O Souto do Vello no cume galego!
O Souto do Vello no cume galego!
18 de abr. de 2017
16 de abr. de 2017
Viaxe á Illa de São Miguel (Açores)
O
grupo de sendeirismo O Souto do Vello celebrou o seu XV aniversario cunha saída
de 6 días á illa de São Miguel no arquipélago das Azores. Segundo opinións que
nos chegaron aos nosos oídos, para uns foi a mellor viaxe das súas vidas,
outros dicían que non o perdoarían se o perdesen; e así todo o mundo foi
manifestando que quedaran moi contentos coa viaxe. Gran parte da “culpa” do
éxito desta saída foi polo excelente e
milimétrico traballo da organización, que unha vez máis nos demostra que disto
saben moito e non escatiman á hora de adicarlle horas e traballo para que todos
nos poidamos beneficiar. Moitas grazas!!!
Segundo
o plan de ruta, tiñamos marcada a saída de Matamá na mañanciña do sábado 8 de
abril ata o aeroporto de Porto. Voamos de Porto a Lisboa e de Lisboa a Ponta
Delgada, capital da illa. Chegamos ao mediodía do sábado para instalarnos no
hotel. Inmediatamente despois xa fomos facer un percorrido para coñecer os
lugares máis emblemáticos da capital.
No
segundo día de estancia e primeiro de andaina, o plan era ver a paisaxe máis
espectacular da illa. Unha ristra de conos volcánicos convertidos en lagoas
naturais cunha vexetación verde intensa e bosques profundos. Comezamos na Lagoa
do Canário e seguindo por un sendeiro moi bonito chegamos ao Miradouro da Vista
do Rei, para apreciar magníficas panorámicas
das diversas lagoas (Lagoa Rasa, Lagoa de Santiago, Lagoa Verde, Lagoa Azul).
Seguimos camiñando pola cresta do volcán ata chegar á freguesía da Sete
Cidades.
Á
volta pasamos por unha plantación das típicas ananás das Azores. Alí puidemos
observar o sistema de cultivo destas ricas froitas en “estufas” (invernadoiros)
de cristal pintado de cal. O ciclo completo da produción dura 18 meses e o
resultado final é un froito de características únicas recoñecido como o mellor
do mundo.
Volta
ao hotel e cea libre con paseo polo centro da cidade.
No
terceiro día e segundo de andaina fixemos a saída á Lagoa das Furnas. Trátase
do lugar con maior riqueza natural e
xeovolcánica de todo o arquipélago. Fomos ata a freguesía de Furnas e saímos en
dirección ao Pico do Ferro. Despois dunha bonita
subida chegamos ao miradoiro desde o que gozamos de espectaculares vistas sobre a Lagoa das Furnas coas súas fumarolas onde cociñan o famoso “cozido das Furnas”. É unha zona de caldeiras onde aproveitan a calor interna do volcán das Furnas para cociñar. Cando baixamos asistimos á “tirada” do cocido, onde os propietarios do restaurante proceden a retirar as potas coas carnes e verduras xa perfectamente cociñadas.
Continuamos
camiño ao redor da lagoa ata chegar ás proximidades da ermida de Nossa Senhora
das Vitórias, construción gótica do século XIX. Alí o autobús trasladounos ata
a vila para proceder á degustación do famoso cocido.
Despois
de comer visitamos o parque botánico e termal de Terra Nostra. A maioría
gozaron dun baño nas augas volcánicas e logo visita ao paraíso que supón o
parque.
Volta
ao hotel, ducha, cea e paseo.
O
cuarto día e terceira andaina tiña reservada unha espectacular subida ata a Lagoa
do Fogo, unha das de máis difícil acceso na zona sur da illa. Polo camiño contemplamos
unha importante poboación de gaivotas. Esta lagoa é das máis espectaculares
dende o punto de vista xeolóxico e natural. De alí continuamos por outro
sendeiro para baixar ata unha antiga fábrica de luz. Despois do xantar nunha das
múltiples áreas de descanso que hai pola illa (por certo cunha limpeza
exquisita) fomos ata o espazo natural de Caldeira Velha coas súas cores verdes,
ocres, vermellas...Houbo baño e visita ao centro de interpretación de vulcanoloxía
para coñecer a formación da illa.
Regreso
ao hotel e hoxe tocou cea de grupo no restaurante A Tasca.
No
5º día de estancia e último de andaina repartímola en tres partes. Primeiro
visitamos a plantación de té, considerada única en Europa. Estivemos nas
instalacións de Chá Gorreana. Aproveitamos para ver a maquinaria orixinal, que
data de mediados do século XIX, e que estaban en pleno traballo xa que é o
momento da recolección. Houbo degustación de chá verde e chá préto e saímos
para pasear pola
plantación...interesante e sorprendente! Ao remate collemos o
autobús que nos levou ata o Padrão das Alminhas e dende alí fomos camiñando ata
o Miradouro da Pedra dos Estorninhos. Ao remate dirixímonos ao parque natural
de Ribeira dos Caldeirãos, o maior núcleo de muíños de auga das Azores. Ademais
ten un par de fervenzas que fan do lugar un espectacular remate das nosas
andainas.
Volta
ao hotel para preparar as maletas.
No
sexto día algúns aproveitamos para visitar o mercado da Graça e mercar algún
queixo e ananás (produtos típico da illa).
