O Souto do Vello no cume galego!
13 de nov. de 2022
7 de nov. de 2022
Cea 20º aniversario
O pasado sábado,
5 de novembro, xuntámonos no restaurante Moisés en Valadares, arredor de 110
persoas relacionadas co Souto do Vello para celebrar o 20º aniversario do
grupo.
Foi unha reunión
moi agradable onde tivemos a oportunidade de compartir charla, ademais de mesa,
con xente que nalgún momento nos acompañou nos centos de rutas que se levan
feito dende o ano 2002. Tamén botamos de menos aqueles que nos acompañaron e
agora non o poden facer.
Nós chamámoslle a
cea dos “apolos” porque brindamos para ir “apolos” 25 anos de camiñadas.
Antes da
sobremesa visionamos e gozamos cun pequeno vídeo elaborado polo noso compañeiro
Telmo coas imaxes recollidas da saída a Pireneos.
Como non podía
ser doutra maneira, a reunión rematou coa degustación das rosquillas Ancla regadas
con sidra de Bembrive que deron paso ó baile e diversión ata altas horas da
madrugada.
Tamén houbo outra
homenaxe ás tres parellas de avós recentes que foron agasallados cuns preciosos
obsequios. Temos que dar as grazas a todos por este cariño transmitido.
Pois como
diciamos antes, imos a polos 21 para poder chegar ós 25.
Para ver máis fotos da cea fai clic aquí.
25 de out. de 2022
Ruta da Padela e Pelamios en Xunqueira de Ambía
Aínda estamos
gozando do bo sabor de boca que nos deixou a visita a Pireneos cando preparamos
a saída correspondente ó mes de outubro. Consultando as predicións
meteorolóxicas animámonos a fuxir da costa e ir cara ó interior xa que tiñamos
máis probabilidades de escapar da chuvia. E así foi, achegámonos ata Xunqueira
de Ambía, na provincia de Ourense, e a chuvia deixounos camiñar tranquilamente.
Iso si, non nos libramos da sorpresa final. Cando nos estabamos a cambiar caeu
toda xunta a auga que tiña que caer durante a mañá.
Chegamos a
Xunqueira de Ambía e aparcamos ó pé da “Colexiata de Santa María La Real”, un Monumento
Nacional de importante valor histórico e artístico, e de gran beleza arquitectónica.
Iniciamos o percorrido polo PR-G 194 descendendo ata o río Arnoia por frondosos bosques de carballos e castiñeiros e pasando por camiños preciosos, algunhas congostras impresionantes e sendeiros de pescadores ó pé do río. Atopamos algún antigo pelamio, que son construcións onde curtían as peles do gando, unha fonte termal e algunha pontella.
Pasamos por San
Xillao, onde vimos uns bolos graníticos espectaculares. Continuamos camiño ata o lugar de A Pousa, coa capela da Virxe do
Camiño, por onde pasa a Vía da Prata. A continuación pasamos por Vilanova e
Vilariño do Río e cruzando pola Ponte das Poldras atopámonos no eco-espazo de ”O
Rexo” cheo de esculturas e pinturas sobre as árbores de Agustín Ibarrola.
Dende aí en constante pero moi suave ascenso chegamos de volta a Xunqueira onde aguantamos a forte chaparrada que nos estaba agardando.
Despois de tomar
uns reparadores cafeciños voltamos para Vigo pensando xa na celebración da cea
aniversario o vindeiro sábado 5 de novembro.
Para ver as fotos fai clic aquí
16 de out. de 2022
12 de out. de 2022
20º aniversario en Pireneos
Xa somos maiores de
idade!!! Xa temos 20 anos e na casa deixáronnos ir de excursión!!! A
organización preparounos unha saída, nada máis e nada menos que, a Pireneos, ó
Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido en Huesca. Que luxo!!
Declarado Patrimonio
Mundial pola UNESCO, o Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido inclúe un conxunto
de catro vales (Ordesa, Añisclo, Escuaín e Pineta), que están ó redor do Monte
Perdido, o macizo calcáreo máis alto de Europa.
Pois nós percorremos
tres deles: Ordesa, Añisclo e Pineta.
Comezamos o mes de
outubro subindo ó autobús que nos levou ata Pamplona, onde fixemos unha
paradiña dunhas horas que nos serviron para almorzar e percorrer as rúas do
centro da cidade, incluíndo o percorrido dos encerros de San Fermín. Algúns
estivemos acompañados duns amigos de Loli que nos fixeron de anfitrións, o cal
agradecemos.
