O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

29 de set. de 2014

Pepiño Costas, na túa memoria


O grupo de sendeirismo O Souto do Vello quere sumarse á homenaxe que o Club Peña Trevinca de Vigo lle vai facer ao noso amigo Pepiño Costas o vindeiro domingo, 5 de outubro, con motivo do 1º cabodano do seu pasamento. Consistirá nunha andaina polo Galiñeiro, ese monte que el tanto quería e defendeu, e un acto no seu recordo no parque forestal de Zamáns. Segundo o programa que nos pasan, os horarios son so seguintes:
10,00 h: Inicio da Marcha na Ponte Vella da Pasaxe
13,30 h: Acto de homenaxe e xantar no parque forestal de Zamans
15,00 h: Reinicio da marcha
17,00 h: Remate andaina no lugar onde se iniciou
Para máis información visitade a páxina de Trevinca pinchando aquí.

17 de set. de 2014

AIROA "PARAÍSO NATURAL"



Os andaríns do Souto do Vello comezamos a 13ª tempada de andainas, o que non quere dicir que sexamos un ano máis “vellos” senón que temos un ano máis de experiencias. Ai!, quen volva a vista atrás e nos vexa naquela 1ª saída de setembro do 2002 decataríase de que non andabamos nin “patrás” e agora…andamos polo paraíso. Porque “paraíso natural” é o que aparece nos carteis do lugar por onde fomos este pasado domingo, 14 de setembro de 2014. “AIROA, PARAÍSO NATURAL”, e podedes estar seguros que o é (ben, non sei como será o paraíso pero se é parecido a este paga a pena facer méritos).
Airoa é un lugar da parroquia de A Laxe no concello de Fornelos de Montes, asentada nas abas da serra do Suído. Está atravesada por  varios ríos e regatos, destacando o río Parada e o seu afluente Valdohome, que van deitar as súas augas no río Oitavén.
Pola mañá percorremos a parte alta de Airoa comezando coa visita á capela do Castro. De alí fomos en busca das fervenzas, primeiro atopamos a chamada de “Coto Grande”, e un pouco máis arriba gozamos das vistas da de “Casariños”. Xa nos metemos por un camiño de monte para chegar ao foxo do lobo perfectamente conservado. Como estaba un día gris, chuvioso e rodeados da brétema, podiamos imaxinar como serían as escenas da persecución do pobre animal por entre os muros ata chegar ao foxo, cruel destino.
Preto de alí ascendemos ata o pico Bidueiros con 948 m. Depois de recoller a testemuña dunha amiga do club Peña Trevinca e deixar a nosa, e grazas a que o tempo foi mellorando, puidemos contemplar como as nubes se pousaban por riba das illas Cíes, entre outros lugares que se poden divisar desde alí. Comezamos o descenso para volver a Airoa contemplando unha espléndida panorámica coas características formacións de  fincas e lameiros, delimitados por muros de pedra, figurando as pezas dun fermoso puzzle galego.
Chegamos para xantar na praia fluvial do río Valdohome. Alí algúns valentes e ousados andaríns probaron a riqueza das súas augas cun refrescante baño antes da comida. Xa pola tarde fixemos a segunda parte do percorrido polo Roteiro dos Muíños da Laxe preparado pola asociación Muilaxe. Un percorrido precioso a carón do río e pasando por varios muíños moi ben restaurados. De alí dirixímonos ao barrio de Entrerríos para rematar a andaina preto da igrexa de A Laxe. Volta para Vigo despois de facer un descansiño na bonita vila de Fornelos de Montes e tomar unha reparadora cervexiña, como é de lei.