Volta
ao hotel para coller a equipaxe (moi ao noso pesar) xa que nos agardaba o
autobús para levarnos ao aeroporto. Viaxe de volta perfecta, sen incidentes,
sen atrasos...e chegada a Matamá sobre as 10 da noite onde puxemos o punto e
final a unha interesantísima viaxe.
Agradecémoslle
ao home do tempo que nos permitiu facer todas as actividades a pesar da
constante ameaza de tronos e lóstregos que tivemos toda a semana.
A
organización quere facernos chegar o seu agradecemento polo comportamento do
grupo, a puntualidade exquisita e a actitude positiva de todos os participantes
nesta celebración do XV aniversario.
Fai clic neste enlace para ver as fotos do 1º día.
Fai clic neste enlace para ver as fotos do 2º día.
Fai clic neste enlace para ver as fotos do 3º día.
Fai clic neste enlace para ver as fotos do 4º día.
Fai clic neste enlace para ver as fotos do 5º día.
Fai clic neste enlace para ver as fotos do 6º día.
Se queredes ver as fotos que nos enviou Ángeles facede clic en cada día:
1º día - 2º día - 3º día - 4º día - 5º día - 6º día
6 de abr. de 2017
17 de mar. de 2017
Ameijoeira - Outeiro do Castelo
Din
que as persoas somos animais de costumes… pois os do Souto do Vello
cumprimos co dito e un ano máis (e xa van doce) asistimos ao noso
santuario do bacallau para dar boa conta das postas que nos ofrece o
amigo Fernando. Pero antes hai que facer ganas e alá fomos ata a
localidade de Ameijoeira, na
fronteira galaico portuguesa. Alí
comezamos unha andaina que prometía dificultosa pola climatoloxía
que nos acompañaba na viaxe pero que se converteu nunha das máis
bonitas e agradables das que levamos feito ultimamente. Na saída
saudamos na súa capela ao Señor da Boa Morte...polo que poida
pasar...e despois de pasar por un forno comunitario comezamos a
ascensión ao alto da serra como se comezan as andainas por esta zona
de Portugal. Moi pronto nos atopamos cunha presa que había que
cruzar e para iso o equipo de enxeñeiros que levabamos con nós
fixeron posible que parase a auga para poder pasar sen problemas. A
partir de aí e por sendeiros pechados e rodeados de carrascos, uces
e algún toxo fomos cara o Outeiro do Castelo. A paisaxe que nos
rodeaba era impresionante, espectacular... Despois dun complicado
descenso chegamos á estrada, xa en terras galegas, que cruzamos
para coller rumbo á localidade de Pereira, no concello de Entrimo. Antes tivemos que cruzar unha valga que formaba un bosque encantado polo que discorrían as augas cristalinas do río Agro. Nun día chuvioso e con néboa pódese dicir que pasas por un bosque onde podes atopar fadas e mais rebecos choutando ledos por entre as árbores cubertas de musgo. Pasada alocalidade de A Pereira xa collemos ruta de volta cara o autobús. Dez minutos de viaxe e chegamos a Castro Laboreiro para degustar o bacallau e o cabrito riquísimo que deu paso a un magnífico festón amenizado polos nosos Soutiños, que desta volta contaron coa colaboración espontánea do acordeonista Fernando, e que fixeron as ledicias dos presentes. Non había ganas de voltar para Vigo, pero había que vir para ir
preparando as equipaxes que levaremos en busca do anticiclón das Azores. Unha xornada para lembrar.
Para ver as fotos fai clic aquí. Estade atentos que en breve se colgará un precioso vídeo da andaina.
28 de feb. de 2017
23 de feb. de 2017
Circular por Avión (Ourense)
Os bugallos dos carballos, que tamén se chaman
carrabouxos, cocas ou de calquera outro nome
segundo sexas dun lugar ou doutro,
son unha reacción de defensa da árbore fronte a determinados insectos que
deixan os seus ovos debaixo da casca nos gromos novos dos carballos.
Pois isto foi o que nos atopamos en abundancia
nesta preciosa andaina que fixemos polos arredores de Avión, na provincia de
Ourense. O pasado domingo, 19, saímos de Matamá en busca dun día soleado que
nos permitiu gozar das diversas paisaxes predominando as carballeiras
alfombradas con follas e carrabouxos que estoupaban ao paso dos camiñantes.
Comezamos a andar dende o centro de Avión
cando na igrexa parroquial daban as badaladas das 10 da mañá. O sendeiro
levounos, tras unha bonita subida,polos arredores do Castro de San
Vicente.
Atravesando polas carballeiras pasamos por varios miradoiros onde puidemos ver
o encoro de Albarellos, que aínda non recuperou a auga que precisa para chegar
ao seu nivel. Máis tarde pasamos pola localidade de Beresmo, famosa polas eiras
rodeadas de hórreos, moitos deles moi ben conservados. De aí baixamos en busca
da praia fluvial do río Valderias onde comemos gozando do sol de febreiro. Logo
continuamos pola senda para coller camiño de Avión onde nos esperaba unha
cervexa reparadora. Volta para Vigo e pensando na próxima que será ao noso santuario
do bacallau. Dende aquí queremos enviar os nosos parabéns e unha agarimosa
aperta aos novos avós que perderon esta andaina por dar a benvida á neta. Para ver as fotos fai clic aquí.
Se fas clic na foto de grupo poderás ver o vídeo da nosa andaina.
7 de feb. de 2017
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)