Seguimos viaxe ata Jaca,
onde paramos para xantar e visitar a cidade. A media tarde xa saímos cara a
Torla, o que ía ser o noso destino, e aloxámonos no hotel Edelweis. Un hotel
fantástico, onde estivemos moi a gusto toda a semana e moi ben atendidos por
Miguel e compañía.
O domingo xa comezamos a
primeira das rutas achegándonos ata o “Cañón de Añisclo”. Estivemos acompañados
polo noso guía de cabeceira e especialista en Pireneos, Carlos Garrido, que
estivo con nós toda a semana, ó cal agradecemos moito xa que é un pracer
camiñar con el.
O Cañón de Añisclo é un dos lugares máis espectaculares de Aragón. Trátase dun profundo canón esculpido durante millóns de anos pola erosión do río Bellós. Conta con numerosas fervenzas e un bosque frondoso que o converten nun lugar único. Nós seguimos a ruta de Ripareta. Algúns continuaron en dirección a Fuenblanca aínda que non deu tempo a chegar por non arriscarnos a meternos na noite. As vistas son espectaculares!! Ó principio do camiño está a ermida de San Úrbez incrustada nunha cova e adicada a ese santo e pastor que viviu alí no século VIII.
Mentres, as compañeiras
que forman o chamado “Grupo Alternativo” fixeron unha ruta ata a localidade de
Broto, onde pasaron o día coñecendo ese precioso lugar.
O luns tocaba a ruta
máis esixente da semana, a “Pradera de Pineta”. Aquí é o río Cinca o que forma
un dos máis espectaculares cursos fluviais da zona. Dende o final do val saen
varias rutas, unha delas é a chamada “Los Llanos de La Larri”. Parte do grupo
fixo esta ruta pasando por un bosque de faias e por varias pradeiras verdes e
cunhas vistas especaculares. O resto do grupo animouse a subir ata o Balcón de
Pineta. Tras unha forte e prolongada subida chegamos ó miradoiro desde o cal se
aprecia unha espectacular panorámica do val. Logo continuamos a ruta ata chegar
ó lago Marboré (2.590 m de altitude), para gozar da excelente vista de todo o
glaciar. Todo un espectáculo xeolóxico! Unha paisaxe practicamente lunar!!
O grupo alternativo fixo
unha ruta en coche chamada “La ruta de los miradores” accedendo a varios dos
puntos onde se pode apreciar toda a beleza do lugar.
O martes pola mañanciña todas e todos subimos ó autobús para achegarnos ata a localidade de Riglos e facer a ruta que rodea os famosos Mallos de Riglos. Os “mallos” en Aragón son esas extraordinarias formacións xeolóxicas de cor vermella que foron levantadas hai uns 65 millóns de anos cando se formaron os Pireneos. A posterior erosión da auga deu lugar a estas impresionantes paredes rochosas que son un paraíso para os escaladores. Cando estabamos no alto do sendeiro, recibimos con sorpresa a algunhas das compoñentes do grupo alternativo encabezadas por Luci, o que supuxo un gran esforzo para elas e unha gran alegría para todos os demais.
Xa pola tarde fomos de
visita ó castelo de Loarre. O castelo de Loarre é un castelo románico situado
na localidade de Loarre, na serra de Loarre, (provincia de Huesca, Aragón). Foi
declarado Ben de Interese Cultural e Monumento Nacional en 1906. Fixemos unha
visita guiada que resultou moi amena. O guía fíxonos pasar un rato moi
agradable.
Para o mércores quedaba
a ruta estrela, xa que nos achegamos ata a pradera de Ordesa para facer a ruta
pola Senda dos Cazadores.
Esta é unha das rutas máis bonitas do Val de Ordesa. Comezamos o percorrido no aparcadoiro da Pradera de Ordesa. Pronto comezamos unha forte subida, pero dirixidos por Carlos Garrido fíxose sen problema. Chegamos ó miradoiro de Calcilarruego cunhas vistas espectaculares. A partir de aí vai unha senda en continuo descenso ata chegar ó mítico lugar da “Cola de Caballo”. Trátase dunha fervenza espectacular, que desta volta non o era tanto xa que tiña pouca auga. O regreso foi pola pista máis fácil seguindo o curso do río que está inzado de bonitas fervenzas como as chamadas “Gradas de Soaso”.
E xa no último día da
nosa estadía en Torla, saímos ben cedo cara a bonita localidade de Alquézar,
declarada Conxunto Histórico Artístico.