https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/6060080142545034209

3 de xul. de 2014

Fin da tempada: illa de Ons




Hai catro días que comezabamos a tempada ala polo mes de setembro nas terras de Allariz, gozamos dunha fin de semana espectacular nas fragas do Eume, sufrimos un mal trago cando iamos á Guarda, fixemos a obrigada visita ao santuario do bacalhau, tripamos as fermosas terras do Courel… para rematar no primeiro Parque Nacional de Galicia como é a illa de Ons.
Un bonito remate de tempada onde os habituais estivemos acompañados dos ocasionais e mais dos benxamíns, futuros andaríns do Souto do Vello. Esta espectacular illa dá pé a gozar dela de distintas maneiras: rutas pequenas, medianas, completas… miradoiros para perder o sentido, praias marabillosas e lugares onde poder sobrevivir aqueles que queren ir a pasar unha fin de semana de supervivencia, alimentándose só do que hai na illa (percebes, polbo, caldeiradas de peixe...).
Os que fixeron a ruta completa pasaron polos miradoiros de Fedorento e do Centolo, polo Burato do Inferno, o faro, o castelo dos Mouros e a Cova da Loba, percorrendo a illa de Norte a Sur e de Leste a Oeste.
Despois do refrixerio tocou sesión praia, baño, masaxe, paseo, sesta, etc., o tempo permitiu facer de todo. Xa pola tardiña collemos o barco de volta a Bueu, despedindo así a tempada 2013/14.

Unha pomba mensaxeira deixounos a noticia dos progresos do noso amigo Poli, aínda que ás veces se queixa da caña que lle mete o seu adestrador persoal. Ánimo, ti podes! Botámoste de menos!

Bo verán para todos e todas e ata setembro.


Para ver máis fotos fai clic nesta.

https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/6031864669599448753

25 de xuño de 2014

5 de xuño de 2014

Fin de semana no Courel



O amigo Carlos Garrido levounos hai 10 anos a coñecer a serra do Courel nun outono marabilloso. Foi aquela primeira fin de semana “dos callos”. Agora vólvenos levar, acompañado da súa xente,  para percorrer os preciosos sendeiros desa serra. Desta volta imos na primavera. Os que repiten lémbranse das cores do outono pero non deixan de sorprenderse da gama de verdes, violetas, amarelos…que nos aparecen por todos os recunchos. Os que veñen por primeira vez quedan abraiados cos frondosos vales, altos cumes e serpenteantes sendeiros, sen deixar de apreciar toda a variedade de flora que hai ao longo das subidas e baixadas. Moitas grazas amigo Carlos (e acompañantes) por este agasallo de fin de semana!
Como se poden percorrer algo máis de 40 km sen tocar apenas asfalto!
O primeiro día fixemos a ruta da Devesa da Rogueira. Partimos de Moreda para salvar un desnivel de aproximadamente 700 m. Trala espectacular subida a través do bosque de acivros, acompañados de castiñeiros, abeleiras, arandeiras, faias, teixos, bidueiros…chegamos ás famosas fontes do Cervo. A uns 1400 m de altitude atópanse estes dous canos manando, por unha banda augas ferruxinosas e vermellas e por outro brancas e cristalinas augas calcáreas. Os nosos devanceiros atribuíronlles poderes medicinais (a branca para curar anemias e enfermidades do estómago e as vermellas para os pulmóns).
A partir de aí seguimos ata facer cume no alto de Formigueiros. Logo fixemos a baixada pola Campa da Lucenza pasando pola lagoa do mesmo nome, onde puidemos recrearnos co poder de convocatoria de Raúl acompañado dunha preciosa ra de Santo Antón que foi obxecto de mira dos reporteiros que se atopaban por alí, como se pode apreciar nas fotos.
Chegamos á Seara onde está o refuxio da Federación. Despois de visitar o muíño de Roi e a espectacular fervenza de Vieiros fomos ao refuxio para dar conta do menú servido por Roi (empandas, pizzas e pan) e a carne preparada por Kico. Doces, queimada, gaiteiros, cantes…festa rachada. Logo toca durmir, ha! quen durmira! No almorzo notábanse caras de todas as cores. Logo dos cafés, rosquillas, biscoitos e roscas xa era outra cousa. Todos e todas preparados para a 2ª xornada.
Saímos de Seoane, pasamos pola ferrería e collemos o sendeiro do río Lor (segundo Lucho iamos ir ao pé do río todo o tempo). Houbo alguén que non viu o río en todo o traxecto. Chegamos á preciosa aldea de Vilar de Lor, co seu museo, o campazo… Alí fixemos un auténtico xantar campestre con gaita incluída, pasarrúas e fogos artificiais.
Xa pola tarde quedaba un pequeno tobogán para chegar a Vilamor, fin da ruta.
Despois dos obrigados estiramentos e engraxamento con destilados de cebada, volta para a casa algo cansos pero enchidos de ledicia pola espectacular fin de semana no Courel.
                                                  Para ver as fotos fai clic na imaxe.