vila,  a aldea de Fornelos e tiramos cara o Picón buscando o inicio dos muíñosdo Folón. Espectaculares!
Ascendemos ata a ermida de San Martiño onde fixemos parada para o xantar.
De volta buscamos o río Cal para descender pola súa beira. Alí atopamos ao amigo Nacho que resultou ser o restaurador dun par de muíños que hai nesa zona. Moi amablemente se brindou para amosarnos o seu traballo e visitamos os dous muíños que está preparando con moito mimo. Unha boa opción para unha fin de semana de relax.
Seguimos camiño ata atoparnos coa ponte pola que había que cruzar o río, pero o río pasaba por riba dela, así que tivemos que buscar o xeito de vadear. Os nosos exploradores atoparon ben por onde facelo, pero algúns quixeron ir á aventura e houbo quen probou a temperatura da auga. Sen maiores contratempos chegamos ata os muíños do Picón e fomos baixando pouco a pouco ata chegar ao bar “Camiño do Folón” onde nos esperaba un merecido reconstituínte. Ali collemos o autobús que nos trouxo a Vigo despois de deixar en Eiras aos amigos de Ponteareas que nos acompañaron unha vez máis.

A próxima saída será a convocatoria da Plataforma pola Defensa do Galiñeiro, domingo 21 de abril: IV Andaina pola protección da serra do Galiñeiro, da que teredes máis información.

Se queredes ver as fotos premede aquí.

8 de mar. de 2013