Antes de pasear polas
bonitas rúas desta localidade, fomos facer o percorrido polas pasarelas. Esta
ruta permite admirar a beleza do último treito do río Vero. Primeiro hai un
tramo de escaleiras de madeira que facilitan o descenso. Pronto atopamos un
desvío para ver a cova de Picamartillo. Volvendo ó sendeiro, o camiño segue río
abaixo a través dunha espectacular pasarela metálica instalada na parede
rochosa. Pasamos por unha vella presa e mais a antiga central hidroeléctrica. Ó
rematar as pasarelas, o camiño vólvenos levar a Alquézar, acompañados por
varias parellas de voitres que sobrevoaban por riba das nosas cabezas. Paseando
por esta bonita localidade, observamos numerosos “callizos”, algunhas casas
nobres dos séculos XIV a XVII, e sobre todo, a súa fabulosa Colexiata de Santa
María, do século XVI.
A media tarde collemos o
autobús para ir cara a vila medieval de Aínsa. Cabe salientar a súa porticada
Praza Maior, a igrexa románica de Santa María, un dos mellores exemplos
románicos do Alto Aragón. Continuamos a visita paseando polos restos do seu
castelo. Algúns visitamos tamén o Ecomuseo da Fauna Pirenaica, onde recuperan
as aves rapaces feridas.
O venres pola mañá,
collemos o autobús para a volta a casa facendo parada en Burgos. Tivemos tempo
de pasear polo casco vello de Burgos e visitar o “Museo de la Evolución
Humana”, moi recomendable.
O sábado saímos para
facer o tramo final da volta e paramos unhas horiñas en León. Da man da nosa
compañeira Ángeles e mais a súa familia, leoneses de pro, coñecemos o máis
importante do centro leonés, que precisamente estaba de festa e había moi bo
ambiente, como é a súa catedral, a Praza
Maior na que había o mercado dos sábados, a colexiata de San Isidoro (coñecida como
“La Capilla Sixtina Leonesa”)...
Ás 8 da tarde, o noso
fantástico condutor David, deixounos de novo en Matamá, un pouco cansos pero
moi satisfeitos da semana vivida polos Pireneos para celebrar o 20º aniversario
do Souto do Vello.
Para ver as fotos fai clic
25 de set. de 2022
Ruta polas Eiras de canastros e cabaceiros de Quins (Melón)
Quen nos ía dicir,
un dia de setembro de 2002, que aquela primeira andaina polos arredores de
Matamá sería o xermolo dun grupo de sendeirismo que iría percorrer miles de
kilómetros durante 20 anos. Nin nos mellores soños! Daquela, a pretensión era
simple: camiñar polos camiños que moi pronto irían desaparecer por mor das
obras dunha grande infraestrutura. Camiños e congostras que xamais voltariamos
ver nin disfrutar.
Hoxe, 20 anos
despois, facemos a crónica desta andaina que inaugura a tempada 21 e na que,
como nas orixes, visitamos elementos do noso patrimonio etnográfico e cultural
que, se ninguén o remedia, tamén imos perder: os hórreos.
A andaina non puido
estar mellor guiada. O noso compañeiro Antonio, oriundo das terras de Melón,
preparou o percorrido que tan ben coñece e explicounos historias, anécdotas e
características duns dos elementos que máis representan á Galicia rural e
agrícola como son os canastros, cabaceiros e as eiras donde se secaba e mallaba
o cereal. Un tesouro patrimonial de inmenso valor que, de seguro, sería
merecedor do cualificativo de Patrimonio da Humanidade.
O Antonio ten
catalogados máis de 400 canastros só no concello de Melón, moitos deles
localizados en agrupacións que se distribúen en espazos de uso comunitario. É
precisamente esta característica a que fai a estes elementos particularmente
valiosos, pois simbolizan a vida en comunidade e a axuda mútua entre a
veciñanza.
Iniciamos a nosa ruta visitando o conxunto de canastros da aldea de Covelo que hoxendía está practicamente deshabitada. Camiñando entre as súas casas e polo seu entramado de pequenas rúas, percíbese claramente o declive do mundo rural.
Xa máis adiante no noso percorrido, chegamos á aldea de Vivenzo onde encontramos unha excepcional agrupación de cabaceiros. Chámanse así a uns pequenos hórreos de planta circular construídos con bimbio e teito de colmo sobre unha base de pedra, e dos que hoxendía só existe un exemplar completo e todavía en uso.
Continuamos a ruta ata
Negrelle, onde fixemos unha pequena paradiña para tomarlle o aperitivo das
“onse”, e dende alí nos diriximos ata A Serra, lugar onde se encontra unha das
maiores concentracións de canastros e tamén un espectacular calvario e vía
crucis.
