O Souto do Vello no cume galego!
11 de abr. de 2024
21 de mar. de 2024
Monte Seixo - Porta do Alén
O
pasado domingo 17 de marzo, fixemos unha ruta moi interesante chea de maxia,
natureza e tradición, con dúas partes ben diferenciadas.
Achegámonos ata o concello de A Lama, na localidade de O Pelete para ascender ata o monte Seixo, en pleno corazón da Serra do Cando, que é un espazo natural dentro da Rede Natura 2000 e catalogado como LIC (lugar de interese comunitario). No alto non tivemos
moita sorte coas condicións meteorolóxicas, xa que a brétema impediunos gozar das vistas dende o miradoiro chamado Das Tres Rías. Puidemos adiviñar a ponte de Rande e mais a illa de Tambo... e pouco máis. Pero o que si fixemos foi atravesar a Porta do Alén. Trátase dun conxunto de rochas con formas caprichosas. Chámanlle a Porta do Alén ou Portalén porque semella unha porta, a porta do máis alá, a porta ó mundo dos mortos. Moi preto dela está o Marco do Vento, un maxestoso e monumental menhir de 3 metros de altura e que segundo a tradición é o punto onde conflúen as forzas do universo.
A partir de aí comezamos a segunda parte da ruta cunha baixada constante pasando pola aldea de Barcia do Seixo coas ruínas da Rectoral, a igrexa de Santa Ana e a Eira dos Vidas, recentemente rehabilitada, cos seus hórreos e un cabazo da época.
Pasamos
por un muíño co tellado de pedra, pontellas, corredoiras con muros cubertos dun
espectacular musgo e unha levada que nos levou ata a aldea da Saleta onde
paramos a xantar.
Xa só nos quedaba chegar ata o río Verdugo, no lugar de Fírveda onde hai unha espectacular fervenza e volta ó Pelete.
De volta para Vigo fixemos unha pequena parada en Casa Florencio na praia fluvial de A Lama, onde nos atenderon tan ben coma sempre, para tomar unha refrescante cervexiña.
Remate
dunha bonita xornada e convocatoria para o vindeiro 21 de abril no noso “Santuario
do Bacalhau”.
Para ver as fotos fai clic aquí.
11 de mar. de 2024
7 de mar. de 2024
Ruta do Arenteiro ( O Carballiño )
As celebracións das eleccións á Xunta e do Día da Cacheira no Carballiño obrigáronnos a pospoñer a saída do mes de febreiro para o primeiro domingo de marzo. A razón era que queriamos rematar a andaina cun cocidiño no restaurante “Esclavo”.
E así foi.
O domingo 3 de marzo saímos de Matamá en dirección ó Carballiño para facer unha
pequena ruta sen medo a que a chuvia nos estragase a mañá.
Comezamos
a camiñar polo paseo fluvial do río Arenteiro, xusto debaixo do Gran Balneario,
ata a ponte medieval chamada Ponte da Veiga.
Continuamos
a ruta por cómodos sendeiros atravesando bosques de carballos e castiñeiros ata
chegar á ermida da Virxe da Saleta, despois de pasar pola localidade de Vilar. Nesta
ermida celébrase unha gran romaría o día 19 de setembro.
A partir de aquí imos desdendendo pasando polas localidades de Enfesta e Godás do Río ata chegar de novo ó sendeiro do Arenteiro.
Esta
pode ser a parte máis bonita da ruta, xa que fomos camiñando ó pé do río que
baixaba bravo debido ás últimas chuvias ofrecéndonos un espectáculo
impresionante. Con algunha dificultade chegamos ata o Muíño das Lousas, unha zona
espectacular con represas, muíños e un museo que non puidemos visitar por estar
pechado.
Seguimos
polo paseo baixo unha incómoda chuvia ata o punto de partida onde o amigo Rubén
nos tiña o autobús preparado para poder cambiar a roupa mollada.
No
restaurante “Esclavo” xa nos agardaban as compoñentes do grupo alternativo que
pasaron unha boa mañá paseando polas rúas da vila.
Alí demos conta dun bo cocido ben servido por amables camareiras que deu paso á actuación dos Soutiños...memorable coma sempre a pesar do bombeiro becario.
Volta a
Matamá quedando emprazados para dentro de quince días, o 17 deste mes, para a
saída de marzo.
20 de feb. de 2024
26 de xan. de 2024
Ruta Máxica de Oia
Vimos de gozar duns días “máxicos” onde todo é paz e felicidade, comer e beber ben, e ata veñen uns homes disfrazados que nos deixan agasallos para todos e todas. E toca comezar a camiñar...pois que menos que facelo pola Ruta Máxica e Oia.
E así foi, este
domingo pasado achegámonos ata alí para facer este percorrido histórico-arqueolóxico e
paisaxístico pola serra da Groba, coñecida como Ruta Máxica de Oia, entre
Mougás e Oia (O Arrabal).
Entre outras cousas puidemos gozar de distintas vistas panorámicas entre os montes e vales e Mougás e Viladesuso, achegámonos a dous castros, varios grupos de rochas gravadas ou petróglifos, estivemos nas pozas de Mougás, vimos varias fervenzas ó longo do camiño, cruzamos o Sobreiral do Faro, primeiro espazo natural protexido de Galicia...
Comezamos o
percorrido cunha pequena subida que nos levou ata o castro da Cabeciña, onde
hai unhas fermosas vistas e xa temos algúns petróglifos ó seu pé. Pronto
chegamos ás pozas de Mougás onde fixemos unha pequena parada para repoñer
forzas. Un pouco máis adiante atopamos a fervenza máis alta do lugar, que coas
chuvias caídas ultimamente baixa espectacular. Cunha pequena subida chegamos
ata o Outeiro da Cheira e moi preto está o picadeiro co seu petróglifo das
Goteiras. De alí fomos ata o Castro dos Mouros.
Agora xa camiñamos polo val de Viladesuso e dirección ó sobreiral. Despois de pasalo chegamos ó miradoiro da Pousadela cos seus petróglifos fronte ás illas Orelludas.
Baixando por unha
pista máis estreita chegamos ata o famoso petróglifo da Auga dos Cebros onde o
noso profe Telmo nos deu unha precisa e preciosa charla.
Pronto chegamos ó punto onde se inicia ou remata a ruta oficial. Nós continuamos baixando ata chegar ó Camiño de Santiago polo que fomos en dirección ó Mosteiro, fin da nosa ruta.
Ó pé da súa
fachada fixemos unha pequena tertulia para comentar os pormenores da primeira
ruta do ano cunha cervexiña na man.
Subimos ata a
estrada principal onde nos agardaba Rubén para traernos de volta a Vigo.
Quedamos
emprazados para a andaina do cocido o día 3 de marzo ás 8 da mañá.
Para ver as fotos fai clic aquí.