Desde A Serra
chegamos á aldea de Vilaverde e dende alí a Barcia, onde o Antonio ensinounos
cal era o canastro máis pequeno de todos os que el ten catalogados así como o
canastro que se empregaba para depositar o dezmo, tributo que
obrigatoriamente había que pagar á igrexa. En Barcia encontrámonos cos
propietarios da almazara da Man da Moura que naquel preciso intre estaban a
traballar no envasado do mel das súas abellas. Emprazámonos para visitalos noutra
ocasión para poder observar o proceso de fabricación artesanal do aceite de
oliva que tamén comercializan.
Finalmente
rematamos nesta mesma aldea de Barcia dándonos un pequeño baño refrescante na
fabulosa poza que alí forma o río do Outeiro.
Pero o mellor aínda
estaba por vir!. Xa no lugar do Casal, precisamente na casa do noso anfitrión
Antonio, varios dos máis grandes cociñeiros que deu o Souto do Vello afanábanse
para preparar todo para o xantar. Un bo churrasco acompañado dun espectacular
arroz de tomate estaban a agardar por nós. Nin que dicir ten que, para testar
se a comida estaba no seu punto, os nosos cociñeiros fixeron unha cata previa,
tal e como amosa algunha das probas gráficas que nos ían chegando por mensaxe
mentras camiñabamos. Kiko, Victor, Doro, Poli, Merce e José Luis foron os
artífices das viandas que gozamos ao chegar.
E aquí entran en
escena os nosos avós primeirizos, Bacelos, Isa, José Luis, Merce, e os futuros Manolo e Elena; que quixeron
compartir con todos os compoñentes do Souto do Vello a súa ledicia pola chegada
de cadansúas netas, Sara, Lara, e ??, celebrando este xantar xunto connosco e invitándonos
a todos. Precisamente unha das netiñas, Sara, nos fixo unha visita acompañada
dos seus pais. Que bonitiña!! Parece que pouco a pouco imos tendo relevo
xeneracional no Souto do Vello. Por iso que, ímoslle pedir aos avós e ás avoas
que lles inculquen ás súas netiñas o gusto polas andainas. A ver se así
conseguimos celebrar como mínimo outros 20 anos máis de camiñadas!!
Finalizada a comida
chegaron as sobremesas que, como non podía ser doutra maneira, foron aportadas
polo noso pasteleiro e rosquilleiro máis famoso e admirado. O Kiko, de
rosquillas “Ancla”, fixo as delicias dos comensais cos seus pasteis, cañitas
e rosquillas que estaban espectaculares.
E despois dos
postres, que vén?? Pois si, efectivamente: o licor café. Desta vez, catamos un
riquísimo “licorca” co que a nosa rubia máis espectacular, a Carmen, nos
agasallou nesta ocasión.
Os organizadores tíñannos preparada outra sorpresa: o sorteo de diverso material doado por
algunhas casas comerciais, e mais dunha “pequena” viaxe para unha persoa. Foron
saíndo os números da sorte e os agraciados pasaban a recoller o seu premio,
incluído o desa “pequena” viaxe.
A nota emotiva da
xornada chegaría en forma de procesión ata o lugar de Codesás, onde se encontra
un conxunto de antigas vivendas en estado ruinoso e das que aínda hoxe non hai
información clara dos motivos polos cales foron deshabitadas. Ata esa pequena
aldea de Codesás nos levou o noso amigo Antonio para completar o percorrido que
non fixeramos pola mañá e para facer unha ofrenda no peto de ánimas que alí se
encontra, adicado ao Santo Antonio. Por un despiste, esqueceu en Vigo o ramo de
flores que ía depositar na ofrenda pero varios compañeiros do grupo, nun xesto
de indubidable cualidade humana, foron recollendo as flores que se encontraron
no percorrido ata conseguir un ramo ben bonito polo que, finalmente, o Antonio
si que puido facer a ofrenda como tiña previsto.
Pero así a todo aínda nos quedaba unha cousa máis. Non hai saída do Souto do Vello que se precie na que non haxa festa animada polo grupo musical “Os Soutiños”. Unha grande alegría levamos cando, no inicio da xornada, comprobamos que un dos fundadores deste particular grupo de gaiteiros voltara camiñar connosco. O Lucho, afanouse novamente co bombo, despois de varios anos. A música e o baile apoderáronse dos asistentes que bailaron o agarrado na eira do Casal.
De regreso a Vigo,
todos levamos unha boa lembranza desta primeira andaina da vixésimo-primeira
tempada. Vaia un agradecemento especial para o anfitrión, para os avós, para os
cociñeiros, para os músicos e, en xeral, para todos os compoñentes do Souto do
Vello por este día de convivencia.
Vinte anos pasaron
rápido pero todavía quedan moitos quilómetros por percorrer.
Para ver as fotos fai clic aquí.















